Levamos máis de 40 anos repetindo os afinados diagnósticos dos males que nos aflixen e facendo sensatas propostas ao servizo do ben común sen que teñan servido un ápice para mellorar a realidade do país. Non esquezamos que o obxectivo fundamental da planificación e da acción urbanística non é outro que a consecución da boa vida para toda a poboación.

Disparados parámetros como a pegada de Carbono e a pegada ecolóxica, ou o crecemento da superficie artificial (3 hectáreas por hora en Galicia) indícannos ás claras que as cousas non só non van ben, senón que van moi mal.

País

Alá foron 40 anos de desgoberno , desregulación e “laissez faire” no ámbito da planificación urbanística, da ordenación territorial, da vivenda, do medio ambiente, do litoral… Disparados parámetros como a pegada de Carbono e a pegada ecolóxica, ou o crecemento da superficie artificial (3 hectáreas por hora en Galicia) indícannos ás claras que as cousas non só non van ben, senón que van moi mal.

A situación, só cos datos na man, e dito isto sen visceralidade algunha, é dramática. O dano feito ao pais é moi grande. O nivel de destrución é alto. Pero cabe preguntarse… é reversible? É a cidadanía galega consciente de que a situación atenta contra a súa calidade de vida? Hai un alto grao de indiferenza social? Ou quizais a cidadanía está de acordo e é cómplice? E, “last but not least”, que capacidade e sobre todo que vontade ten o colectivo de profesionais da arquitectura e do urbanismo para contribuír a parar e reverter esta inmensa desfeita que nos está deixando sen país?

Foto de Xosé Allegue

Polo menos dende o 78, vivimos no goberno autonómico, e tamén no das cidades, nun indesexable escenario de “despotismo pseudoilustrado partitocrático” e pseudodemocrático. Ou se se prefire, nunha democracia de baixísima intensidade, onde as grandes decisións urbanísticas foron opacas e estiveron sempre ao servizo do lucro das elites extractivas. Elites amparadas permanentemente polos seus medios de desinformación e manipulación, públicos e privados, que lles facilitaron a lexitimación e a hexemonía dos seus discursos, que configuraron a opinión pública e que modularon e condicionaron de modo determinante o voto.

Territorio

En relación ao territorio, estes corenta anos demostran a teimuda insistencia do desgoberno autonómico de programar a súa obsolescencia para poñelo ao servizo das grandes multinacionais mineiras enerxéticas e papeleiras e das macrogranxas de gandaría intensiva para convertelo en “Territorio de sacrificio”.

Existe unha absoluta carencia de modelo e de políticas de equilibrio territorial. E por tanto non existe a intención de facilitar a redistribución da poboación no territorio nin en favorecer o seu rexuvenecemento. Galicia é, de feito, un dos países coa media de idade máis alta da Europa.

Con sorprendente présa, as primeiras medidas do goberno en funcións, aínda antes de se constituír o entrante, foron aprobar dous novos parques eólicos na provincia de Lugo e rematar o proceso de autorización e lexitimación de ALTRI, outra multinacional papeleira altamente contaminante que vai impulsar a biocolonización do territorio con miles de hectáreas máis das nefastas plantacións de eucaliptos e vai contaminar gravemente a canle do Ulla ata a ría de Arousa. Mais do mesmo e do que queda por vir…

Un goberno que traballa ao servizo da depredación do país e do enriquecemento do 1%. E vende os nosos recursos industriais e financeiros ao capital internacional desprezando o inmenso valor do noso capital territorial.

Existe unha absoluta carencia de modelo e de políticas de equilibrio territorial. E por tanto non existe a intención de facilitar a redistribución da poboación no territorio nin en favorecer o seu rexuvenecemento. Galicia é, de feito, un dos países coa media de idade máis alta da Europa e con máis alto índice de crecemento vexetativo negativo. E tamén con menores índices de xustiza e democracia espaciais e de satisfacción do dereito á nación, isto é, do dereito a vivir ben e traballar onde se nace.

A metade das vivendas baleiras e en ruína sitúanse ademais no territorio fóra das sete grandes cidades.

O discurso oficial empéñase entrementres en insistir en que Galicia é fundamentalmente urbana. Unha gran mentira ao servizo da concentración do investimento no desl-eixo atlántico, alí onde as plusvalías son maiores para o capital desregulado. Só as macrocifras cuantitativas da análise económica, as que interesan ao capital financeiro na consecución de masas críticas que garantan o seu beneficio, avalan a condición urbana do pais. Pero en ningún caso é así se consideramos a potencia do seu capital territorial, que debe ser factor determinante no cambio de paradigma económico e poboacional que con urxencia necesita o país.

A lexislación urbanística centrouse en favorecer o crecemento periférico especulativo das cidades e a ocupación do territorio, pero moi pouco ou nada en facilitar o coidado, recualificación e rehabilitación da contorna construída, que inclúe considerable patrimonio histórico e monumental.

Un dato final: cando o que necesitamos é a dispersión do gasto das administracións con criterios de solidariedade territorial, o 80 % do investimento público prodúcese de facto no eixo da autoestrada do atlántico, onde se concentra o 75% da poboación.

Cidade

O mesmo despotismo pseudoilustrado partitocrático rexe dende o 78 a gobernanza das nosas cidades (particularmente na Coruña do vazquismo e do posvazquismo, e agora tamén en Vigo ou en Ourense).

Foto de NemO’s

Dende a Lei do solo estatal do 56 ata a Galega de 2016, a lexislación urbanística centrouse en favorecer o crecemento periférico especulativo das cidades e a ocupación do territorio, pero moi pouco ou nada en facilitar o coidado, recualificación e rehabilitación da contorna construída, e en definitiva en coidar e facer crecer o que os economistas urbanos chaman o capital fixo da cidade, que inclúe ademais un considerable patrimonio histórico e monumental.

O modelo económico que para o país se propón dende as distintas administracións parece estar baseado fundamentalmente na construción e no turismo, que adquiren progresivamente máis peso no PIB Galego. O mesmo modelo que no franquismo. Un modelo propio de economías infradesenvolvidas, especulativas e fortemente terciarizadas, que como sabemos e comprobamos na pandemia é un modelo fráxil, enormemente inestable e sensible a calquera movemento estrutural. E que ademais xera numerosas deseconomías e impactos indesexados e inaceptábeis nas cidades e no territorio e que obrigan a un metabolismo urbano insostible.

De feito, as cidades galegas consomen as tres cuartas partes do gasto enerxético do país e producen as tres cuartas partes dos residuos e da contaminación. Inasumíbel. As cidades galegas, lonxe de ser a solución, convértense no problema.

Isto nun país, que segundo os datos actualizados do INE 2023 ten medio millón (506.370) de primeiras vivendas baleiras. Un 28,9 % do parque total fronte ao 14,4 % da media do Estado. E no que se demoleron por suposta obsolescencia nestes 40 anos unha media de 10.000 vivendas por ano. Nin máis nin menos que catrocentas mil vivendas. Unha destrución superior á producida en Alemaña na Segunda Guerra Mundial.

Captura de Google Earth

Mentres, constrúese unha media anual de 15.000 novas vivendas no libre mercado, máis que en Francia, Alemaña e Italia xuntas, e de prezo inalcanzable para a inmensa maioría da poboación, cando as prognoses de crecemento vexetativo continúan a ser negativas. Unha auténtica falta de razón que substitúe o valor de uso polo valor de troco ao servizo da especulación económica e do lucro dos de sempre en prexuízo do bo vivir do 99% da cidadanía galega.

Ademais, a porcentaxe de vivenda pública en alugueiro social alcanza un misérrimo 0,2% do parque total, fronte ao xa paupérrimo 2,5% da media do Estado e ao 20% da media da Europa avanzada. Tratándose a vivenda dun elemento fulcral de integración social, unha absoluta barbaridade inadmisible a estas alturas do século XXI.

Un modelo económico que deixa en evidencia un aparello lexislativo capturado ao servizo do enriquecemento duns poucos ao custo da depredación do país e do empobrecemento da inmensa maioría da poboación.

No ano 1973 un dos máis grandes urbanistas europeos da segunda metade do século XX, o romano Giuseppe Campos Venuti ( 1926-2019 ), escribía un libro fundamental para toda unha xeración de urbanistas : “Urbanística e austeritá”. Nel propoñía que fronte ao paradigma do urbanismo de crecemento ilimitado das épocas da expansión incontrolada na ocupación do espazo, sustentado sobre as bases do antigo modelo de explotación irracional do solo, non podemos formular outro modelo que non sexa o de conter o crecemento e decrecer. E facelo dedicándonos a coidar o que xa temos, favorecendo o crecemento cualitativo e non cuantitativo das cidades. Trátase, pois, de evitar o malgasto do patrimonio edificado e sobre todo do solo, que é un recurso limitado ademais de principal protagonista dos procesos especulativos.

Nas obras de rehabilitación a porcentaxe sobre o custo total da man de obra é do 70%, correspondendo o 30 % a materiais. Ademais non consomen novo solo. Na obra nova, sen embargo, invértense as porcentaxes. Pero aos promotores interésalles capitalizar as plusvalías da súa actividade especulativa a través do incremento do prezo do solo.

Un urbanismo responsable xa hai tempo que tiña que ter establecido como categorías sostibles prioritarias as nocións de rehabilitación non especulativa, rexeneración e eficiencia enerxética, e tiña que terse fundamentado no coidado e recualificación dos espazos xa urbanizados e da arquitectura xa construída.

De feito, as administracións capturadas non apostan de modo decidido pola rexeneración e a rehabilitación porque, aínda xerando un 40% mais de emprego que a edificación de obra nova, o lucro para os promotores inmobiliarios é un 40% menor que na construción de nova planta, visto que na rehabilitación non se produce o beneficio da plusvalía obtida pola especulación co prezo do solo.

Nas obras de rehabilitación a porcentaxe sobre o custo total da man de obra é do 70%, correspondendo o 30 % a materiais. Ademais non consomen novo solo. Na obra nova, sen embargo, invértense as porcentaxes cun 70% de gasto en materiais e un 30% en man de obra. Pero aos promotores interésalles capitalizar as plusvalías da súa actividade especulativa a través do incremento do prezo do solo no canto de crear postos de traballo e remunerar aos traballadores.

E todo isto cando fiábeis estimacións consideran que o 25% da poboación galega se atopa en risco de pobreza.

Pensemos no volume de negocio para o sector da construción que xeraría o medio millón de vivendas baleiras no seu proceso de rehabilitación e mellora da súa eficiencia enerxética. Se consideramos unha superficie media por vivenda de 100 metros cadrados construídos, e un prezo de rehabilitación de 1500 euros o metro cadrado, sáenos unha cifra de 75.000.000.000, isto é, setenta e cinco mil millóns de euros. Pero aínda así parécelles pouco.

Hai tempo que a situación se volveu insoportable. A actividade económica desregulada, que trae consigo procesos de urbanización desaforada e insostible, produce ademais un rexeitable modelo de mobilidade, carbonización da economía, inmensa pegada ecolóxica, aumento da superficie artificial, elevado consumo de auga, toneladas de residuos contaminantes, e, sobre todo, a desaparición de dereitos básicos como o dereito á saúde urbana, o dereito a un medio ambiente sano –auga, aire e alimentos– ou o dereito a elixir o lugar de residencia –democracia espacial–, entre outros dereitos vinculados ao hábitat e á cidade.

Tal e como sinalou recentemente o xeógrafo David Harvey, «As cidades hai tempo que se converteron nun medio para que o capital excedente, estancado nos fondos bancarios, poida investir… Xa non están organizadas para que a xente poida vivir con calidade de vida, senón para que o capital poida producir o maior beneficio».

Miserables urbanistas

E mentres isto sucede, cal é o papel dos profesionais da arquitectura e do urbanismo do país?

O discurso profesional da maioría deles e da propia corporación profesional limítase á obra, á peza de arquitectura de autor ou como moito á renovación ou á reconstrución da cidade. Poucos falan de reequilibrio territorial, de xustiza e democracia espaciais, de soberanía alimentaria, de capital territorial, de dereito á cidade e ao territorio, de dereito á vivenda, de rehabilitación antiespeculativa, de participación, de metabolismo urbano, de integración social, de pegada ecolóxica e de carbono…

Os profesionais da arquitectura e o urbanismo perderon hai ben tempo a lexitimidade para xerar opinión crítica e para ser respectados polos responsables políticos e pola cidadanía. Perderon o sentido da necesaria confrontación para poñerse ao servizo da causa do ben común e situaranse do lado do servilismo e da complicidade co poder.

Nun artigo publicado o 8 de Decembro de 2006 no xornal “El País” titulado “Miserables Urbanistas”, a prestixiosa xornalista Soledad Gallego Díaz realizaba un diagnóstico que avanzaba o futuro :

¿Qué ha pasado con los alcaldes, urbanistas y arquitectos que en los años 80 advertían contra esa locura? ¿Qué ha sido de aquellos alcaldes y de aquellos especialistas que luchaban por un urbanismo comprometido con la ciudadanía, con una forma de ser de la ciudad y del paisaje? ¿Con aquellos concejales y consejeros de urbanismo que creían en el patrimonio común y en que no era lo mismo dejar que la ciudad creciera por un lado que por otro, de una manera que de otra?(…)Todos se contaminaron de esa otra visión burocrática, rutinaria y miserable del urbanismo que ahora sufrimos los ciudadanos y que nadie, ni tan siquiera aquellos urbanistas y arquitectos que en otros momentos levantaron la voz, parece hoy querer, ni saber, combatir.”

Xa non nos queda nada da “esperanza desesperada” da que escribiu o sociólogo e profesor conimbricense Boaventura de Sousa Santos. Porque, tendo en conta os antecedentes, e pensando nos polo menos catro anos que nos quedan por diante, ninguén dubide que no que se refire á evolución negativa dos parámetros que miden a calidade de vida da cidadanía do país, o futuro xa está aquí.