Téñome ocupado de xeito reiterado1 sobre como no que levamos deste século a poboación moza de Galicia se ten afundido e das causas de que isto fose así (resumindo: somos un país desnortado). Tamén de que é ese -a emigración- o motivo de fondo da nosa escasa natalidade. E, en suma, da nosa continua caída no saldo vexetativo da poboación nacida en Galicia.
Cando este asunto o focalizamos na poboación moza universitaria a imaxe que obtemos é para saír correndo. Pero tan afeitos estamos a que as cousas sexan inevitables que mellor non falamos delas e miramos para a Cidade da Cultura, para o Xacobeo ou para Zara. ¿Algún problema?
Sen dubida temos un problema. Pois partindo dos datos de alumnado matriculado nas Universidades do ano 2000 -que elaborou o INE– e pechando cos que coñecemos máis recentemente (curso 2024-2025) con datos do Ministerio de Educación, a situación de Galicia no conxunto de España é máis que preocupante.
ALUMNADO UNIVERSITARIO

Fonte: elaboración propia con datos do INE e do Ministerio de Educación
Se a evolución no conxunto de España foi dunha lixeira diminución (de 100 a 89 en números índice) en Galicia foi dunha caída á metade (de 100 a 51). Nada que ver. Eso implica, en segundo lugar, que a Galicia minguante non só o é en termos absolutos senón que se traduce nunha perda de peso en España do 6,2% ao 3,6% dos estudantes universitarios.
E, en terceiro lugar, que de non ter anotada esta asimetría Galicia tería que manterse nuns 87.000 alumnos neste curso fronte aos 50.500 que en realidade temos. Consecuencias de ser un país minguante.
Como non se consola o que non quere haberá quen diga que así podemos dar en Galicia unha mellor calidade do ensino universitario. Mesmo que podemos facelo gastando moito menos que noutras partes de España. E que así a Xunta de Galicia pode presumir de financiar o ensino superior con menos recursos, e as Universidades gabarse de mellorar a calidade.
Toda unha empanada mental dun país de desnortados e minguantes ao que parece satisfeitos de tirarlle proveito a esta desfeita.
Case a metade dos titulados e tituladas universitarias emigran cara ao resto de España.
Clarexado isto a seguinte pregunta debera ser ¿que foi pasando con aqueles 98.000 do ano 2000 que agora xa son apenas á metade?
Un posible destino dos nosos potenciais emigrantes máis mozos (nun país minguante) vai ser o resto de España. Cos datos do Informe de Mobilidade de Traballadores segundo o nivel académico elaborado pola Xunta de Galicia para a media dos dez anos que van de 2014-2023 sabemos que saíron cara ao resto de España algo menos de cinco mil mozos e mozas galegas ao ano con titulación universitaria. Como queira que os egresados do sistema universitario galego veñen sendo uns nove mil alumnos segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación, chegamos á conclusión que case a metade dos titulados e tituladas universitarias emigran cara ao resto de España.
E xa temos o círculo vicioso en marcha. Nun país desnortado e con escasas probabilidades de emprego como é Galicia, emigran a metade dos mozos universitarios. De rebote a natalidade xa non pode manterse, co que os alumnos que entran nas Universidades van ir en caída libre. ¿Algún problema?








