Un cirurxián estadounidense denuncia os ataques indiscriminados de Israel contra civís palestinos en Gaza: “As bombas deixan nenos en cueiros coas súas extremidades arrancadas”.
Hai motivos dabondo para pensar que a resolución da CPI (Corte Penal Internacional) chega bastante tarde vendo como está a situación en Gaza e Cisxordania. Nada poderá devolverlles a vida aos centos de miles de gazatis asasinados polo exercito israelí e por mandato de Benjamin Netanyahu que goza do apoio político e militar do Imperio estadounidense e o de non poucos estados de Occidente. Un apoio que, por caso, impide que o Consello de Seguridade da ONU pida un alto o fogo en Gaza: Estados Unidos utiliza para isto o seu poder de veto.
En que consiste a resolución da Corte Penal Internacional? Ordes de arresto contra o Primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e o seu exministro de Defensa, Yoav Galiant, ao consideralos máximos responsables da comisión de crimes de guerra e lesa humanidade na franxa de Gaza, cando menos dende o 8 de outubro do ano pasado.
Que é a Corte Penal Internacional (CPI)? A CPI, tamén coñecida como TPI (Tribunal Penal Internacional), que ten a súa sede na Haia, é un tribunal de xustiza internacional de última instancia, rexido polo Estatuto de Roma cuxa misión é xulgar as persoas acusadas de cometer crimes de xenocidio, guerra, agresión e lesa humanidade. Os seus antecedentes máis significativos están nos Tribunais de Núremberg e Tokio nos que se xulgaron os crimes de guerra durante a II Guerra Mundial cometidos por dirixentes alemáns e xaponeses, respectivamente.
A pesar diso e dado o número de estados que o integran, non cabe dúbidas de que esta resolución ten indiscutibles efectos políticos que van mais aló da reducir a liberdade de movemento internacional dos acusados.
Que efectos prácticos ten esta resolución? Dado que a Corte Penal Internacional non ten forza policial propia e que países como Estados Unidos, China, Rusia, India, Israel, Irán e a maioría das monarquías arábigas non a recoñecen, as posibilidades de que Netanyahu e Yoav Galiant sexan xulgados na Haia son practicamente nulas. Pero si verán moi limitada a súa liberdade de movemento a nivel internacional xa que os 123 países que si recoñecen a CPI (practicamente tódolos estados europeos e latinoamericanos, Canada, México, moitos estados africanos, Australia…) están obrigados a arrestalos. En relación ao que realmente debera importar: que efectos prácticos terá esta resolución sobre o conflito de Gaza? Sinceramente pensamos que ningún. Tendo en conta a personalidade criminal de Netanyahu pode incluso que este radicalice aínda mais a súa posición xenocida e imperialista.
A historia ensina que nos 22 anos que a CPI leva funcionando a súa eficacia é moi limitada polas razóns apuntadas, e como mostra a realidade de que leva 31 procesos que supuxeron 51 xulgados, maioría do Sur global e de estados falidos (Gaddafi, Al Bashir, Kenyatta….). Ultimamente o caso mais soado ten sido o do líder ruso Vladimir Putin contra o que a CPI ten tamén ditada unha orde de detención (a primeira vez que se condena ao líder dunha potencia nuclear). A pesar diso e dado o número de estados que o integran, non cabe dúbidas de que esta resolución ten indiscutibles efectos políticos que van mais aló da reducir a liberdade de movemento internacional dos acusados. Neste caso supón unha vitoria politicamente importante dos palestinos, aínda que non freará o seu xenocidio, e unha derrota do goberno israelí. Supón tamén un certo lavado de imaxe do CPI a quen deica hoxe se lle acusaba de só actuar contra lideres hostís a Occidente.
Pero esta resolución tamén vén deixar en evidencia a neglixencia e a impotencia da ONU, especialmente do seu Consello de Seguridade, que ao día hoxe se mostra incapaz de deter o xenocidio en Gaza e de atopar unha saída pacífica e xusta ao mesmo.