Unha pantasma percorre os Estados Unidos: a pantasma do fascismo

| As claves

A estas alturas, e logo de dous anos de mandato, cada día que pasa quedan menos dúbidas de que a segunda presidencia de Donald Trump está a favorecer o ascenso do fascismo nos Estados Unidos. Un ascenso máis visible conforme se van aproximando as datas en que deben celebrarse as eleccións lexislativas de medio mandato —as coñecidas como midterms—, que decidirán o control das dúas Cámaras —Representantes e Senado—. Isto sucede cando, segundo todas as enquisas, medran as posibilidades dunha gran derrota do Partido Republicano, o que poñería en grandes dificultades a Donald Trump para seguir gobernando co seu estilo autoritario e despótico. Fálase mesmo de que, se se produce unha gran vitoria dos demócratas, o resultado os anime a poñer en marcha un proceso de destitución do presidente: un impeachment.

Unha deriva interna que estaba anunciada

Unha deriva totalitaria da actual Administración estadounidense que se manifesta tanto na política interior como na exterior e que, se xa se anunciaba nos últimos anos do mandato de Barack Obama, non sería ata o segundo mandato de Donald Trump cando realmente comeza a estar presente na política, na Administración e na sociedade estadounidenses. Un segundo mandato que estivo precedido por un intento de golpe de Estado (xaneiro de 2021), pouco despois de que aquel perdese as eleccións lexislativas fronte a Joe Biden. Unha acción subversiva que situaría a democracia estadounidense á beira do abismo.

Un ascenso do fascismo que adquire visibilidade co Proxecto 2025, que iniciou a súa andaina co despedimento de milleiros de funcionarios públicos —que serían substituídos por persoas afíns á causa trumpista—, o recorte de axudas e subvencións a entidades educativas e culturais, a supresión de programas que incluían axudas en función da etnia, a raza, o xénero, a orixe nacional, o sexo e a orientación sexual, e unha eliminación case total do financiamento ás axencias dedicadas ao desenvolvemento internacional. Actuacións represivas que puxeron no albo os diferentes colectivos minoritarios, e non tan minoritarios, como a xente de cor, as institucións científicas, as universidades e, por suposto, as ONG —algúns activistas serían asasinados por axentes do ICE—. Tampouco escaparían destes ataques aqueles medios de comunicación e opinión que non simpatizan co trumpismo, actuación para a que Donald Trump contou co apoio dos tecnooligarcas que financiaran a súa campaña e que son claramente hostís á prensa libre.

Son actuacións que fomentan o supremacismo e que, como sinalaba, teñen como vítimas preferentes as mulleres, os cidadáns de cor, as persoas transxénero, os ecoloxistas, os inmigrantes, os que cumpren condena e todos aqueles colectivos sociais que se atopan entre os máis desfavorecidos. Para levalas a cabo, Donald Trump non dubida en apoiarse nos aparellos de seguridade do Estado, como o ICE (Servizo de Inmigración e Control de Alfándegas dos Estados Unidos) e a Garda Nacional, que chega mesmo a tomar militarmente cidades relevantes gobernadas por políticos demócratas (Os Ánxeles, Chicago, Nova Orleáns…) e que Trump trata coma se fosen cidades inimigas. Non se debe perder de vista que estes ataques teñen no punto de mira as eleccións de medio mandato e como obxectivo cambiar o actual mapa electoral manipulando os distritos electorais e o voto por correo, así como reducindo tanto o voto das minorías sociais, meténdolles medo a seren detidas se van votar, como o dos cidadáns que maioritariamente apoian os demócratas. Donald Trump e os seus seguidores pensan que, cantos menos cidadáns vaian votar, maiores serán as súas posibilidades de éxito.

En realidade, Donald Trump considera traidores, e así os trata, todos aqueles cidadáns, entidades administrativas e institucións que non lle son leais. Non ten reparos, por exemplo, en sinalar como inimigos aqueles maxistrados que intentan opoñerse aos seus desmáns. Ao mesmo tempo, e para asegurarse un maior control do poder xudicial, garantiu o control do Tribunal Supremo pedíndolle lealdade á súa maioría conservadora (6 a 3) e o cesamento do fiscal xeral.

Recentemente, e logo do triunfo de varios candidatos socialistas nas primarias do Partido Demócrata, a Cámara de Representantes, dominada polos republicanos, vén de aprobar unha resolución non vinculante de condena do socialismo en todas as súas formas: «Non só denunciamos o socialismo, senón tamén a idea de que persoas que non son cidadáns estadounidenses voten nas nosas eleccións». Declaracións relacionadas coa intención de Donald Trump de aprobar unha lei —SAVE American Act— cuxo obxectivo é impedir que as persoas que non teñen a cidadanía estadounidense voten nas eleccións.

Ruptura da orde internacional

No ámbito internacional, a Administración Trump posicionouse claramente contra o dereito internacional e as institucións (ONU, CPI…: «demasiado débiles») que o defenden. Paralelamente, non cesou nos seus ataques contra aqueles países cuxos gobernos considera que non respectan a súa vontade. Ataques que adoptan formatos diversos, como aranceis, secuestro de gobernantes e asasinato de dirixentes políticos, bombardeos masivos, bloqueos, ameazas, xenocidios e tamén guerras. Actuacións que deixan ben clara a intención da Administración Trump de volver aos tempos máis escuros da hexemonía imperialista —a Guerra Fría— e que buscan substituír unha orde mundial baseada en regras por outra na que reine a lei do máis forte.

Un obxectivo que aparece recollido na Estratexia de Seguridade Nacional (ESN), de novembro de 2025, que defende cambiar a lóxica da paz pola guerra e o diálogo polo emprego da forza («a forza é o maior elemento disuasorio»). Unha estratexia (MAGA: Make America Great Again) que nos lembra a doutrina Monroe («América para os americanos»), xa que entre os seus obxectivos está o dominio político-militar e o control paralelo dos recursos naturais de todo o continente americano, desde Alasca ata a Terra do Fogo. Recentemente, Donald Trump publicou nas súas redes un mapa no que aparecen como territorio estadounidense toda Norteamérica, parte do Caribe, Islandia e Groenlandia. Se chegase a gañar as eleccións de novembro, igual publica outro mapa no que Europa occidental tamén apareza como territorio estadounidense ou, mellor, territorio Trump.

Accións todas elas, e outras que non citamos por falta de espazo, que confirman a deriva fascista que Donald Trump e os seus apoios —tecnooligarcas, grandes bancos e petroleiras, industrias armamentísticas, igrexas diversas…— lle queren dar aos Estados Unidos para aseguraren así a súa hexemonía e os seus beneficios.