Unha Europa que mira cada vez máis á extrema dereita

Consonte neste século se van celebrando comicios electorais (os últimos veñen de celebrarse nos estados alemás da Turinxia e Saxonia), vaise confirmando que Europa, a Unión Europea para ser mais precisos e exactos, mira politicamente cada vez mais á dereita, incluso á extrema dereita. Unha deriva que pon en evidencia como o neoliberalismo autoritario é o grande triunfador na policrise actual, mentres as esquerdas mostran enormes debilidades políticas e ideolóxicas que explican as súas concorrentes derrotas. Derrotas a pesar de que a súa presencia nalgúns gobernos europeos (España, Alamana, Dinamarca e Malta) podía facer pensar que tamén teñen vitorias, cousa que non responde á realidade xa que polas súas políticas non se pode dicir que estes gobernos sexan de esquerdas nin moito menos. Sendo moi xenerosos, diríamos que son gobernos de centro-esquerda (cando non de centro-dereita como o caso alemán) que combinan tímidos avances sociais con políticas económicas que de ningún modo cuestionan a senda neoliberal da eurozona.

Incluso Francia, a pesar da recente vitoria das esquerda (a Nova Fronte Popular obtivo a maioría simple nas eleccións lexislativas do pasado xullo), non parecera que sexa quen de evitar esa deriva, senón que aposte por mirar á dereita coa decisión do Presidente da República, Emmanuel Macron, de nomear Primeiro ministro a Michel Barnier, xenuíno representante da dereita liberal-conservadora francesa. Un nomeamento que supón un enfrontamento coa coalición de esquerdas pero que satisfai á extrema dereita de Marine Le Pen.

A nivel práctico, estes resultados electorais, que se producen no contexto dunhas participacións cada vez mais baixas, veñen confirmar o sinalado antes de que a Unión Europea mira á dereita e incluso a unha extrema dereita en ascenso (goberna en cinco países da Unión: Italia, Hungría, Polonia, República Checa e Finlandia, e en dous máis apoia ao goberno de quenda: Suecia e Países Baixos). Un ascenso que reforza aínda mais o relato político e económico que viñan marcando as autoridades comunitarias e que foi imposto polos gobernos dos países que dominan a Unión Europea e pola grande banca, os fondos de investimento e as grandes empresas.

Un relato que no plano económico manterá como guías os axustes fiscais (para o que se utilizará como pretexto o elevado incremento das débedas públicas) e a ortodoxia monetaria (co argumento de loitar contra a inflación), tal e como confirma tanto a aprobación das novas regras fiscais como as decisións últimas do BCE. A nivel ambiental e logo das últimas mobilizacións campesiñas confírmase que a Unión Europa meteu nun caixón o seu Pacto Verde, o que significa que manterá a súa inacción diante do cambio climático. A nivel social o horizonte vén marcado por un endurecemento das políticas migratorias (Pacto de Inmigración e Asilo). En política internacional a Unión Europa, totalmente aliñada coa OTAN, aposta sen disimulos polo rearme e o militarismo, como evidencia tanto o incremento do gasto público en armamento como a súa posición en conflitos como a guerra en Ucraína, o xenocidio en Gaza e as guerras civís en Orienta Medio e Africa. Finalmente, a nivel político a alianza das dereitas coas extremas dereitas supón abrila porta a unhas democracias vixiadas que teiman nos recortes dos dereitos e as liberdades democráticas e na represión, especialmente dos colectivos mais vulnerables (inmigrantes, minorías étnicas, colectivo LGTBI+…..).

Políticas que abonarán o terreo para que a extrema dereita siga avanzando posicións na Unión Europea.