Un intento de golpe de Estado xudicial?

Sabiamos que podía chegar este momento, e de feito viñemos avisando de que había forzas escuras que estaban conspirando contra a democracia en España, e que nese obxectivo, dende sectores minoritarios pero moi poderosos, se estaba preparando un golpe de Estado xudicial contra o goberno de quenda (PSOE/Sumar).

Acabamos de saber que o maxistrado do Tribunal supremo Ángel Hurtado vén de ditar un auto de procedemento abreviado contra o Fiscal Xeral de Estado, Álvaro García Ortiz, e a Fiscal Provincial, Pilar Rodríguez, por un presunto delito de revelación de secretos cometidos ao filtrar o correo electrónico coa confesión de Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Un procedemento que, por todo o que xa sabemos, non ten nin base xurídica nin argumentos sólidos. Que é todo unha montaxe xudicial, baseado en elucubracións e indicios, para continuar coa campaña de acoso e derribo do goberno español de quenda e que agora se centra no Presidente de Goberno, Pedro Sánchez.

Que é todo unha montaxe xudicial, baseado en elucubracións e indicios, para continuar coa campaña de acoso e derribo do goberno español de quenda.

Por se houbera dúbidas sobre as reais intencións deste auto, o maxistrado achaca directamente á Presidencia do Goberno (Pedro Sánchez) unhas supostas indicacións para filtrar á prensa o correo no que o señor González Amador, mozo de Ayuso, se declara responsable de dous delitos fiscais. Queda claro para onde van dirixidos os tiros?

Que está pasando realmente? Moi sinxelo. As dereitas extremas por vías políticas e democráticas como, por caso, sería unha moción de censura parlamentaria, non son quen de derribar o goberno de progreso porque as continuas torpezas do señor Núñez Feijoo e a súa tropa (PP) afastan a posibilidade dun acordo cos partidos nacionalistas de centro dereita (PNV, JxCat) necesarios para esa maioría. A vía da rúa tampouco funciona pois a manifestación convocada este domingo 8 de xuño contra o goberno de quenda (entre 50 e 100.000 asistentes, unha cifra ridícula para tal empeño) foi un absoluto fracaso. A Lei de Aministía vén de ser informada favorablemente polo Tribunal Constitucional dándolle así a razón ao goberno e tirando por terra o obxectivo das dereitas extremas (PP/Vox) de declarala inconstitucional -o que sería un golpe case mortal para o goberno de quenda (PSOE/Sumar)-. A economía española presenta os mellores resultados da Unión Europea, cuns números en emprego espectaculares, o que non deixa de ser un éxito deste goberno… Feitos obxectivos todos que tanto apuntan a que este o goberno, a pesar das continuas cambadelas, vai a rematar a lexislatura (2027) como a que a alternativa Núñez Feijoo, a pesar das enquisas, non resulta fiable senón de moi dubidoso éxito, e a proba está na moi baixa consideración entre a cidadanía do candidato.

A vía da rúa tampouco funciona pois a manifestación convocada este domingo 8 de xuño contra o goberno de quenda (entre 50 e 100.000 asistentes, unha cifra ridícula para tal empeño) foi un absoluto fracaso.

Á señora Isabel Ayuso, alternativa a Núñez Feijoo para un sector das dereitas extremas, multiplícanselle as frontes xudiciais e políticas dende o feito indiscutible de que o seu mozo cometeu os delitos de fraude fiscal, falsidade en documento mercantil, corrupción nos negocios e administración desleal, polo que tería que entrar na cadea, co que iso supón para a súa imaxe política -alguén cre que a señora Ayuso non estaba ao tanto das falcatruadas do seu mozo? Que, por caso, non sabía con que diñeiro se pagou o ático?-. Tamén está o asunto das residencias e os protocolos da vergoña (7.291 maiores falecidos), que pon en evidencia a responsabilidade do Goberno madrileño nesas mortes e, xa que logo, da súa Presidenta.

Vistas todas estas evidencias, a fronte xudicial conservadora, polo que estamos vendo, decide xogar a fondo as súas cartas, aínda que sexa a modo golpista para conseguir derrubar este goberno “ilexítimo”. Para maior seguridade sobre as reais intencións desta fronte xudicial, basta con pasar revista ao historial do maxistrado señor Ángel Hurtado, un fechado de imparcialidade como afirma un xornalista madrileño. Un maxistrado do Tribunal Supremo que no seu día “arquivou a causa do asasinato de José Couso, cámara de televisión, que tratou de impedir que Mariano Rajoy declarase no caso de corrupción da Gurtel, que se opuxo a condena polo mesmo ao PP, que defende que os maxistrados arroupen xuridicamente os partidos cos que se senten mais afíns…” (en que partido estará pensando o señor Hurtado?).

Vistas todas estas evidencias, a fronte xudicial conservadora, polo que estamos vendo, decide xogar a fondo as súas cartas, aínda que sexa a modo golpista para conseguir derrubar este goberno “ilexítimo”.

Evidencias, ás que se poderían sumar as dos incontables casos de corrupción que afectan ao Partido Popular que dormen nos despachos á espreita de seren arquivados por prescrición. Evidencias todas que levan a pensar que en España hainos (políticos, xornalistas,  maxistrados, grandes empresarios e banqueiros) que están traballando nun golpe de Estado xudicial contra un goberno lexítimo (PSOE/Sumar).