Termómetro estremeño

As recentes eleccións en Estremadura creo que confirman tendencias de fondo que actúan no conxunto do reino de España (coas excepcións de Euskalerria e Catalunya). E non me refiro tanto ao volume total de votos recibidos polas dereitas (PP e Vox) respecto das esquerdas (PSOE e UxEstremadura) -absolutamente decantado para a dereita- como ás variacións respecto das eleccións do ano 2023. Recollo nunha gráfica esta última perspectiva.

Fonte: elaboración propia con datos da Junta de Extremadura

Fonte: elaboración propia con datos da Junta de Extremadura

O termómetro estremeño avaliado así infórmanos de que a esquerda “verdadeira” de Unidas por Estremadura apenas foi quen de recoller 16 de cada 100 votos perdidos pola esquerda “borrosa” do PSOE. Mentres que a dereita “verdadeira” de Vox non só é quen de recoller todos os votos que perde a dereita “borrosa” do PP, senón de multiplicar por máis de catro esa perda.

Sobra dicir que as esquerdas se baleiran cara a unha abstención crecente, mentres que as dereitas están a cada paso máis mobilizadas. Medra o desequilibrio.

Se os referentes fosen asuntos tan prosaicos coma o mix da defensa do negacionismo climático co respaldo da fuxida cara adiante nuclear, con este termómetro medran os trumpistas sen complexos. Tamén as grandes empresas do IBEX estarán contentas co resultado que veñen alimentando. E os abandeirados dunha España centrípeta (o asunto vai dos megawatts estremeños que precisa Madrid) pódense dar por contentos.

Todos os que non comunguen con esta santa trindade deberan tomar boa nota, porque -aínda que imos empezar un novo ano- andamos hai tempo, nestes asuntos, en tempo de desconto.