O tempo morto de Sánchez

Xogou ao baloncesto algúns anos. Sabe da importancia e utilidade estratéxica dos tempos mortos. Para superar un revés ou unha mala tirada. Para tomarse un descanso e recuperar folgos. Para acomodar unha mellor defensa. Para espreguizar os distraídos. Para motivar os propios. Para recuperar a iniciativa ofensiva. Para reafirmar —ou modificar radicalmente— o plan de partido. Para inverter a tendencia. Para gañar. O 24 de abril, Pedro Sánchez decidiu tomarse un tempo para a reflexionar sobre a súa continuidade como presidente do Goberno… ou é un tempo morto para o redeseño radical da súa estratexia política?

O luns 29 de abril despexárase de vez a incógnita. Con todo, tras a súa inédita decisión, comezaron a manifestarse os efectos positivos dun tempo morto. Reactivouse a potencia política do espazo progresista que cristalizou o 23 de xullo e permitiu a derrota de Feijóo e o goberno de coalición de PP e Vox. O PSOE deixou de ser un espectador pasivo e ensimesmado. Socios e aliados do Goberno Progresista pecharon filas co presidente… e, o máis importante, trazouse unha divisoria máis esixente que a tradicional devasa defensiva do antifascismo, quedou á luz a liña de demarcación entre os demócratas e os non demócratas. O campo da cidadanía democrática tamén ficou delimitado pola «decencia común» —o código ético de toda sociedade civil digna— da que nos falou George Orwell e que é o que nos permite distinguir inequivocamente entre o ben e o mal, entre o que é xusto ou inxusto. Afortunadamente, hoxe, a «decencia común» é, tamén, un reactivo contra a apatía que deixou progresar, sen maior resistencia, a estratexia deslexitimadora do Black Block da dereita a partir do 23 de xullo, con prácticas que a inmensa maioría desaproba, pero que, até o 24 de abril, se veu combatendo con pouca coraxe e firmeza.

O 2 de novembro de 2023, José María Aznar deu a orde de mobilización golpista contra Sánchez e o Segundo Goberno Progresista: «O que poda falar, que fale; o que poda facer, que faga; o que poda achegar, que achegue; o que se poda mover, que se mova». Falaron. Unha enxurrada de loiadas e infamias. Achegaron xenerosas cantidades para engraxar medios de desinformación. Recadaron beneplácitos e cartos entre empresarios damnificados pola fin das políticas austericidas e os avances sociais. Fixeron todo e máis para soster o control (ultra)conservador dos tribunais e o poder xudicial. Estenderon o lawfare e aplicación do dereito penal do inimigo. Están a converter o Senado nunha cámara de boqueo institucional e as Comunidades Autónomas que gobernan nun disolvente de memoria, dereitos e liberdades. Aleitan os delirios conspiranoicos e fabulan sobre a creba do Estado de Dereito. Mobilízanse contra a amnistía e a busca dunha solución de diálogo para o conflito político en Cataluña. Invisten en crispación e odio contra os diferentes. O fío negro vencella a novos e vellos fascistas, aos grupos de presión ultraconservadores e reaccionarios, aos fundamentalistas neoliberais, á dereita trumpista capitalina, e, como non, ao actual grupo dirixente do Partido Popular.

Haberá un antes e un despois do 29 de abril. Se Sánchez renuncia á presidencia será un triunfo clamoroso do Black Block e o inicio do proceso de desdemocratización e redeseño autoritario do Estado. Non semella unha solución practicable un acordo bipartidista, de coexistencia pacífica entre PSOE e PP, que garanta a renuncia do presidente, unha prórroga de sanchismo sen Sánchez e a próxima convocatoria de eleccións, tras un período de estabilización para o control de danos no Réxime do 78. Non aparenta posible, entre outras razóns, porque sen Sánchez non hai PSOE, e porque o actual grupo dirixente do PP non é o principal actor do Black Block, por máis que Feijóo, Gamarra e Tellado saliven grotescamente ante a posibilidade de ocupar Moncloa en poucos meses.

Sánchez é un reformista reactivo. O seu xiro á esquerda sería improbable se non tivera sido arredado con malas artes da secretaría xeral do PSOE. A cancelación (parcial) das políticas de austeridade non callaría de non ter que enfrontarse o malestar social e a incerteza económica provocada pola crise sociosanitaria da Covid. Os indultos e a Lei de amnistía non serían asinados de contar cunha cómoda maioría absoluta. O golpismo xudicial e mediático do Black Block e a estratexia de deslexitimación do Partido Popular obriga a unha reacción de firmeza democrática e deberían levar a Sánchez a apostar polo reformismo forte atender as promesas incumpridas por unha Transición de consensos obrigados. O fundamento dunha alianza ampla a carón de Sánchez non é outro que o programa de democracia real que nos convocou nas prazas o 15M. Para que venza a decencia común, Sánchez terá que comprometerse cun novo 15M. Confiemos en que o Presidente lembre que non se pide un tempo morto para facer o mesmo que se estaba facendo antes, nin moito menos para irse desconsolado fóra da cancha.