Tempos Novos e Tempos Dixital abandonan a rede social X

As revistas Tempos Novos e Tempos Dixital abandonarán a rede social X, onde deixarán de publicar e compartir os seus contidos, unha vez constatado que a plataforma, lonxe de actuar como un espazo de intercambio de información e opinión que alente unha cultura honesta de debate, se ten convertido, baixo o control do magnate Elon Musk, nunha caixa de resonancia de fake news e discursos de odio. A nosa publicación súmase así ao camiño aberto por medios de referencia como o británico The Guardian ou, en España, La Vanguardia.

O papel das redes sociais no conxunto do ecosistema comunicativo e mediático está lonxe de atoparse resolto ou libre de controversias. Porén, consideramos que a día de hoxe a situación concreta de X, renomeada dende a antiga Twitter tras a adquisición por parte do empresario sudafricano, é insostible. O acontecido nas recentes eleccións presidenciais norteamericanas ou ante o desastre da DINA en España amosa como actúa, sen ningún tipo de filtro, como altofalante para a difusión de datos falsos, feitos non contrastados, discursos xenófobos, misóxinos e racistas e desinformación de todo tipo. Nesta situación, pechar en falso o debate sobre a relación entre a liberdade de expresión e o dereito a unha información veraz sería irresponsable. Do mesmo modo que avalar, coa nosa presenza virtual, un falso pluralismo que só agocha un algoritmo cada vez máis opaco e tendente á propagación e amplificación dun discurso incompatible coa democracia, coas liberdades públicas e os dereitos sociais. O camiño cara a unha sorte de tecnofeudalismo que Elon Musk e os seus pares se empeñan en que tomen as sociedades democráticas non pode construírse coa contribución, pasiva ou silente, dos medios de comunicación, obxectivos declarados do mesmo populismo reaccionario que hoxe se reproduce, tumoral, nunha rede onde xa non chían os paxaros.