A política fiscal do principal partido de oposición en Galicia (BNG) apoiase no criterio de “te-la chave dos cartos”. Un concepto bastante desafortunado que cremos se resume no control e xestión dos fondos públicos (ingresos e gastos) orixinados e empregados en Galicia. Ingresos públicos entre cuxos capítulos básicos están os tributarios, as cotizacións e os ingresos por débeda: hai mais pero recollemos os mais relevantes. Gastos públicos que inclúen as funcións de benestar, os investimentos e o pagamento da débeda entre outros.
Neste marco, a primeira pregunta que cabe facerse é se, na actualidade, a Xunta de Galicia está capacitada para “te-la chave dos cartos” anteriormente citados. A resposta non pode ser outra: NON. A razón atopámola facilmente se botamos a vista atrás sobre a natureza dos citados ingresos a recadar e a xestionar: tributos, cotizacións e débeda.
Está actualmente capacitada a Administración galega (Xunta de Galicia) para facerse cargo da recadación tributaria (IRPF, IVE, Sociedades, Patrimonio, Sucesións….) en Galicia? Evidentemente que non, pois precisaría en primeiro lugar da transferencia dos organismos estatais encargados da mesma (Axencia Tributaria): persoal, instalacións, medios informáticos, orzamentos, regulamentos… Sen que no transcurso das transferencias teña lugar unha perda de recadación, un dispararse a fraude fiscal….en definitiva construír unha Axencia Tributaria galega que sexa quen de continuar sen interrupción o labor das dúas administracións existentes na actualidade (española e galega) e sen que se resinta nin a xestión (ingresos) nin o seu papel na política fiscal, nin a súa imprescindible coordinación coa Axencia Tributaria estatal, ao tempo que se respectan os dereitos laborais dos seus traballadores.
En relación á recadación das cotizacións cabe facerse as mesmas preguntas. Como facer o traspaso da Seguridad Social española en Galicia a unha Seguridade Social galega? Atrévome a máis: sería prudente e beneficioso ese traspaso? Trátase de ingresos e gastos dunha non menor complexidade e relevancia, pois pensemos que incluirían nada mais e nada menos que a xestión das pensións públicas, que na actualidade presentan en Galicia un gran déficit fiscal. (cotizacións/pensións). Estamos diante de algo moi serio pois, por caso, trataríase de face-los traspasos oportunos sen que os/as pensionistas deixaran de cobra-la súa pensión nin un só mes e os/as traballadores/as da seguridade social conservaran os seus empregos e salarios. Algo que non sería posible do día para a noite.
En relación a estes dous apartados tan relevantes cabe facerse unha pregunta nada insignificante: unha vez feitos os traspasos (tida a chave dos cartos) os ingresos recadados serían suficientes para facer fronte aos gastos obrigados? Con toda seguridade que NON por razóns obvias: hai en ámbolos dous apartados un saldo fiscal negativo para Galicia, como demostra un magnífico e oportuno artigo do meu amigo Albino Prada neste mesmo medio no que dá detalles duns saldos tributario e de seguridade social de Galicia que deberan facer pensar moito sobre “ter a chave dos cartos”.
Finalmente a débeda pública. O sistema que o goberno galego de quenda (PPdeG) ten aprobado para a débeda pública, que implica ingresar débeda para pagar débeda, supón facilitar o negocio bancario, pois permítelle á banca “ter a chave dos cartos” da débeda, ao tempo que lle impide ao goberno galego ter un auténtico control da mesma, o que repercute nos pagos.
Subliñado todo o anterior non cabe dúbidas de que Galicia debe avanzar en soberanía fiscal, na súa capacidade para administrar os impostos para con eles prestarlles aos/as galegos/as os servizos a que está obrigada. Unha capacidade que tamén esixe desenvolver efectivamente as competencias.
Avance que require doutras vías distintas á de “ter a chave dos cartos”.