Sobre un novo modelo de Financiamento Autonómico

O pasado 9 de xaneiro o Ministerio de Facenda presentou unha Proposta de Novo Modelo de Financiamento Autonómico (NMFA no sucesivo) na que concretaba o reparto dos 21.000 millóns de fondos suplementarios que se achegarían as Comunidades Autónomas (CCAA no sucesivo) no ano 2027 de aprobarse tal como está. 

Tiña previsto publicar en febreiro outra análise nestas páxinas pero, actualidade manda, ocupareime brevemente desta proposta. Non sen antes lembrar que nos últimos dous anos teño tratado en Tempos Novos e Tempos Dixital asuntos moi relacionados. Así, do máis recente cara atrás, no pasado setembro “Financiamento autonómico: un concerto solidario xeneralizado”, en febreiro fora “Corrosión no financiamento dos servizos públicos”, en outubro do 2024 “Entre menos do vinte (centralismo) e o setenta por cento (confederal)”, en setembro dese ano “Entre a redistribución (federal) e a solidaridade (confederal)”, en agosto “Para corrixir desigualdades: federación ou confederación ?”, e en xuño “Riqueza e benestar social: o criterio da ordinalidade dun financiamento federalizante”. O lector interesado podería revisar estas análises pois agora voume a centrar en avaliar con estes precedentes NMFA para as CCAA. 

Non partillo o terraplanismo dos que falan do actual sistema autonómico coma se fose federal. Non o é politicamente (non existe o dereito a separarse), pero tampouco fiscalmente.

O primeiro que compre dicir é que este NMFA non se ocupara para nada das Comunidades forais (Euskalherria e Navarra). Pero debería facelo se quixese achegar esas Comunidades a un sistema federal no eido fiscal, porque na actualidade teñen un encaixe de facto confederal. E digo federal e non autonómico que é o que temos no resto. Porque non partillo o terraplanismo dos que falan do actual sistema autonómico coma se fose federal. Non o é politicamente (non existe o dereito a separarse), pero tampouco fiscalmente como veremos de seguido. 

Isto así esas dúas comunidades teñen uns recursos por habitante de 5.500 euros mentres que o resto, aínda co NMFA, teremos de media uns 3.700 euros(1). Para achegarse do encaixe confederal actual a un federal estímase que as Comunidades forais (País Vasco e Navarra) deberan achegar ao menos 5.000 millóns suplementarios para financiar os gastos comúns e de solidariedade do conxunto do Reino de España. Unha cifra que non é pequena se a comparamos cos 21.000 millóns para todas as CCAA no NMFA. Deste xeito o conxunto do sistema podería converxer cara aos 4.200 euros de media por habitante. 

O segundo que cómpre dicir é que o reforzamento medio de recursos deste NMFA supón unha mellora do 14 % (sempre sen ter en conta os tres mil millóns do Fondo de Compensación Interterritorial. que non se presenta repartido entre as CCAA). Unha mellora para pasar dos 3.400 aos 3.700 euros por habitante. Pero con incrementos moi desigualmente repartidos.  

A Comunidade máis beneficiada (sempre en relación ao seu peso demográfico, que debera ser un indicador central para as necesidade a cubrir) é a Valenciana seguida de Catalunya, que reciben seis e cinco puntos por riba do seu peso demográfico. As Comunidades menos beneficiadas (pois todas reciben máis fondos agás de entrada, Cantabria e Estremadura que non figuran no reparto) na porcentaxe total respecto da poboación, son as de Galicia, Madrid e Castela-León que reciben tres puntos porcentuais por baixo do seu peso demográfico. Asimetrías que nada teñen que ver co peso demográfico actual, tampouco co dinamismo demográfico dos últimos 25 anos, e mesmo tampouco co nivel relativo de riqueza media por habitante. 

Estamos, en suma, diante dunha cuestionable posta ao día do financiamento autonómico que non pode cualificarse tampouco de suficiente. 

En terceiro lugar este NMFA non avanza de xeito decidido cara unha federalización no eido fiscal porque a nova cesión de impostos (no IRPF, IVA) supón 16.000 millóns. Cifra que modifica moi pouco a descentralización do sistema pois supón apenas un 3 % dos ingresos públicos. E para acadar un encaixe fiscal federal debera cederse entre o 10 % e o 15 % dos ingresos (tres ou cinco veces máis). Para así pasar do actual 27 % xestionado polas nacionalidades e rexións a facelo nun 40 % (tal como razoaba na miña análise  de outubro de 2024).  

Estamos, en suma, diante dunha cuestionable posta ao día do financiamento autonómico que non pode cualificarse tampouco de suficiente pois cos novos 3.700 euros medios por habitante queda moi lonxe dos 4.200 euros que reforzasen os servizos públicos básicos do Estado de Benestar (sanidade, ensino, dependencia, protección social, etc.). Algo que só sobre a base dunha reforma fiscal -sempre adiada- terá moi difícil acomodo. 

Ao cabo pode que a única calidade positiva deste NMFA sexa a redución das desigualdades entre as CCAA. Pois se tomamos como índice 100 a media do Reino de España (e sempre sen Comunidades Forais) a diferencia entre a mellor financiada por habitante e a peor financiada pasa de 26 puntos no vello modelo aínda vixente, a 18 puntos nesta proposta de NMFA. Recollo nunha táboa os cambios de todas as CCAA. 

Respecto da cuestión da “ordinalidade” -restrinxida ao financiamento autonómico- a miña consideración é que estamos diante dunha porta falsa para acercarse a un encaixe de concerto cuasi-confederal. 

Fonte: elaboración propia con datos de FEDEA [ampliar cadro]

Pero mesmo neste aspecto concreto non deixan de presentarse asimetrías moi discutibles. Pois Madrid e Valencia que tiveron un crecemento demográfico moi semellante entre 2000-2024, anotan un cambio asimétrico nos índices, o mesmo que sucede entre Andalucía e A Rioxa, ou entre Canarias e Murcia. Galiza pasa de estar tres puntos por riba da media das CCAA a estar catro puntos por baixo (por iso no recadro figura cun – 7,1), e certamente Catalunya mellora a súa posición relativa o dobre da que anota Madrid. 

Por último respecto da cuestión da “ordinalidade” -restrinxida ao financiamento autonómico- a miña consideración é que estamos diante dunha porta falsa para acercarse a un encaixe de concerto cuasi-confederal. E, polo tanto, de reducir pouco a pouco as achegas redistributivas (federais) do actual sistema de financiamento polos máis ricos. Pois Catalunya, segundo a análise citada de FEDEA, pasaría de achegar 2.266 millóns a só 810 millóns. Moi por baixo dos 3.800 a 4.000 millóns que estiman debera achegar no estudo citado do IVIE (páxina 24). Camiñar ao revés. 

Porque cando a ordinalidade se avalía para o conxunto dos gastos públicos do Reino de España (e non só os autonómicos) a miña conclusión (no traballo citado ao comezo, de xuño de 2024), é que das comunidades e nacionalidades máis ricas do Reino de España o País Vasco non está a facer o esforzo redistributivo acaído a un sistema federal e Madrid está a facer un esforzo que só semella excepcional se non temos en conta o seu tamén excepcional estatus centrípeto como capital administrativa e sede social de moitas corporacións de ámbito español. Sucede neste caso -para grandes empresas- o que Ángel de la Fuente sinala con razón para as pemes e o NMFA en Cataluña (2) “es cierto que estas empresas tienen un peso atípicamente elevado en la economía catalana y que ésta mantiene un saldo exportador neto importante con el resto de España, lo que hace que el peso de Cataluña en la recaudación total del IVA pymes sea superior a su peso en el consumo”. 

Mentres que, nunha ordinalidade completa, Cataluña non perde posicións; e non semella estar a facer unha contribución á altura dos territorios máis ricos (3) dunha estrutura federalizante no eido fiscal. Agás que o seu modelo de referencia sexa Euskadi que ten a día de hoxe un encaixe confederal de facto e escasamente redistributivo. 

Na miña análise a proposta deste NMFA, en conclusión, nin corrixe as anomalías fiscais confederais do Reino de España, nin progresa con claridade nunha estrutura federal fiscal, nin supón un ascenso  suficiente no nivel de recursos para soster os servizos públicos. E mentres iso sucede anota un resultado do reparto dos recursos que trata de xeito desigual a Comunidades con semellantes niveis de renda e dinámicas demográficas. Pon en perigo polo tanto, a redistribución actual dun Estado autonómico-confederal no eido fiscal que, ben ao contrario, debera reforzarse nun deseño de Estado federal. 

_____

(1) Angel de la Fuente (14/1/2026), FEDEA, “Sobre la propuesta de reforma de la financiación autonómica”, bit.ly/4qlTaoH, para as forais ver Pérez, J.A. y J. Pérez (2025). “Requisitos de un concierto solidarios generalizado para las comunidades de régimen común y foral” páxina 16 e 19, Generalitat Valenciana, https://www.ivie.es/wp-content/uploads/2025/07/Informe-3.2_Aplicaci%C3%B3n-SFACS-a-todas-las-CCAA_def.pdf
(2) Páxina 4 de Angel de la Fuente (14/1/2026), FEDEA: bit.ly/4qlTaoH
(3) Segundo FEDEA Madrid achegaría 8.000 millóns ao sistema e Catalunya 810, coas estimacións do NMFA para o ano 2023. Tampouco perde posicións Catalunya na proposta citada do IVIE (páxina 25).