Os sectores económicos minguantes de Galiza

| As claves

Tomando como base as cifras de ocupados nos distintos sectores económicos, e analizando a súa evolución entre os anos 2000 e 2024 (tanto para Galiza como para o conxunto de España) pódense avaliar os cambios da nosa estrutura produtiva. Os datos que utilizarei son os que ofrece o INE na súa Contabilidade Rexional de España, e que recollo aquí sintetizados nun gráfico. 

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar gráfico]

Convén empezar a análise polo contexto global que figura a dereita desa gráfica (no epígrafe “total”). Como se observa a porcentaxe de Galiza no conxunto de España no ano 2000 situábase nun 5,8 % que se reduciu ao 5,2 % vinte e catro anos despois. É este un motivo de peso polo que veño argumentando que somos (Galiza dentro de España) un país minguante. 

Enténdase ben isto. Non estou a afirmar que a poboación total ocupada en Galicia teña diminuído neses vinte e catro anos. Todo o contrario. En Galicia medrou case nun vinte por cento o emprego durante eses anos. O que sucede é que no conxunto de España o balanzo foi moito máis positivo pois medrou un trinta e dous por cento. É por iso que pasamos do 5,8 por cento ao 5,2 por cento. Minguantes. 

 Para non ser un país minguante teríamos que ter incrementado os nosos ocupados totais en cento vinte mil máis. Eses cento vinte mil ocupados que non temos en 2024 son os que marcan a diferenza de ser ou non un país minguante. E sempre, cómpre lembralo, tomando a referencia media española, non a das mellores nacionalidades ou Comunidades da mesma. 

Vemos que coa singular excepción do emprego industrial […] a nosa evolución pódese resumir como de nun peso minguante no conxunto da economía española. 

Con esta referencia media e total podemos pasar a ver o que sucedeu nos distintos sectores de actividade. Por unha banda as actividades materiais (agrarias, industriais e construción) e por outra os servizos. Ben entendido que os servizos por si sos supoñen en Galiza sete de cada dez empregos. Somos un país terciarizado, e sómolo de xeito crecente porque a importancia dos servizos pasou de ser un 59 % do emprego en 2020 a ser do 72 % en 2024. Máis de trece puntos. 

Sucede que neste sector, maioritario no emprego das nosas economías, o número de ocupados medrou nun 45 % nestes vinte e catro anos. Non ten nada de minguante. Pero como no conxunto de España o incremento foi superior (de case o 60 %), daquela entendemos que pasaramos do 5,3 % ao 4,9 %, na gráfica: outra volta minguantes. 

A cota de emprego de Galiza nos servizos do conxunto de España é minguante, e ben se observa que temos un peso do emprego dos servizos no conxunto de España que está mesmo por baixo do emprego total (4,9 fronte a 5,2%). 

Pola contra nas actividades da construción, industria e primarias (agrícolas, gandeiras, pesca, silvicultura) mantemos un maior peso que no conxunto do emprego, tanto no ano 2000 como no 2024. Podemos dicir que nesas actividades (que só achegan tres de cada dez empregos) temos unha maior especialización. 

Mentres que nas actividades primarias e na construción tamén perdemos peso no conxunto de España entre 2000-2024, no caso da industria (manufacturas e enerxía) non somos minguantes. É a excepción, pois pasamos do 6,1 % do emprego industrial de España en 2000 ao 6,4 % en 2024. 

Aínda que esta excepción non é tan positiva como puidera parecer porque é resultado de que o emprego industrial tamén caese en Galiza, certo que con menor intensidade que no conxunto de España. Falamos de case trinta mil empregos menos na industria galega entre 2000 e 2024. Non é para botar foguetes. 

Nas actividades primarias e na construción tamén se anota destrución de emprego neses vinte e catro anos, pero nestes casos a intensidade mesmo foi superior a que tivo lugar neses sectores no conxunto de España e por iso -como sucedía no emprego total e no dos servizos- temos tamén un peso minguante no emprego agrario e da construción. 

Vemos que coa singular excepción do emprego industrial (sector que, con todo, perdeu emprego en Galiza) no resto das actividades -e no total- a nosa evolución pódese resumir como de nun peso minguante no conxunto da economía española. 

Iso é certo se a referencia é a externa, porque se a referencia é interna a distribución porcentual dentro de Galiza deixa ás claras que a evolución foi dun crecente peso das actividades de servizos (como xa dixemos cunha cota de trece puntos máis no total), e dunha perda de peso das industriais, da construción e das primarias (por esa orde e trece puntos menos). 

A transformación do crecemento económico de Galiza entre 2000-2024 en termos de emprego foi importante, pero notablemente menor que no conxunto de España. E foi un emprego asociado as actividades dos servizos que dependen da demanda interna, pois o resto das actividades (incluídas as manufacturas que dependen das exportacións) restaron empregos.  

Por iso considero que o grande reto pendente para a sociedade galega de cara ao futuro pasa por incrementar o emprego decente dos servizos (públicos e privados) a un ritmo máis achegado ao que sucede no conxunto de España. Resulta manifesto que nos últimos vinte e catro anos non fomos quen de facelo. As reiteradas protestas sanitarias, educativas e de servizos sociais así o certifican. 

Nisto andamos moi desnortados. Por máis que o Xacobeo e o monte do Gozo duns, as luces de nadal doutros, os chiringuitos de praia ou as festas gastronómicas nos fagan ver dobre. E veña marisco.