Saldos comerciais cos Estados Unidos dentro de España

Como xa sinalei nunha análise previa, os Estados Unidos non teñen un problema de saldo comercial negativo con España (“maltrato”, que di Trump). Pois os datos para 2024 dinnos que exportaron dez mil millóns de dólares por riba do que importaron dende España.

Se o criterio é aplicar aranceis trumpistas aos países cos que EE.UU. anota déficit comercial (como se pon de manifesto na fórmula empregada polo seu Goberno), España non debera soportar ningún, porque somos un cliente co que fan un excelente negocio. Nada que ver co que lles sucede coa China ou co conxunto da Unión Europea (sobre todo con Alemaña, Italia ou Irlanda que, cos seus datos naquela fórmula, terían que apandar con aranceis por riba do 30 por cento). Con todo, dentro de España hai dúas situacións distintas.

Na gráfica seguinte recollo as Comunidades que máis axudaron a que o saldo exterior comercial español sexa tan favorable aos Estados Unidos.

Fonte: Elaboración propia con datos do Ministerio de Economía e Comercio

Fonte: Elaboración propia con datos do Ministerio de Economía e Comercio [Ampliar]

Como ben se observa, Galicia está entre as Comunidades coas que Estados Unidos fai un bo negocio, xa que importamos de alí 490 millóns máis dos que exportamos. Pero a Comunidade coa que os Estados Unidos fan un negocio macanudo é Madrid, pois de cada cen euros do saldo que apañan no reino de España case noventa teñen que ver coas importacións que fai Madrid por riba do que vende aos Estados Unidos. Non se entende que a estas Comunidades se lles apliquen aranceis para frear as súas exportacións, sendo como son importadoras de mercadorías dos Estados Unidos moi por riba do que exportan cara alí. E xa metidos no lío de apandar con aranceis, nesas Comunidades deberan frear as súas importacións de Estados Unidos.

Os saldos negativos de Madrid (moi positivos para os Estados Unidos) concéntranse en case cinco mil millóns de produtos farmacéuticos, mil seiscentos de combustibles, case dous mil de maquinaria especializada e mil millóns de aeronaves. En xeral, produtos de alta tecnoloxía para os que Estados Unidos conta en España cun cliente moi atractivo na rexión centrípeta de Madrid. Xusto a capital dun Estado ao que, por riba, se permite penalizar cun vinte por cento de aranceis como calquera outro estado europeo.

No caso de Galicia, os case 500 millóns de euros de superávit e bo negocio que teñen con nós os Estados Unidos (déficit comercial para Galicia) teñen que ver, segundo datos do Ministerio de Economía, sobre todo con combustibles (aceites de petróleo) que andan preto dos mil millóns de saldo favorable para aquel país. Unha partida que neutraliza de sobra o resto de capítulos nos que Galicia lles exporta máis do que importa.

Madrid debera importar máis fármacos do resto da UE e Galicia tería que acelerar unha transición enerxética que nos permita vivir sen derivados do petróleo. E as dúas cousas son posibles e mesmo necesarias no contexto desta guerra comercial.

As Comunidades coas que Estados Unidos anota déficit comercial (as que teñen saldos positivos cos Estados Unidos, as “malas” para Trump) dentro de España son: Valencia, Euskadi, Castela-León e Navarra. As cifras son moito máis cativas pois por xunto non chegan ao vinte por cento -con signo contrario- da suma das que tiñan déficit cos Estados Unidos. Serían as Comunidades que funcionan co modelo “chinés” (exportan cara a alí máis do que importan).

Fonte: Elaboración propia con datos do Ministerio de Economía e Comercio [Ampliar]

Aclarada esta simetría na orixe do trato “fabuloso”que Estados Unidos ten por parte de España (e que nos debera deixar fóra desa guerra), unha vez montada a lea trumpista, a pregunta é: onde teñen máis peso as exportacións cara a ese país e, xa que logo, problemas maiores? O peso das exportaciuóns cara a Estados Unidos no conxunto de España non é moi elevado (menos do 5% do total). Na gráfica que pecha esta análise observamos que a Comunidade máis dependente é Andalucía (con cerca do 8% e tres puntos por riba da media) e a menos dependente son as Baleares (con menos do 1%, e catro puntos por baixo da media).

Galicia atópase no grupo das que menos dependen do mercado norteamericano para as súas exportacións, o que debera favorecer que tivésemos un menor impacto directo desta guerra comercial.