No debate sobre o financiamento autonómico (que tratei aquí) ocupa un lugar central en Cataluña o obxectivo de non perder posicións no ranking rexional español (ordinalidade) respecto da que teñen en riqueza despois de ceder recursos de solidariedade co resto de España. Non se trataría tanto de non ceder recursos por parte de quen é máis rico (nunha lóxica federalizante), senón de que esa cesión non o faga menos rico en termos relativos.
Como están a comportarse na actualidade estes transvases de riqueza e cambios de ordinalidade? A ordinalidade (orde ou ranking) podémolo avaliar tanto co PIBpc (produto interior por habitante ou renda primaria) como coa RDBpc (renda dispoñible bruta por habitante) para o ano 2021 segundo as estimacións da Contabilidade Rexional de España que elabora o INE (que toma como base 100 en ambos casos a media española). Mentres o PIB mide o nivel de riqueza inicial ou primario nunha nacionalidade ou rexión, a RDB o nivel desa riqueza por habitante despois de ter en conta os recursos fiscais que aporta á Facenda do Reino de España e as transferencias e servizos públicos que recibe en efectivo ou especie (segundo a normativa da UE). Pasaríamos da riqueza inicial ao benestar social final.
A RDB é unha boa aproximación aos esforzos e achegas que fan os territorios máis ricos, aos recursos que melloran as rendas e benestar dos territorios menos ricos. Pois só quedan fora desta asignación as operacións de capital (investimento público e transferencias) que só son 43 mil millóns fronte aos 379 mil millóns si incluídos (no ano 2022). Todo isto no sistema autonómico actual e co seu vixente modelo de financiamento que sabemos ten unha lóxica federalizante agás no caso das Comunidades forais que é case confederal.
E sempre sen esquecer que o PIB inicial de cada territorio dun Estado (Autonómico ou Federal) ten non pouco que ver cos mercados e recursos do resto dos territorios, xa sexa para ter un saldo comercial moi positivo (o que empurra o seu PIB) ou para contar con enerxía ou recursos alimentarios que non ten (para por en marcha o seu PIB). E sempre partindo do contexto do sistema actual de financiamento das CCAA de réxime común e do encaixe foral de Euskadi e Navarra.
Pois ben, nun dos gráficos presentados polo INE a finais do pasado ano a situación das nacionalidades e rexións do reino de España é a que reproducimos e paso a comentar.

Fonte: INE (decembro 2023) [ampliar]
Nos territorios máis ricos non sempre sucede o mesmo. Pois Madrid pasa a 2ª posición (pois cede 13,6 puntos, o triplo que Cataluña), e tampouco o País Vasco que pasa a superar a Madrid (pois o réxime foral case confederal permítelle non facer apenas esforzos de redistribución). Navarra pola súa parte mantén a terceira posición a pesar de ceder 7,3 puntos para redistribución.
Das comunidades e nacionalidades máis ricas do Reino de España podemos dicir que o País Vasco non está a facer o esforzo redistributivo acaido a un sistema federal, e que Madrid está a facer un esforzo excepcional a causa do seu tamén excepcional estatus centrípeto como capital administrativa e sede social de moitas corporacións de ámbito español. Cataluña, como Navarra, non perden en ordinalidade, aínda que Cataluña non semella estar a facer unha contribución á altura dos territorios máis ricos dunha estrutura federalizante (agás que o seu modelo de referencia sexa Euskadi que ten a día de hoxe un encaixe confederal de facto).
No outro extremo paga a pena concretar que rexións e nacionalidades se benefician do que ceden as máis ricas. Resaltan os casos de Asturias e Cantabria. Asturias gaña 14 puntos e ascende cinco posicións, mentres que Cantabria gaña 7 puntos porcentuais e ascende unha posición (sempre en relación a que tiña co PIBpc). Mentres Galicia gaña 3 puntos e perde unha posición.
Obsérvase ben que nas menos ricas (de Castela-León para abaixo en riqueza ou PIBpc) todas gañan puntos relativos en termos de benestar social respecto da media española, e que en xeral mantéñense as posicións de ordinalidade salvo as excepción xa sinaladas. De xeito que as asimetrías graves de ordinalidade só semellan existir para o País Vasco (mellora por case non ceder recursos) ou para Asturias (mellora por recibir moitos recursos).
Os problemas de fondo para acercarnos máis a lóxica dun sistema federalizante e máis redistributivo pasan sobre todo por facer converxer os esforzos dos máis ricos en 10 puntos, o que mantería e reforzaría a actual ordinalidade, e en facer crecentes os beneficios do resto das nacionalidades e rexións segundo diminúe o seu nivel de riqueza por habitante. Sempre co horizonte federalizante de que (á parte das contas da Seguridade Social) os ingresos se xestionen e recaden metade a metade polo Estado e polas nacionalidades e rexións. O que nos afaataría tanto dunha lóxica de mera descentralización autonómica como doutra de carácter confederal ou de concerto-cupo.