“1. España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político.
2. A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado” (C.E. Art.1º).
Días atrás o emérito maxistrado Xosé Antonio Martin Pallín avisaba de que en España está en marcha un intento de “golpe de estado xudicial” perpetrado por políticos, maxistrados e periodistas vinculados ás dereitas extremas e para o que puña como exemplo a persecución da que Begoña Gómez está sendo obxecto por parte do maxistrado Juan Carlos Peinado, quen non esconde o seu intento de conseguir imputar a Pedro Sánchez.
Realmente non hai que ser un maxistrado emérito para chegar ás mesmas conclusións, para pensar que en España, a pesar do que establece a Constitución Española (Art.14), non todos/as os/as españois somos iguais diante da lei. Algo que resulta indiscutible se, por caso, se pensa con obxectividade na frecuencia, as formas e os modos con que, especialmente nas últimas décadas, se están dando casos xudiciais que afectan a políticos/as e cidadáns demócratas.
A pregunta é: cantos casos de control da actividade de xuíces se teñen dado nas últimas décadas?
Así, chama poderosamente a atención e rapidez con que algúns maxistrados, con presenza en altas instancias xudiciais, e que son case sempre os mesmos, aceptan denuncias contra cidadáns ou organización das esquerdas. Denuncias con fundamentos moi débiles ou inexistentes, que presentadas por entidades vinculadas ás extremas dereitas (Manos Limpias, Hazte oir…..), son inmediatamente apoiadas por partidos da mesma ideoloxía (Vox, Justitia Europa, Partido Popular). Denuncias que se transforman en expedientes que se prolongan indefinidamente no tempo, o que é aproveitado polos medios de opinión e información vinculados (subvencionados) a estas dereitas extremas para dedicarlle portadas diarias sen que se presenten probas. Expedientes que na maioría dos casos, logo de que se conseguiu destruír a reputación e o prestixio dos/as denunciados/as, acaban pechándose por falta de probas. As hemerotecas poden dar fe dos numerosos casos que se teñen producido e que se seguen producindo -aí temos o “caso Aldama” que supera calquera sorpresa-. Modus operandi que, por outra parte, pon en evidencia a coordinación entre as partes actuantes.
Diante destes feitos non deixa de sorprender que nun estado democrático como o español non se lle esixan responsabilidades aos muxidores destes expedientes e moi especialmente aos maxistrados que poñen en marcha este tipo de actuacións político-xudiciais que claramente rematan atentando contra os dereitos e as liberdades recoñecidos na Constitución Española (Capitulo segundo, Arts, 14, 17, 20, 24…). A pregunta que xorde é a de que defensa temos os/as cidadáns fronte aos abusos xudiciais? Quen xulga a estes maxistrados? Sabemos que existen dous mecanismos de control da actividade xurisdicional, a vía disciplinaria e a vía penal. A pregunta é: cantos casos de control da actividade de xuíces se teñen dado nas últimas décadas? Cantas accións disciplinarias foron promovidas? Cantas denuncias de prevaricación xudicial presentadas?
Por todos estes motivos volvo ao artigo citado ao principio que asegura que “a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado” e pregúntome: realmente, se cumpre?