Que vinte anos non é nada

Tal día coma este, vinte anos atrás, as eleccións ao Parlamento de Galicia crebaban a dilatada maioría absoluta que permitira, durante tres lustros, a Manuel Fraga exercer a presidencia da Xunta e, tamén, reconstruír a dereita galega segundo os seus propios intereses, converténdoa nunha máquina electoral case infalíbel. Un puñado de votos e un deputado de diferenza que chegou a estar en dúbida á espera do voto exterior permitiron ao PSdG-PSOE e o BNG pactaren un goberno de coalición que, un grao por baixo do tripartito de Maragall que daquela capitaneaba a Generalitat, pasaría a historia como bipartito. Porén, Galicia non é Cataluña e a alternancia política non acaba de callar por estas lonxitudes. O bipartito foi unha experiencia política senlleira en moitos aspectos, pero fundamentalmente no fundacional: foi a única vitoria en votos e escanos da esquerda sobre a dereita nunhas eleccións autonómicas galegas. Catro anos despois, a restauración feijoísta achaiaría o camiño para unha nova e de momento inacabada hexemonía conservadora na Xunta de Galicia que tamén lle abriu as portas de Madrid ao propio Feijoo, nun asalto ao goberno do Estado que non conseguiu en 2023 pero que, á vista dos últimos acontecementos, pretende consumar antes de 2027.

Non pode entenderse o resultado electoral de 2005 sen concibilo como un cúmulo de factores, unha tormenta perfecta que feriu de morte o fraguismo. Emilio Pérez Touriño viña de consolidarse como líder do PSdG na lexislatura previa -un liderato forte que o partido non volveu coñecer desde aquela-e xa en 2001 conseguira reducir a 0 a diferenza de escanos co BNG. No nacionalismo, a crise de sucesión de Xosé Manuel Beiras por Anxo Quintana pechárase en falso -como se evidenciaría menos dunha década despois na Asemblea de Amio- e devalo electoral, que daquela viña de abrirse -e que só pecharía Ana Pontón en 2020- contribuíu a inflar os celeiros socialistas. A catástrofe do Prestige mobilizara a sociedade civil galega dun xeito inaudito. A finalización do ciclo fraguista, cun León de Vilalba fisicamente esgotado, parecía case unha certeza biolóxica. Dificilmente pode esquecerse aquel desmaio na tribuna do Parlamento, logo de facer honor á súa fama cun rotundo “¡He dicho que no!” á proposta de pausar o seu discurso após máis dunha hora de lectura.

Da fortaleza do PP galego dá conta que […] finalmente perdese a Xunta por un único deputado.

Algún dos factores fundamentais eran esóxenos, con todo. O tortuoso remate da segunda lexislatura de José María Aznar, coa participación española na ilegal intervención militar estadounidense en Iraq e os traumáticos atentados do 11-S permitiran unha alternancia política na Moncloa e José Luis Rodríguez Zapatero desfrutaba de días dourados e unha aura de líder progresista en auxe que a crise de 2008, a mesma que esfarelou o bipartito, escacharía. O “efecto Zapatero” pesou e moito nunhas eleccións autonómicas que foron, probabelmente, as que máis se xogaron en chave estatal da historia. Ese marco mobilizou a milleiros de votantes progresistas que estaban afeitos -volven estalo- a quedar na casa nas eleccións galegas porque non se senten interpelados na construción dunha autonomía que dende o principio asimilaron e practicamente privatizaron os conservadores. Todos estes factores -auxe do progresismo, liderado claro, crise ecolóxica, esgotamento do fraguismo…- converxeron e fixeron posíbel o que, de momento, nunca máis se repetiu.

Da fortaleza do PP galego dá conta que, tras todo o cúmulo de factores descritos nas liñas superiores, finalmente perdese a Xunta por un único deputado. Nas páxinas de La Voz de Galicia, o director de campaña popular naquelas eleccións, o alcalde de Lalín Xosé Crespo, di hoxe que se cadra cunhas semanas máis de campaña terían aguantado. Non parece esaxerado.

Queda para outra ocasión, e para voces máis autorizadas, falar de que por que aquela fiestra de oportunidade de 2005 se pechou e por que non volveu repetirse. Hoxe abonda con lembrar que, hai 20 anos, Galicia viviu a condición sine qua non dunha democracia: a alternancia. Dúas décadas despois, e malia novas crises ambientais e escándalos políticos, Galicia resístese a mudar de rumbo. Nesta terra pausada todo vai moi amodo e, como cantaba Gardel, vinte anos non é nada.