Resulta tan basto, tan irreal que parece máis propio dunha película de Berlanga que dunha actuación do Tribunal Supremo, como en realidade resulta ser. Porque a última decisión da sala segunda do Tribunal Supremo de procesar o Fiscal Xeral do Estado por un presunto delito de revelación de secretos non se pode cualificar máis que como un disparate xudicial. Unha decisión que ten no punto de mira a Pedro Sánchez, presidente do Goberno español a quen as dereitas extremas (PP/Vox), incapaces de aglutinar unha maioría parlamentaria que posibilite unha moción de censura, atacan por terra, mar e aire sen desprezar calquera medio empregado nin pensar no dano que lle poden causar á democracia e aos seus poderes lexítimos como é o xudicial.
O emérito xurista galego José Antonio Martín Pallín, que fora fiscal e maxistrado do Tribunal Supremo, xa ten explicado co rigor e a pulcritude que o caracterizan como o axuizamento do Fiscal Xeral non ten base algunha. Como é resultado dunha operación montada dende a Presidencia da Comunidade Autónoma de Madrid que ten como primeiro obxectivo tapar o escándalo político montado pola corrupción e o delito fiscal cometidos polo “cidadán particular” señor González Amador. Cidadán que resulta se-la parella da Presidenta da Comunidade de Madrid, a señora Isabel Díaz Ayuso, quen desta forma, directa e indirectamente, se ve salpicada politicamente polo escándalo.
Estamos así, como ben sinala a Unión Progresista de Fiscais, diante “dun ataque sen precedentes na democracia”.
Un escándalo político no que parece que as mentiras e sucias manobras dun coñecido periodista, Miguel Ángel Rodríguez, quen resulta ser o Xefe de Gabinete da Presidenta da Comunidade de Madrid, sumadas aos excesos nas súas funcións dalgúns axentes da UCO e a actuación de “institucións tan prestixiosas como a Fundación Foro, Liberdade e Alternativa, e o sindicato colectivo de funcionarios Manos Limpias” (Martin Pallín…) teñen para o Tribunal Supremo máis forza xudicial que a verdade dos feitos, que as evidencias que demostran contundentemente que o Fiscal Xeral non cometeu o delito de que se lle acusa -descubrimento e revelación de secretos tipificado no artigo 417 do Código Penal como un delito contra a Administración Pública- porque non foi el precisamente quen filtrou, nin deu orde de que se filtrara, a nota do avogado de González Amador na que este ademais de informar que o seu defendido admitía que “certamente se cometeran dous delitos contra a Facenda Pública” solicitaba un acordo de conformidade. Nota que -como así o explicaron numerosos periodistas de prestixio- foi feita pública polos medios moito antes de ser coñecida polo propio Fiscal Xeral do Estado, polo que non puido ser este quen a filtrou. Logo saberíase que fora Miguel Ángel Rodríguez quen filtrara a nota de avogado pero terxiversando os feitos.
Estamos así, como ben sinala a Unión Progresista de Fiscais, diante “dun ataque sen precedentes na democracia”. Dun “monumento ao disparate xurídico” e unha “imputación calumniosa con fins políticos”, dun “tiro por elevación contra o Presidente do Goberno como tamén o son os casos da súa esposa Begoña e o seu irmán” (Martin Pallín).
Desta forma podemos asegurar que continua a operación, montada polas dereitas extremas, de acoso e derribo conta o goberno de quenda (PSOE/Sumar) sen que a aquelas (PP/Vox) lles importe que coas súas sucias manobras sexa a democracia e o Estado de dereito en España quen saen mais prexudicados. Esperemos que fronte a esta ofensiva ultra e totalitaria a cidadanía sexa consciente do que realmente está pasando e do que tódolos demócratas nos xogamos con estes envites.





