Por primeira vez dende 2009, o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) aprobou formalmente un novo modelo de financiamento para as Comunidades Autónomas de réxime común (todas agás o Pais Vasco e a Comunidade Foral de Navarra). Esta é a condición necesaria mais non suficiente para que o documento acordado obteña a condición de texto legal definitivo. Tal circunstancia requirirá a futura ratificación do Congreso mediante o debate e aceptación -por maioría absoluta- da correspondente Lei Orgánica.
Mais alá do que finalmente suceda e dunha análise sistemática do texto saído do CPPF, é preciso recoñecer o mérito contraído polo actual goberno estatal no desbloqueo -sequera parcial- dunha cuestión tan relevante no financiamento dunha parte moi importante das políticas públicas. Certamente, existe unha explicación da grave anomalía vivida dende hai mais dunha década. Por unha banda, o goberno de Mariano Rajoy -que desfrutou dunha ampla maioría absoluta dende o remate do ano 2011 até Decembro de 2015- non foi capaz de renovar o modelo que caducaba no 2014 porque iso esixía acometer un medre dos recursos dispoñíbeis polas CCAA e unha xestión harmonizadora das diversas necesidades e demandas suscitadas polos distintos poderes territoriais. Botando man de experiencias anteriores (por exemplo o acordo de Aznar con Pujol de 1996), o líder do PP debía buscar un pacto con CiU para favorecer a xestación do novo modelo. De feito, Artur Mas -daquela presidente da Generalitat- acudiu á Moncloa para falar deste asunto e colocou a Rajoy ante un dilema de envergadura: se non aproveitaba a ocasión para asinar unha folla de ruta común entre ambas Administracións medraría o risco dunha ruptura entre dúas formacións políticas que compartiran boa parte do pacto constitucional posfranquista. O líder de CiU coñecía o rápido medre que estaba experimentando o independentismo no corpo social catalán e necesitaba algo consistente para neutralizar semellante dinámica. O PP optou pola ruptura e os meses e anos posteriores demostraron o grande erro de cálculo que tal decisión representou e as graves consecuencias que provocou na vida social e institucional de Cataluña.
A chegada de Pedro Sánchez á Moncloa no verán de 2018 non foi suficiente para atopar unha fórmula de acordo nesta importante cuestión. A maioría independentista existente no Parlament (e, xa que logo, no goberno da Generalitat) dificultaba calquera negociación dun novo modelo común no marco legal vixente. A partir de Agosto do ano 2024, o cambio na relación de forzas rexistrado na Cámara lexislativa catalá posibilitou un posterior acordo entre PSC e ERC sobre os cambios que se deberían introducir no modelo de financiamento. Este foi o pacto que, finalmente, abriu a porta á decisión tomada polo CPFF (co apoio do goberno do Estado e das CCAA de Cataluña e Canarias).
Este breve repaso histórico confirma que a posición das institucións representativas de Cataluña sempre resultou determinante na delimitación dun sistema de financiamento para as CCAA. Nas vindeiras semanas asistiremos a un novo test nese sentido: para que teña lugar o apoio do Congreso á lei orgánica que recolla o novo modelo resultará decisiva a posición que adopte Junts. O paradoxo está servido: PP e Vox veñen anunciando que votarán en contra pola suposta subordinación ao independentismo catalán ao mesmo tempo que desexan que o grupo de Puigdemont impida a aprobación final do texto lexislativo.
Dende o punto de vista do impacto do novo modelo na Facenda galega existe unha opinión amplamente compartida: aínda que a súa aplicación proporcionaría algo mais de 500 millóns de euros adicionais, non resulta satisfactoria a insuficiente ponderación de dúas variábeis -o envellecemento da poboación e o seu espallamento no territorio- que condicionan seriamente o custe da prestación de servizos públicos tan relevantes como a sanidade e o ensino. O goberno da Xunta está atrapado nunha dupla impotencia: por unha banda non é capaz de conseguir que os dirixentes estatais do seu partido elaboren unha proposta concreta de financiamento autonómico que resulte acorde coas necesidades diferenciais da Administración galega e por outra banda carecen da vontade política necesaria para buscar un hipotético acordo con BNG e PSdG para fortalecer a capacidade negociadora no ámbito dos organismos estatais. É certo que, neste eido, as dúas forzas políticas da oposición aínda non foron quen de atopar un denominador reivindicativo común. Unha carencia que, no futuro, podería afectar á credibilidade requirida para captar os apoios necesarios no corpo electoral para facer realidade un goberno galego alternativo.





