Problemas no motor exterior da economía China

Como sinalaba nunha análise anterior, no pasado ano 2023 a economía China minguou o seu ritmo de crecemento por causa sobre todo da contribución negativa do seu motor exterior. Pois medrou uns 5,2 puntos porcentuais, a metade do que no pasado era habitual, e a contribución do saldo externo de bens e servizos restou 0,6 puntos (datos oficiais de 2023). A achega do motor exterior nos anos previos viña sendo positiva polo que o ano pasado pode considerarse como dun cambio de tendencia.

Pero ao mesmo tempo compróbase que no ano 2023 a economía norteamericana, que está a provocar unha viraxe proteccionista a escala global, rompeu a crónica problemática do seu déficit exterior pois dos seus 2,5 puntos de crecemento (datos BEA páxina 10) foron 0,6 puntos os que sumou coa demanda externa. E así mentres que nos anos anteriores a achega fora sempre negativa no ano 2023 as súas exportacións medraron un 2,6%, mentres as súas importacións caeron un -1,7%. Librecambista para o que eu vendo e proteccionista para o que eu compro.

En resume, en 2023, na China a demanda externa restou seis décimas ao crecemento do PIB en troques de sumar, e nos Estados Unidos sumou seis décimas por vez de restar. Un cambio radical de papeis no ano 2023 do que compre tomar boa nota para entender boa parte do que está a pasar polo mundo (guerras comerciais e das outras incluídas). Produto da inflexión das anteriores presidencias de Donald Trump que, nestes asuntos, continuou Biden.

Un cambio que se debe ponderar tendo en conta que a día de hoxe a economía chinesa está máis aberta ao exterior que a norteamericana, pois a rateo porcentual de importacións máis exportacións sobre o PIB en 2023 acadaba 33 puntos en China e 27 nos Estados Unidos.

Para detectar a causa desa problemática inversión do motor exterior de China, que por outro lado dise que é a fábrica do mundo, convén de entrada desagregar o que suceda coas súas exportacións e as súas importacións. Porque podería estar sucedendo que as exportacións deixasen de medrar ao ritmo que o viñan facendo (entre outras causas pola guerra proteccionista e comercial declarada dende a economía norteamericana antes tan defensora dos mercados abertos) pero que as importacións que precisa a actual economía China sexan a cada paso maiores (de alimentos e enerxías primarias entre outras cousas). Nunha gráfica presento un resume para os 20 últimos anos.

Fonte: elaboración propia con datos do NBS [ampliar gráfico]

Observamos que as exportacións triplícanse nos dez anos que van de 2005-2015 pero que nos seguintes dez anos 2015-2023 (de momento) vai ser difícil que se manteña ese ritmo e se chegue a un índice de 600 (estamos a falta de dous anos nun nivel de 444). As importacións teñen unha progresión non menos intensa pois entre 2005 e 205 multiplícanse por 2,5 veces e si ben seguen a medrar tampouco semella que acaden nesta década o ritmo da precedente.

Non se comproba daquela que o saldo comercial, e o seu deterioro paulatino, estea de momento por tras daquela achega negativa ao crecemento do PIB en 2023, pois para iso teríamos que ter comprobado que as exportacións medran moito menos, e as impostacións moito máis.

En consecuencia aquela achega negativa ten que vir necesariamente causada por un crecente deterioro da balanza de servizos (turísticos, de rendas de empresas estranxeiras, pagos por patentes, transportes, seguros, etc.) que erosionan de xeito determinante o meritorio superávit comercial daquela economía.

Resumindo. O golpe de temón dado polos Estados Unidos de Trump a globalización cosmopolita, un golpe continuado con Biden, semella estar dando réditos externos a ese país á vista dos datos do ano 2023 e, ao mesmo tempo, semella estar dificultando a progresión e o modelo de crecemento de China.

Pois aínda que este país, de momento, mantén un superávit comercial significativo (mantén, pero xa non fai medrar) os seus saldos nas balanzas de servizos (herdeiros da vella globalización) están a ser moi negativos, co que o resultado final cambia se signo. Algúns analistas resumen isto como que a China se lle está a retirar “a escada norteamericana“. E daquela, como dicía nunha análise anterior, non lle queda outra que ir na procura dunha escada exterior distinta.