En plena precampaña das eleccións do 29 de novembro, a dereita española volveu poñer sobre a mesa unha vella receita: substituír, en todo ou en parte, o sistema público de pensións baseado na solidariedade pola capacidade que cada persoa teña de aforrar ao longo da súa vida laboral.
O responsable económico de Vox, José María Figaredo, afirmou que o sistema público de pensións, que paga cada mes a uns dez millóns de persoas, “é un zombi” e “está quebrado”. A súa receita é a reforma cara a un modelo mixto que combine a repartición coa capitalización individual e non está só na proposta. O Partido Popular leva anos preparando o terreo para que se leve a cabo. En 2014, Esperanza Aguirre defendeu ante a Convención Nacional do PP que as cotizacións se considerasen un capital que pertence a cada traballador, compatible cos criterios de capitalización das compañías de seguros. O Goberno de Rajoy optou polo camiño gradual de estimular os plans privados con vantaxes fiscais e facilidades de rescate. Formas distintas, máis bruscas ou máis suaves, de ir na mesma dirección, a de trasladar a xubilación dende un dereito colectivo cara ao aforro individual investido nos mercados financeiros. Aínda que hai que sinalar por pura honestidade que esta idea non é patrimonio exclusivo do PP e de Vox. É, en realidade, o programa da dereita económica, da banca e dos seus centros de estudo, e ás veces atopou acomodo no propio PSOE. Foi un Goberno de Felipe González o que regulou en 1987 os plans e fondos de pensións privados e o ministro José Luis Escrivá, xa con Pedro Sánchez de presidente, impulsou en 2022 unha lei para impulsar os plans de pensións de emprego con fondos de promoción pública.
Por iso é moi importante entender que, detrás desa expresión amable de “modelo mixto”, hai un cambio radical que pon en perigo o benestar das persoas que se xubilan sen dispoñer de grandes patrimonios.
A pensión que reciba cando se xubile non está asegurada, senón que será o que haxa na conta o día da xubilación, sexa moito ou pouco.
Nun sistema de repartición, como o español, as cotizacións de quen traballa hoxe pagan as pensións de quen hoxe está xubilado. A pensión é un dereito recoñecido por lei e garantido polo Estado e a súa contía coñécese de antemán porque depende do cotizado e dos anos traballados, non do que pase na Bolsa. Nun sistema de capitalización, pola contra, cada traballador aforra nunha conta individual e unha xestora privada inviste ese diñeiro nos mercados financeiros. A pensión que reciba cando se xubile non está asegurada, senón que será o que haxa na conta o día da xubilación, sexa moito ou pouco, segundo a evolución da inflación e os mercados financeiros.
Os que defenden a capitalización para evitar, segundo din, a insostibilidade das pensións públicas, sempre omiten o fundamental: é un sistema moito máis inseguro, menos rendible, máis perigoso e, sobre todo, prexudicial para as rendas máis baixas.
Non é verdade que a capitalización resolva o problema que di resolver, o da insostibilidade das públicas por razóns demográficas, porque “no futuro haberá moitos vellos e poucos traballadores cotizando”.
Se as pensións públicas estivesen ameazadas por un problema demográfico exactamente igual o estarían os fondos privados.
As pensións, se financien como se financien, sempre se pagan co que se produce cada ano. Un fondo privado non garda pan nin medicinais para dentro de corenta anos: garda accións e bonos que haberá que vender cando chegue a xubilación. E, se de verdade houbera menos traballadores producindo e menos aforro, tamén habería menos compradores para eses activos que quen se vaia xubilando terá que vender para obter diñeiro líquido. Se as pensións públicas estivesen ameazadas por un problema demográfico exactamente igual o estarían os fondos privados.
Ademais, os fondos privados de pensións renden moito menos do que prometen. Segundo os datos de INVERCO que analiza Ignacio Zubiri, os fondos españois con 25 anos de antigüidade apenas lograron unha rendibilidade real do 0,42% anual. Como sinalou Zubiri, “baixo supostos razoables, aforrando durante 20 anos o 10% do seu salario, o traballador obtería unha pensión que non chegaría ao 10% do seu último salario. E con 30 anos, a súa pensión non chegaría ao 15% do seu último salario”.
Os fondos de pensións privados tamén son extraordinariamente inseguros. Se os mercados caen, como en 2008 e noutras moitas ocasións, a pensión privada afúndese. Volatilízase total ou parcialmente. Aínda que a xestora, iso si, cobra sempre.
Tampouco din os que defenden o tránsito á capitalización que o cambio que habería que facer dende o sistema actual é carísimo. Tanto, que se pode dicir que é inviable facelo. Habería que seguir pagando as pensións de repartición mentres as cotizacións se ían desviando a contas privadas, de xeito que unha xeración tería que pagar dúas veces.
Por suposto, omítese tamén que os sistemas de capitazalición multiplican a desigualdade. As persoas con salarios baixos, en situación de precariedade, os que tiveran carreiras interrompidas e, sobre todo, as mulleres arrastran esa desvantaxe ata a vellez sen ningún mecanismo solidario que as compense.
Por que entón se defende que se pase a un sistema de pensións privado que ten moitos máis defectos obxectivos, perigos financeiros e inconvenientes que o sistema público?
A resposta é sinxela: transferir ao sector financeiro a xestión da enorme masa de aforro e diñeiro que supoñen as pensións públicas é un negocio xigantesco.
Nada do anterior é teoría. En Chile fixeron todo isto e o que alí tivo lugar é o que debe tomarse como referencia e aviso a navegantes.
A ditadura de Pinochet impuxo en Chile, en 1980, a capitalización individual a través das Administradoras de Fondos de Pensiones (AFP). Aínda que, significativamente, houbo dous colectivos aos que deixou fóra do experimento e que conservaron o vello sistema público: os militares e os policías. Os arquitectos do modelo sabían ben cal dos dous sistemas era mellor.
A Organización Internacional do Traballo documentou que, dos trinta países que privatizaron total ou parcialmente as súas pensións entre 1981 e 2014, dezaoito tiveron que reverter a reforma, entre eles Arxentina, Hungría, Polonia e Bolivia.
Os resultados despois de varias décadas confirman o diagnóstico e o ocorrido xusto este ano resúmeo todo. As sete AFP, que controlan activos por uns 229.000 millóns de dólares e son a única fonte de aforro para a xubilación da maioría dos chilenos, lanzáronse nos dous últimos anos a comprar produtos financeiros que lles darían beneficios se os tipos de interese estadounidenses seguían baixando. Pero ocorreu o contrario e rexistraron perdas que roldan os 7.700 millóns de dólares. O golpe máis duro recibiuno o fondo máis conservador, o que se recomenda a quen está a punto de xubilarse, e o que perderon non se evaporou: gañárono bancos como Société Générale, Bank of America ou BNP Paribas.
A reacción dos responsables do fiasco tampouco ten desperdicio. O presidente da patronal das AFP negouse a falar de perda e chamouna “valorización económica do fondo”, e un conselleiro técnico da propia Superintendencia propuxo como remedio que quen estea a punto de xubilarse apraze o seu retiro ata que o mercado se recupere.
E Chile non é unha excepción desafortunada. A Organización Internacional do Traballo documentou que, dos trinta países que privatizaron total ou parcialmente as súas pensións entre 1981 e 2014, dezaoito tiveron que reverter a reforma, entre eles Arxentina, Hungría, Polonia e Bolivia.
É mentira que o sistema público de pensións estea quebrado. A súa sostibilidade depende de decisións políticas que determinan a distribución da renda, da evolución da produtividade, do emprego, dos salarios e de como se financie. O que hai que facer é blindalo fronte a quen, como en Chile, quere converter as nosas pensións nun negocio privado.
O 29 de novembro tamén se decide iso. Vox díxoo sen rodeos, e o PP leva anos abonando o terreo con incentivos fiscais aos plans privados, con discursos sobre a quebra do sistema e coa idea de que as cotizacións son un capital individual.
E se alguén tiña dúbidas, despexounas un dos grandes altavoces mediáticos da dereita. O director de OKDiario, Eduardo Inda, comentaba no programa Milenio as declaracións da portavoz parlamentaria do PP, Ester Muñoz, que puxera en dúbida o futuro do sistema público, e pediu silencio: «Cala coas pensións, que é un tema sensible». “Que falen —dixo— o 30N ou cando xa estean formando goberno». Non lle pediu ao PP que garantise as pensións, senón que non falase delas ata que os votantes xa non puideran habela en conta.
Isto é o que está en xogo nas vindeiras eleccións.
Publicado en ctxt.es o 16 de outubro de 2026. Versión orixinal en cstelán tamén dispoñible no blog de Juan Torres López





