Primeiro paparon as augas… e agora foxen os ventos

Existen boas razóns para considerar que tanto as actividades financeiras como as derivadas da explotación dos recursos naturais e enerxéticos sexan xestionadas polo Estado por vez de facelo por axentes privados. Serían o núcleo que diferenciaría o noso actual modelo de capitalismo financeiro (en España ou en Galicia) dun modelo parcial de capitalismo de Estado (ao menos parcial como nos casos de Alemaña, Francia ou Italia).

Porque, deixando nesta análise fóra o sector financeiro, neses tres países citados existen importantes empresas públicas na produción da enerxía ou de electricidade. Así en Alemaña Stadtwerke (empresas municipais) en Munich, Berlín ou Hamburgo e tamén Energie Baden-Württemberg (EnBW). En Francia o xigante EDF (Électricité de France), Engie (antes GDF Suez) e máis de 150 empresas (ELD) locais públicas de distribución. E en Italia o xigante Enel (Ente Nazionale per l’Energia Elettrica), Edison ou Eni.

No caso de España, e de Galicia, o control polo capitalismo financeiro e o IBEX no sector eléctrico é total. Pois Iberdrola ou Naturgy son privadas participadas polos grandes grupos financeiros, e Endesa é certamente estatal… pero do Estado italiano vía Enel. Tamén o é Repsol que agora inviste en renovables.

No caso de España, e de Galicia, o control polo capitalismo financeiro e o IBEX no sector eléctrico é total.

Sabido é que Galicia conta cun recurso natural renovable para xerar electricidade limpa e moi barata: a hidráulica. E sucede que ese recurso está capturado en concesións predemocráticas a esas empresas privadas do IBEX dende hai máis de 50 anos, concesións que veñen mutando en permanentes co truco das obras de ampliación e de almacenamento e bombeo en encoros auxiliares. Como resumo nas páxinas 54-64 do meu libro “Galicia, un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024).

Sobre esa desfeita (desnortados sen xeración hidroeléctrica de propiedade pública), asistimos nas últimas décadas a outra nova desfeita cortada polo mesmo patrón. Pois van ser de novo esas empresas privadas citadas, e outras mesmo de fóra de España, as que se fagan co novo recurso renovable galego para xerar electricidade: o vento dos montes e do mar. Porque da potencia instalada e das concesións en curso a inmensa maioría tamén está controlada por axentes privados. Así foxen os ventos cara á bolsa do capitalismo financeiro.

E é esta unha fuxida que semella non ter teito. Porque co truco do almacenamento (en forma de hidróxeno verde) toda a enerxía eólica que se poida instalar e capturar por estes investidores privados será pouca. Mesmo para alimentar o transporte global dun emporio como Maerks.

E así como Naturgy é quen de medrar no oligopolio eólico privado rampante en Galicia ao mesmo tempo que amarra as concesións hidráulicas -que xa deberan ter pasado ao patrimonio público- con obras de bombeo para almacenamento (por caso en Belesar (1963), Filgueira-Frieira (1970) e Alvarellos (1972) para que, segundo a lei do funil, podan seguir desfrutando da concesión. Pois malia os anos transcorridos é seguro que non van rematar nos vindeiros dez anos.

E así somos e seguiremos a ser unha potencia eléctrica renovable pero sen que nin os usos internos se beneficien dos seus baixos prezos, nin dos menores impactos ambientais que as enerxía fósiles.

E así somos e seguiremos a ser unha potencia eléctrica renovable pero sen que nin os usos internos se beneficien dos seus baixos prezos, nin dos menores impactos ambientais que as enerxía fósiles (que seguiremos usando), sen que o país se beneficie dunha autonomía e resiliencia que nos podería deixar ao marxe de turbulencias nas subministracións globais de hidrocarburos que a cada paso serán maiores.

A hidráulica e a eólica son dous exemplos dunha industrialización desnortada, porque por vez de inflar co vento galego o capitalismo financeiro do IBEX faríamos ben en, con ese vento, inflar de entrada as velas enerxéticas das duascentas empresas que, cunha boa agulla de marear, se cartografan no recente libro “Galicia, distrito industrial” (entre as páxinas 153 a 172). Ou alimentar a mobilidade dunha rede de tranvías urbanos modernos que non temos. Ou poder garantir un bono eléctrico básico universal gratuíto a toda a poboación. Pero para poder facelo precisamos asemellarnos algo ao capitalismo enerxético de Estado francés ou italiano.

E xa, para completar a faena, tamén sería bo facer o propio co sector financeiro. Sen un Banco de España capturado polo IBEX, ou dunha Caixabank cun vinte por cento do Estado pero subordinado a axentes privados. As empresas autóctonas e os cidadáns sairiamos ganando.