Debo recoñecer que certas posicións dos partidos e os medios de información de dereitas me producen un fondo desagrado, cando non unha grande repulsa. Sucede isto co que se chama populismo punitivo e do que tivemos evidencias recentemente.
Hai unhas semanas os medios nos informaban de que o Goberno Vasco concedera ao que fora xefe de ETA Mikel Garikoitz Aspiazu, alias Txeroki, un réxime de semiliberdade de luns a venres coa obriga de volver a durmir en prisión en aplicación do artigo 100.2 do Regulamento Penitenciario. Txeroki, detido no ano 2008, fora condenado pola Audiencia Nacional no 2010 a 377 anos de penas de prisión por 20 delitos de asasinato terrorista en grado de tentativa e de estragos. Txeroki leva nas cadeas españolas -antes estivera detido en Francia- 18 anos.
Como era previsible esta decisión do Goberno Vasco recibiría fortes críticas dende varios focos. Se as reaccións das vitimas (AVT) resultan hasta certo punto comprensibles as dos partidos políticos das dereitas resultan especialmente significativas polo concepto que reflicten dos dereitos humanos. O presidente do Partido Popular, o señor Núñez Feijoo, aproveitou a ocasión para, como non, criticar ao PSOE e de rebote ao PNV. “Bildú ordenou, o PSOE executou e o PNV acatou… Así é como Txeroki, condeado a 400 anos de cadea, sae de prisión. Por obra e gracia dunha conselleira socialista que regala liberdade a quen se lla arrebatou aos seus compañeiros”.
Como se pode ver trátase de aproveitar o impacto emocional que na sociedade pode xerar ver a un criminal da talla de Txeroki saír da cadea -non se di, por caso, que leva 18 anos cumprindo condena….e segue- para sacar réditos políticos. Uns réditos que se intentan obter poñendo o foco exclusivamente nas vítimas algo comprensible pero non xustificable e menos aproveitable para atacar ao goberno de quenda. Pero “vivimos nunha sociedade na que os políticos reaccionarios, potenciados por algúns medios de comunicación, ofrecen como solución taumatúrxica” -á violencia, ao terrorismo- “un incremento das penas de prisión. Coido que a protección ás vítimas de delitos violentos nunca debe pasar por medidas baseadas no que se coñece como populismo punitivo, que conseguiu de feito un sistema de penas que, pasando pola prisión permanente revisable” -equivalente a unha condena por vida- “estableceu a cota mais alta da Unión Europea en canto a duración das penas de prisión. O cumprimento integro dunha pena de corenta anos de prisión”-“-a maioría dos delitos en España teñen ese tope máximo-”sen dubidas merece o cualificativo de tratamento cruel, inhumano e degradante” (Martín Pallín, J. A. (2026). Visto para sentencia. Xuíces e ideoloxía na Xustiza española. Siglo XXI de España Editores.).
A solidariedade coas vítimas do terrorismo, e de calquera tipo de violencia, non debería conducir a defensa de políticas crueis que degradan ao ser humano, deterioran a convivencia e cuestionan a democracia. Fago miñas as opinións do ilustre maxistrado citado anteriormente, e afirmo que “me parece repugnante, retrógado e cínico que calquera medida lexislativa que propugne incrementar o sistema protector e asistencial fronte a excesos punitivos sexa vendida a opinión pública como unha ofensa ou humillanción ás vitimas. Sempre me formulei esta pregunta: ten a vitima dereito a pedir que o agresor apodreza na cadea? Moitas o piden, pero recoñecer este dereito sería tanto como volver a Idade Media. A vítima non pode exixir vinganza, nin dureza ni, por suposto, a contravención das ganancias procesuais… Nunha democracia so o Parlamento e o Goberno poden dirixir as políticas lexislativas e de seguridade. Os que se aproveitan da súa door, alimentando perpetuamente as súas angustiosas lembranzas, so merecen o desprezo polo dano que causan tanto aos afectados como a convivencia” (J.A.M.P.)





