Na política exterior dos Estados Unidos e, xa que logo, na do seu brazo armado a OTAN, nunca os dereitos humanos foron unha prioridade. Sempre primaron os intereses imperialistas (zonas de influencia, comercio de armas, materias primas e finanzas… Josep Fontana: “Por el bien del Imperio”). Na actualidade Ucraína e Gaza son unha proba contundente de tales prioridades que van mais aló deses territorios.
Para entender os posibles intereses imperialistas dos Estados Unidos en Gaza compre poñer o foco en varios feitos que están sucedendo de xeito complementario ao xenocidio que o goberno israelí de Netanyahu está causando entre a poboación gazatí. O primeiro é a construción por Estados Unidos dunha base militar en Gaza que segundo o presidente estadounidense ten como finalidade “facilitar a entrega de axuda humanitaria aos palestinos desprazados polos ataques”, aínda que os acontecementos sementan serias dúbidas sobre que esas sexan as auténticas intencións porque, segundo feito, en paralelo á construción da base militar en Gaza vai a doutra base, esta secreta, en Israel, que “enfocada a Irán”, semella que pode usarse para apoiar operacións a grande escala en Oriente Medio e incluso en Asia Occidental. Operacións que terían como auténticos obxectivos ampliar as zonas de influencia e o reparto de recursos naturais a prol do imperio estadounidense.
Contribúen a esta sospeita tanto a constatación do grande despregue militar que Estados Unidos está realizando na zona (avións de combate, portaavións, tropas ….) como a actitude cada vez máis belicosa de Israel con Irán e co Líbano. En relación co primeiro lembremos que días atrás o consulado iraniano en Damasco (Siria) sufriu un bombardeo (unha nova provocación?) que causou 13 vítimas mortais e que non poucos apuntan a que foi provocado pola aviación israelí que xa tiña realizado outros ataques anteriormente, todos xustificados en base a cortar a crecente influencia militar de Teherán nesa rexión. Con relación ao Líbano son frecuentes os ataques israelís xustificados en base ao suposto terrorismo de Hezbola, que constituiría unha ameaza para a seguridade de Israel. Resulta totalmente rexeitable pensar que Israel faga todos estes ataques ao Líbano e a Irán sen o coñecemento e a aprobación dos Estados Unidos se pensamos tanto na axuda militar que este lle presta regularmente (3.000 millóns de dólares anuais) como que fai uns días o Senado dos EE.UU. aprobou unha nova axuda de 14.000 millóns de dólares.
Neste escenario cabe preguntarse se realmente foi Hamás o auténtico responsable desta escalada militar ou son outras as razóns como, por caso, as citadas anteriormente de preparación do Imperio para unha guerra a gran escala en Oriente Medio. Unha guerra que pasaría por expulsar os palestinos de Gaza.
En relación con isto último convén atender a unha información moi relevante que chega por vía de Ecoloxistas en Acción e que está corroborada por outras fontes que fala de como nas costas de Gaza se descubriron unhas das reservas de gas en augas marítimas máis grandes do mundo, estimadas en varios billóns de metros cúbicos, ás que habería que sumar outras de petróleo, estimadas en 1.500 millóns de barrís. Unhas reservas que abren unha nova liña de conflito entre Israel e os palestinos. Dende o primeiro momento Israel declarou que esas reservas (especialmente as de gas natural) “estaban dentro das súas augas económicas” e que “non dubidaría en utilizar toda a súa forza para protexer o que é seu”: con estas reservas Israel converteríase nunha potencia gasística mundial, ademais de ter cuberta a demanda interna durante décadas. Unha posición que topou unha aliada na Unión Europea que sería unha das beneficiadas por ter asinado un acordo para a importación de gas de Israel.
Con todos estes datos seguramente que se entenderan mellor tanto a política xenocida de Israel en Gaza como o incondicional apoio dos Estados Unidos e a tibieza na posición da Unión Europea.