Unha das moitas probas dos déficits democráticos que agocha España é a obscenidade coa que os poderosos (bancos, construtoras, oligopolios) exercen o seu poder e aseguran as súas enormes ganancias. Un poder para o que contan co apoio de elites políticas, xudiciais e dos corpos de seguridade e que reciben a cobertura mediática dos medios de información e opinión subvencionados. Un poder que logo de cinco décadas aínda permanece inamovible, algo do que temos probas regularmente e que pon en evidencia como para estes poderosos as ganancias nunca son abondo, polo que teñen que reverter con regularidade o funcionamento da democracia sen importarlle o escandaloso que resulte.
Esta subversión adopta múltiples formas que van dende corromper unha clase política facilmente manexable, até subvencionar a prensa para que ataque ás forzas políticas e sociais democráticas ao tempo que oculta a realidade e monta unha paralela coincidente cos intereses daqueles, utilizando ademais a membros destacados dos poderes do Estado na defensa deses intereses, aínda que sexa violando as leis e a democracia. Un método que utilizan estes poderosos para conseguir os favores das elites citadas -políticas, xudiciais, policiais- é o fenómeno coñecido como “as portas xiratorias”.
En España son célebres os casos de ex políticos socialdemócratas e conservadores que pasaron do goberno e de altos cargos na administración pública -xefes de goberno, ministros, directores xerais- a postos directivos nas empresas do IBEX35.
Que son as famosas “portas xiratorias”?: Un procedemento que facilita o paso de políticos e maxistrados do servizo público á empresa privada -e viceversa- o que lle permite a estas manter un enorme poder de influencia nos gobernos e nos poder xudicial. En España son célebres os casos de ex políticos socialdemócratas e conservadores que pasaron de formar parte do goberno e de ser altos cargos na administración pública -xefes de goberno, ministros, directores xerais- a ocupar postos directivos nas empresas do IBEX35. Tamén se dan casos de membros do poder xudicial -maxistrados, avogados do Estado…- que pasan á gran empresa privada.
Este funcionamento explica que en España teñamos que asistir a escándalos de corrupción política e xudicial que semellan non ter fin. Casos nos que os gobernos mesmo lexislan a favor dos poderosos. Lembremos o caso dos rescates bancarios cando os gobernos españois acudiron en auxilio dunha banca en crise por mor da súa enorme avaricia e mal goberno, e que supuxeron enormes custos para as arcas públicas; ou o caso dos oligopolios, que dispoñen dun marco legal que lles permite cometer auténticas estafas presuntamente pola vía da alteración dos prezos -velaí os abusos recorrentes nos carburantes e na electricidade ou os das empresas da construción que se ven favorecidas por leis urbanísticas que lles permiten auténticas barbaridades construtivas…-. Tamén está o caso de institucións destacadas do poder xudicial -Tribunal Supremo, Tribunais de Xustiza Autonómicos, xuíces estrela…- que favorecen os intereses destas elites poderosas mentres perseguen dirixentes das esquerdas. Son escándalos que poñen en evidencia como hai partidos que se alimentan da corrupción, e aí temos, por exemplo, ao Partido Popular, cunha lista infinita de expedientes que afectan tanto ao propio partido como a múltiples responsables e dirixentes do mesmo.
Como sinalaba, os escándalos tamén afectan ao poder xudicial, que conta con maxistrados ben situados nas distintas instancias xudiciais que parecen pensar que “a xustiza son eu”, e así non teñen reparos en ditar sentencias e adoptar decisións autenticamente incribles e escandalosas. Aí está, por caso, o moi distinto trato xudicial que lle dan aos políticos das esquerdas aos que perseguen con saña -léase Pablo Iglesias, Irene Montero, Juan Carlos Monedero, Ada Colau, Mónica Oltra ou Pedro Sánchez, por citar os máis soados- que aos políticos das dereitas, aos que protexen e amparan -véxase o que está pasando en Valencia con Carlos Mazón, ou con ex presidentes e ex ministros do Partido Popular, como Mariano Rajoy, Dolores de Cospedal, Cristóbal Montoro, Rodrigo Rato, Eduardo Zaplana, Francisco Camps… cuxo listado de casos de corrupción nos que aparecen involucrados se faría interminable-. Para mellor entender o distinto trato xudicial hai que fixarse na diferente relación que estes políticos tan dispares tiveron e teñen cos poderosos: se defendes os intereses destes últimos non terás problemas coa xustiza; se os atacas ou tratas de rebaixar as súas ganancias serás perseguido pola xustiza. Esa é a lectura que cabe facer de todo o que vén sucedendo a nivel xudicial e que chega a afectar negativamente a maxistrados decentes e honestos.
En relación con isto último, recentemente tivemos que asistir á inxusta, impresentable e vergoñenta defenestración de Álvaro García Ortiz, Fiscal Xeral do Estado, simplemente por defender a honorabilidade da Fiscalía fronte a mentiras e ataques das dereitas madrileñas que lidera a señora Isabel Díaz Ayuso -cuxa parella, por certo, cometeu os delitos de fraude fiscal, corrupción nos negocios e administración desleal- e que contan co apoio tanto de membros destacados do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior Xustiza de Madrid, como de medios de información e opinión gostosamente subvencionados.
Agora mesmo sabemos que en Galicia a nova Presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, entre as primeiras medidas adoptadas, decidiu desmantelar a Sección 3ª que, ou casualidade!, viña coñecendo dos procedementos xudiciais sobre as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos no territorio galego, as suspensións cautelares da súa construción e cuestións de contratación administrativa como as que afectan a concesións hospitalarias, como a do Hospital Álvaro Cunqueiro. Un criterio presidencial absolutamente arbitrario e só comprensible se atendemos ao que vimos sinalando neste artigo sobre o enorme poder de influencia nas instancias xudiciais deses poderosos aos que lles molestan aqueles maxistrados -por caso, Álvaro García Ortiz e Luís Villares Naveira- que defenden que a xustiza, como corresponde a calquera sistema democrático, sexa igual para todos e impida abusos como os que están levando a cabo as empresas eólicas e as construtoras en Galicia. Abusos para o que contan co apoio de membros destacados do poder xudicial, como así o estamos vendo agora, cando se toman decisións arbitrarias e inxustas que ademais fan que “a imaxe do TSXG e a súa independencia queden moi afectadas”, así como que se “poida trasladar á cidadanía unha sospeita, esperamos que infundada, na finalidade perseguida pola decisión gobernativa adoptada, así como a imaxe de que o poder xudicial se estaría dobrando aos intereses dalgunhas das partes nos litixios sinalados” (Xuízas e Xuíces para a Democracia).
Porque en definitiva o que se pretende neste caso é “sacar do medio” a aqueles maxistrados que, como sucede con Luís Villares Naveira, queren que a xustiza sexa independente (Art. 117 da C.E.) e garante de que todos os cidadáns somos iguais diante da lei (Art. 14. C.E.) para que non haxa abusos como os que, de forma cotiá, estamos sufrindo en Galicia.





