Veño observando que certos analistas económicos, que consideran que Galiza é unha historia de éxito neste século XXI, non ven con ningunha preocupación que a nosa poboación se manteña estable ou mesmo lixeiramente minguante.
É doado de entender. Porque sobre esa base saben que é máis fácil que o volume de parados sexa menor, ou que a riqueza por habitante medre polo efecto da contención do denominador do tal indicador. Eles sábeno, pero o mérito apóñenllo á mellora da produtividade (por máis que tamén saben que aínda imos por baixo da media española) ou ao pulo das manufacturas (que na maior parte dos anos tamén deberan saber que medran por baixo da media española), ou a unhas exportacións crecentes (aínda que saben que a demanda externa é unha parte moi pequena do crecemento do PIB).
Apóñenlle o éxito da mellora da riqueza media por habitante a causas máis que dubidosas, e non queren escoitar que se o noso crecemento demográfico se movese na media do reino de España esa “converxencia pasiva” (como nos sucede cando a referencia é a media da UE) ou a redución da taxa de paro serían imposibles.
Solución: soster que non pasa nada porque sexamos un país minguante dentro de España, coa poboación estancada.
Solución: soster que non pasa nada porque sexamos un país minguante dentro de España, coa poboación estancada. Como me dixo con retranca un colega: “onde está o problema? Se somos menos … tocamos a máis”. Iso: vivamos como galegos. E se hai problemas: emígrase.
Pero si que hai problemas. E gordos. E non porque a poboación estancada ou minguante se transforme nun truco para falar de éxitos aparentes. É un problema por motivos moi serios de fondo, que nada teñen que ver cun “decrecentismo” demográfico ou económico que partillo (que se tería que armar con criterios que nada teñen que ver co axuste automático neoliberal no que imos como un país desnortado).
Porque este axuste automático que sufrimos na poboación como país desnortado é un síntoma de graves problemas de fondo de longo percorrido (o principal unha secular drenaxe migratoria por incapacidade de mobilizar os recursos produtivos do país no noso favor) que se retro alimentan nun círculo desastroso que fai minguar os mozos e medrar os vellos.
Un país minguante que é ao paso un país avellentado. Con serios efectos sociais pero tamén económicos. Sobre todo se falamos en serio de pensións decentes, de sanidade pública que non alimente á privada ou de asistencia aos maiores que non dependa do bolso de cadaquén. ¿Falamos disto ou imos de troula no Xacobeo?.
Vexamos. Segundo as proxeccións demográficas do INE é un disparate afirmar que non pasa nada porque a nosa poboación se manteña constante, mentres noutras nacionalidades e comunidades españolas vai medrando. Procuro visualizalo nunha táboa con dúas columnas de datos.

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar cadro]
E non é casualidade que cando a poboación non medra a porcentaxe de vellos aumente, porque se reparamos na parte baixa da táboa, xusto as catro Comunidades que teñen a porcentaxe de vellos menor (Balears, Murcia, Madrid e Catalunya) teñen un crecemento demográfico moi por riba da media do reino de España. Medran, nada de manter a poboación constante.
Non pasa nada con que a poboación non medre? Porque semella que non hai outro xeito de facer que a porcentaxe de vellos non medre. E, polo tanto, de que os problemas sociais e económicos da elevación desa porcentaxe sexan manexables. Só así haberá unha porcentaxe de mozos ocupados que permitan manter os servizos e pensións que aqueles demandan.
Porque se iso non é así, vaia si pasan cousas. De entrada que hai que depender de que aos minguantes en poboación nos recoñezan unha maior poboación da que temos (“poboación axustada”) para que dende outros territorios acheguen fondos para os servizos públicos, ou para cubrir os pagos mensuais do sistema público de pensións.
E cal é a forma de saír desta rateira de “solidariedade”, de dependencia de terceiros? Pois ser quen de facer que aumente a poboación como na media do reino de España.
E cal é a forma de saír desta rateira de “solidariedade”, de dependencia de terceiros? Pois ser quen de facer que aumente a poboación como na media do reino de España. Por iso recentemente analizaba as causas de que na Galiza non medrase a poboación como noutras nacionalidades de España no Tempos Novos nº 344 do pasado mes de abril.
Pero tamén, e ao mesmo tempo, trátase de que esa poboación teña probabilidades de emprego decente na Galiza. Aproveitando os recursos (naturais, enerxéticos, financeiros, alimentarios, …) que temos, pero que xestionan axentes e empresas que lles din, a quen queira facerlles caso, que “non pasa nada porque a poboación galega non medre”. Que así somos menos a repartir.





