Perlas cultivadas en xaneiro de 2025

Incluso antes de tomar posesión como Presidente dos Estados Unidos, Donald Trump xa se quixo facer notar e tamén que falaran del aínda que fora para mal. Así, empezaría por ameazar con invadir Panamá e Groenlandia, ao tempo que preme a Canadá e a México para que se integren nos Estados Unidos de América: nada disto vai ocorrer e Trump sábeo mellor que ninguén, pero hai que facer barullo para que poñan o foco nun. Acompañárono  nesta ofensiva dialéctica os multimillonarios que financiaron a súa campaña, que empezan a “pasar factura” e a facer explícitos os seus intereses comerciais. Uns intereses que, no caso das multinacionais tecnolóxicas (“capitalismo da vixilancia”) pasan por que as súas redes dominen a información e a comunicación mundial, así como as mentes da maioría dos cidadáns. Un dominio que refuga da democracia e a liberdade, que puxo no seu foco os inmigrantes, as mulleres e os colectivos LGTBIQ+, e que utilizando o seu enorme poder abre a veda ás trolas, a desinformación, o insulto e os discursos de odio.

En Oriente Medio a hidra israelí, farta de sangue de nenos/as palestinos/as, tomouse un pequeno descanso logo de inaugurar 2025 cun novo masacre en Gaza e de que no 2024 reducira nun 6% a poboación palestina na franxa. Un descanso durante o que acepta intercambiar con Hamás prisioneiros israelís por presos palestinos e que pode abrir a vía ao posible final dun xenocidio que deixaría tras de si máis de 46.700 palestinos asasinados. Unha tregua que se loxicamente é ben recibida tamén, tal como aseguraba a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Medio (UNRWA), chega moi tarde. Que como sinalaba o secretario xeral da ONU, António Guterres, “non debe facer esquecer o obxectivo da preservación da unidade, continuidade e integridade do territorio palestino ocupado”, que “a prioridade agora é aliviar o tremendo sufrimento causado por este conflito”. Aceptará a hidra israelí, que non recoñece as Nacións Unidas e cuxo auténtico obxectivo é o exterminio do pobo palestino, este desexo do secretario xeral das Nacións Unidas? Vistos os precedentes, as dúbidas son inevitables.

As multinacionais tecnolóxicas abren a veda ás trolas, a desinformación, o insulto e os discursos de odio.

A crise climática segue avanzando imparable. No ano 2024 a Terra bateu o récord de temperaturas cálidas segundo os rexistro da NASA: a temperatura neste ano superou o récord de calor que se establecera no 2023, situándose 1,28ºC por riba dos rexistros do século XX. En relación a España, segundo a AEMET, o 2024 foi o terceiro ano máis cálido da serie histórica: nos últimos 12 meses rexistráronse 33 récords de días cálidos e ningún de días fríos. Tamén, durante ese mesmo ano rexistráronse as inundacións máis catastróficas con inundacións masivas, desprazamentos forzados e perdas económicas colosais. Sucesos que poñen en evidencia como a crise climática deixou de ser unha ameaza futura para converterse nunha crise presente.

En Europa segue o ascenso das extremas dereitas que ganan terreo e provocan crises políticas. Agora parece ser a vez da Austria, Alemaña e incluso Francia. En Austria a ultradereita do Partido da Liberdade (FPO: partido fundado nos anos 50 por un alto cargo militar das SS), vencedora das últimas eleccións xerais, vén de recibir o encargo de formar un novo goberno ao tempo que os conservadores (OVP: Partido Popular) confirman a súa disposición a formar parte do mesmo: sería a primeira vez dende a II Guerra Mundial que a extrema dereita lidera o goberno austríaco. En Alemaña, que celebrará eleccións xerais o 23 de febreiro, a extrema dereita de Alternativa para Alemaña (AfD) aparece nas sondaxes como a segunda forza do país. Unha extrema dereita que recibiría o apoio entusiasta de Elon Musk, quen promete axudarlles a gana-las eleccións, o que pon en evidencia que Donald Trump e a súa equipa consideran este partido como o seu interlocutor preferido en Alemaña. En Francia a formula centrista-liberal liderada por Enmanuel Macrón, actual presidente da República, dá tan claros sinais de esgotamento que non son poucos quen falan de que Francia sofre unha auténtica crise de réxime. Unha conxuntura que ten lugar cando a extrema dereita liderada por Marine Le Pen (Frente Nacional: FN) aparece en tódalas enquisas  con máis forza que nunca. Unha marco político en Europa que fai pensar en que os estados ricos da UE están agora probando os negativos efectos da menciña austericida que lle fixeron tragar aos estados do sur que despectivamente chamaban PIGS.

Sería a primeira vez dende a II Guerra Mundial que a extrema dereita lidera o goberno austríaco.

Seguen morrendo inmigrantes intentando chegar a Europa. Segundo UNICEF, no ano 2024 “máis de 2.200 persoas morreron intentando cruza.lo Mediterráneo. Entre as vítimas hai centos de nenos, nenas e adolescentes. De feito un de cada cinco de todos os que emigran ao través do Mediterráneo son menores” que maioritariamente foxen dos conflitos armados, a fame, a pobreza e os desastres que provoca a crise climática.

A guerra en Ucraína poida que se encamiñase a súa finalización. A pesares do apoio armamentístico, financeiro e loxístico da OTAN, Ucraína non se mostra capaz de parar a ofensiva rusa. Logo de tres anos de combate, con decenas de miles de soldados mortos, infraestruturas, vivendas e fabricas arrasadas o único certo é que o reloxo corre contra Ucraína, xa que Rusia está gañando militarmente a contenda ao tempo que se apropia cada vez de máis territorio. Ao mesmo tempo as novas que chegan din que co gallo da guerra a industria armamentística rusa cuadriplicou a súa produción, ao tempo que Rusia se está convertendo nun dos maiores produtores mundiais de gas e petróleo cos que financia a guerra. Mentres isto sucede, Europa está sendo a gran prexudicada polos cortes na subministración de gas. Paradoxalmente a chegada de Donald Trump á Casa Branca pode acelerar o fin desta guerra.

Caza de bruxas contra o Fiscal Xeral do Estado, o señor Álvaro Ortiz. Que logo das clarificadoras declaracións dos periodistas Miguel Ángel Campos, da cadea Ser, e José Precedo, director adxunto de eldiario.es, o maxistrado do Tribunal Supremo, Ángel Luis Hurtado, queira seguir adiante co expediente e citase o Fiscal Xeral do Estado, a Fiscal Provincial de Madrid e a Secretaria Técnica da Fiscalía xeral “por indicios delictivos dos dous primeiros” só ten unha explicación e esta coincide co sinalado pola Asociación Progresista de Fiscais (UPF) de que estamos diante de “unha auténtica caza de bruxas”, na que participan a presidencia da Comunidade Autónoma de Madrid e a súa contorna familiar, maxistrados do Tribunal Supremo, partidos políticos (PP/Vox) e periodistas de medios madrileños moi conservadores. Realmente trátase dunha ofensiva das dereitas madrileñas que non están dispostas a que os seus intereses corporativos poidan ser cuestionados aínda cando se utilicen en beneficio propio medios ilegais e ilícitos, como sucede neste caso en que estamos diante dun dobre delito fiscal que afecta á contorna de Isabel Ayuso.

Trátase dunha ofensiva das dereitas madrileñas que non están dispostas a que os seus intereses corporativos poidan ser cuestionados.

Agardemos que finalmente triunfe a legalidade e a democracia, que neste caso están coa Fiscalía Xeral do Estado, pois do contrario, de triunfar intentos como este de “criminalizar” o funcionamento normal da Fiscalía Xeral, tal e como denuncia a citada asociación de fiscais, sumaríase un pasivo máis a cargar nunha democracia xa bastante deficitaria por mor do enorme poder que teñen unhas clases de rendas altas que seguen pensando que España é a súa corte digan o que digan os principios democráticos dun estado de dereito.

O Partido Popular segue adiante na súa estratexia de acoso e derrubo do goberno español de quenda agora utilizando as autonomías que goberna e coa estratexia de culparlle a aquel da súa infrafinanciación ao tempo que aló onde gobernan presumen de baixar impostos. Baixadas que afectan de forma preferente e case exclusiva ás rendas máis altas. Paralelamente, o señor Feijoo parece que neste ano 2024 tampouco quererá ser Presidente, porque o xogo de alianzas que pretende -con Vox e JxCat- para así poder presentar unha moción de censura non remata de materializarse.

You’ll Never Walk Alone. Semella que esta canción composta por Richard Rogers e Oscar Hammertein para o musical Carousel e posteriormente popularizada polos seareiros do Liverpool non é aplicable ao BNG (Bloque Nacionalista Galego) nin ao PSdeG (PSOE) se nos fixamos nas declaracións das últimas semanas nas que, co gallo de marcar un perfil propio, parecera que ámbalas dúas organización están moito máis interesadas en remarcar diferenzas que en poñer enriba da mesa posibles coincidencias. Os intereses das burocracias partidarias parecen mandar sobre a lóxica política para beneficio do PPdeG que, a menos que suceda un cataclismo -un “nunca máis” que non aparece no horizonte- seguirá tendo no ano 2025 unha gobernanza tranquila.

Noam Chomsky e José Mujica, let them go in peace. Ao tempo que escribo estas liñas chegan novas de que estes dous grandes, enormes líderes e marabillosas persoas están chegando ao final das súas vidas. Nestas circunstancias un non pode por menos que mostrar publicamente o seu agradecemento para con eles ao tempo que desexar que a súa memoria, feitos e escritos permanezan na lembranza de moita xente e sexan recollidas nos libros de historia.