Perlas cultivadas de 2024

O ano que ven de pasar (2024) deixounos unha serie de “perlas cultivadas” que vale a pena lembrar brevemente.

Foi un ano que puxo en evidencia como o emérito maxistrado Jose Antonio Martín Pallín acertaba cando afirmou que “estamos diante dun golpe de estado xudicial permanente, a peza a cazar é o Presidente, Pedro Sánchez”. Unha declaración que contou con numerosas probas, como as de que un sector relevante do poder xudicial, no que aparecen maxistrados do Tribunal Supremo, en coordinación coas dereitas extremas (PP, Vox) e a caverna mediática, estiveron intentando pechar unha rede de acoso e derribo xudicial sobre o goberno de quenda (PSOE) poñendo o foco nas figuras máis relevantes do PSOE como o Presidente de Goberno, Pedro Sánchez, e a Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda, María Xesús Montero. Con toda probabilidade este acoso seguirá no 2025.

Unha actuación de parte dos maxistrados que seguramente explica como segundo as enquisas máis fiables e recentes o poder xudicial español está baixo sospeita  pois goza de escasa confianza entre os cidadáns: “o 60% dos españois non confía nos xuíces, cree que se instrumentaliza a xustiza con fíns políticos e asegura que existen casos de lawfare” . As razóns desta crecente desconfianza cidadá están na evidencia de que no poder xudicial español hai maxistrados, de ideoloxía franquista, que coas súas actuacións están deteriorando gravemente un dos alicerces básicos de calquera democracia. Actuacións que van dende utilizar como acusacións a organizacións (Manos Limpias, Hazte Oir…), persoeiros (Victor de Aldama, Alberto G. Amador..) e medios de comunicación (OkDiario, La Razón..) de ideoloxía ultra e sen ningún tipo de credibilidade democrática, a empregar argumentos falsos ou informes apócrifos (operación Venus contra Podemos) e incluso, como sucedeu co maxistrado Juan Carlos Peinado, a mentir (caso Begoña Gómez) para xustificar as súas actuacións.

O 60% dos españois non confía nos xuíces, cree que se instrumentaliza a xustiza con fíns políticos e asegura que existen casos de lawfare.

Tempo para que o Presidente do PNV, Andoni Ortuzar, dixera en voz alta cales foron as autenticas urxencias do señor Nuñez Feijoo durante o ano 2024: “Feijoo creu que empezou unha conta atrás…pero non é para Sánchez, senón para el mesmo”. Non son poucos os que coinciden con este diagnóstico sobre a situación de Núñez Feijoo como líder do Partido Popular (PP) pois cada vez son máis as voces no seo das dereitas que pensan que o político dos Peares non é unha alternativa a Pedro Sánchez. Voces contrarias as que habería que sumar o constante protagonismo da señora Ayuso, claramente superior ao de Núñez Feijoo, e a solidez que está tomando a figura política de Moreno Bonilla, actual presidente da Junta de Andalucia. Realidades que explican as urxencias do señor Nuñez Feijoo. Veremos que novas nos depara o ano 2025 en torno ao liderado no PP.

Como era previsible que sucedera, a proposta do goberno español de celebrar este ano 2025 os cincuenta anos do final do franquismo, unha das ditadura mais crueis e sanguinarias do século XX, e da consecución da democracia que tanto nos custou, foi rotundamente rexeitada polas dereitas extremas (PP/Vox) nas que a señora Isabel Ayuso quixo. unha vez mais, levar a voz cantante (“a Comunidade de Madrid, garante da transición, a liberdade e a Constitución non se sumará a ningún destes eventos e iniciativas… Madrid coa democracia e contra o guerracivilismo”) marcándolle o paso e o discurso ao señor Núñez Feijoo (“eles, coa súa amargura de volver aos anos corenta, cincuenta e sesenta….. que preguiza dan!”) a quen seica lle dá preguiza celebra-la democracia. Realmente estas dereitas non perden ocasión de facer pública a súa querenza e morriña polo franquismo, o que deixa en evidencia un talante autoritario e antidemocrático.

Realmente estas dereitas non perden ocasión de facer pública a súa querenza e morriña polo franquismo, o que deixa en evidencia un talante autoritario e antidemocrático.

Un ano no que o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, co gallo da Conferencia de Presidentes celebrada en Santander, volveu poñer en evidencia que non é partidario dun financiamento singular para Galicia, como lle correspondería pola súa condición de país, e que a súa prioridade non está en atender as obrigas propias dun gobernante senón que son os intereses particulares do seu partido (PP) quen priman nas actuacións políticas. Así, mentres presume de baixa-los impostos en Galicia, o que supón perda de recadación e de soberanía fiscal, na citada conferencia reclamoulle ao goberno central mais fondos para Galicia: iso chámase irresponsabilidade fiscal (descargar noutros as propias responsabilidades). Paralelamente e utilizando argumentos totalmente faltos de rigor pero cheos de partidismo negouse a aceptar a condonación da débeda que lle ofrece o goberno central a Galicia, que recibiría así neste asunto o mesmo trato que calquera outra comunidade, alegando que a quita é un “parche”. Unha parche de 2.616 millóns de euros.

O 15 decembro puidemos ver como unha gran manifestación tiña lugar en Compostela en contra das intencións da Xunta de Galicia de autorizar a instalación dunha empresa de celulosa na localidade de Palas de Rei (Lugo). Un acto multitudinario que puxo unha vez máis en evidencia como hai un sector numeroso da poboación galega que está en contra dunha política industrial que non respecta as contornas e os recursos naturais nin mostra preocupación algunha polo crecente deterioro medioambiental de Galicia e os riscos que para a supervivencia está provocando o imparable cambio climático.

No remate do ano os/as galegos/as de ben recibimos unha estupenda nova, a de que por fin se lle fai xustiza a Alexandre Bóveda.

Tamén en decembro a Conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Xesús Lorenzana, afirmaba que o prezo da luz o fixa o mercado polo que non ian a intervir no mesmo. Malia que na realidade non é así por que a condición de oligopolios e o enorme poder político das empresas eléctricas -grazas as chamadas “portas corredoiras”- derivou nun sistema de fixación de prezos que nada ten que ver con un mercado onde o prezo o fixa o libre xogo da oferta e a demanda. Uns oligopolios de produción e distribución de enerxía lumínica que aplican subas nos prezos inxustificadas pero abusivas. Prezos que se fixan mediante un sistema claramente especulativo que se basea en poxas diarias dun chamado “pool eléctrico” (que converteron nun produto financeiro) e na que se escolle como prezo final do quilowatt o mais elevado entre as distintas fontes enerxéticas (gas, carbón, nuclear, eólica, solar, hidráulica). Poxa na que interveñen especuladores financeiros da dimensión e agresividade de Goldman Sachs. Prezo ao que se lle suma, para elaborar a factura final, os custos pola potencia contratada (sempre superior a necesaria), polos contadores e polos chamados custos de transición. Unha autentica estafa que nada ten que ver con un mercado competitivo.

No remate do ano os/as galegos/as de ben recibimos unha estupenda nova, a de que por fin se lle fai xustiza a Alexandre Bóveda que fora asasinado polos franquistas o 17 de agosto de 1936 baixo a acusación de traizón logo dun proceso sumarísimo cheo de irregularidades. Proceso agora declarado ilegal e ilexítimo nun documento que da por politicamente anulada a sentenza e repara oficialmente a memoria deste galeguista e republicano inmortal. “Chegou un pouco tarde” -Amalia Bóveda Alvarez, filla de Alexandre Boveda-”magoa que teña que ser o goberno central” (PSOE/Sumar) “quen faga algo por estes mártires e non sexa a Xunta a que fora quen de facelo”. Si, magoa pero xa sabemos que pensa o PPdeG do franquismo.