Empecemos polo agónico tramo final das negociacións do PSOE a sete bandas (Sumar, ERC, EH-Bildu, BNG, Junts, PNV, CC) que, logo das convenientes xesticulacións de cadaquén para quedar ben perante as respectivas parroquias, desembocaron finalmente no resultado que, dentro do posible, conviña aos intereses, uns confesados, outros non, de todos. A argamasa dese bloque de investidura é impedir que PP+Vox teña a menor oportunidade de facerse co goberno, algo non tan improbable de repetirse as eleccións. Suficiente para aparcar incompatibilidades, facilitar cesións e armar a investidura.
Con vascos, galegos, canarios e Sumar os acordos non presentaban dificultades políticas maiores. Como xa fixeran no pasado tanto o PSOE como o PP, chegaba con comprometer políticas sectoriais queridas polo socio (que logo se poden cumprir ou non), con ceder algunha competencia nova ou con negociar melloras razoables en financiación e investimentos. Con todo, a cousa complicouse algo co PNV, necesitado de demostrar que consigue máis beneficios para o País Vasco que EH-Bildu ás portas das próximas eleccións vascas, e tamén algo celoso do protagonismo dos cataláns en todo este enredo. Así que, ademais do traspaso de ferrocarrís e máis financiación (¡!), houbo que darlle algo até agora intocable como o réxime económico da Seguridade Social, á parte de acariñarlles o ego con cousas máis etéreas como prometerlles relación bilateral co Estado e todas as competencias pendentes de traspaso, ou unha solemnidade extra na sinatura do acordo.
Pero cos cataláns, especialmente con Junts, as cousas non eran, nin son, tan doadas, como ben sabemos. Neste caso había que pagar ademais un prezo político maior polos seus imprescindibles votos, prezo que parecía subir dun día para outro por mor da pugna a cara de can entre Junts e ERC na procura da hexemonía do secesionismo. De aquí a poxa de declaracións maximalistas, as falsas consultas ás bases, as idas e vidas a Waterloo para reunións con suspense impostado, e tantas escenificacións que acapararon a atención pública e que aquí non temos espazo para describir. Finalmente, e isto é o que nos interesa, chegaron uns acordos, pedra de escándalo para moitos e alivio para outros, que son combustible, ou pretexto, da alta tensión política que sacode o país. Vexamos os seus puntos principais.
O pacto e a toma das rúas polas dereitas
O asinado o 2 de novembro entre PSOE e ERC, amén da amnistía xa descontada, inclúe algo tan pouco escandaloso como o traspaso de Rodalies, pero tamén unha condonación de 15.000 millóns da débeda da Generalitat co FLA, que alporizou as demais CCAA do réxime común, o que obrigu ao goberno a dicir que habería condonacións para todos. E o 9 de novembro asinouse por fin o pacto PSOE-Junts cun documento, tan longo como ambiguo, no que só son inequívocos os seguintes compromisos. Por parte de Junts, votar a Sánchez na investidura e nada máis. Por parte do PSOE, rexistrar antes da investidura unha proposición de lei da amnistía que beneficie a todos os procesados ou condenados polo Procés, unha mesa de negociación sobre a autodeterminación e a verificación internacional do cumprimento dos acordos.
O resto é a xustaposición de dous textos antitéticos, pero asinados por ambas partes. Nun, Junts reafírmase na lexitimidade do que fixo até agora, incluídos o referendo de 2017 e a declaración de independencia, e acusa de guerra sucia (lawfare) ao poder xudicial, o que puxo a este en pé de guerra. No outro, o PSOE di por activa e por pasiva que todo ten que facerse dentro da Constitución e as leis (co que nega o que di Junts, incluída calquera posibilidade de autodeterminación), e volve xustificar a amnistía como única vía de solución do conflito político (isto é, de acabar co independentismo). Tamén pretende que determinada frase do documento implica unha renuncia implícita da outra parte a un referendo unilateral, cousa que Junts nega unha e outra vez.
Se facemos abstracción das retóricas autoxustificativas duns e doutros e atendemos só aos feitos tanxibles, que cede e que gaña cada parte en realidade? Junts dá os seus sete votos só para a investidura, e a cambio consegue unha amnistía (politicamente carísima para o PSOE e imposible con PP+Vox).
Se facemos abstracción das retóricas autoxustificativas duns e doutros e atendemos só aos feitos tanxibles, cabe preguntarmos: que cede e que gaña cada parte en realidade? Junts dá os seus sete votos só para a investidura, e a cambio consegue unha amnistía (politicamente carísima para o PSOE e imposible con PP+Vox) que, se sae adiante, lles permitirá reincorporarse á política e máis unha negociación, que saben non conducirá á independencia, pero que lles permitirá manter aceso o fogo sagrado e que, cos seus verificadores internacionais, supón o recoñecemento implícito de que Cataluña é unha nación sen Estado dominada por outra e da que eles son os seus verdadeiros representantes. Non é mal negocio.
Tampouco para as dereitas, unha vez que non conseguiron o goberno, porque lles permite manter o centro da confrontación política nos supostos ataques á nación española e á súa democracia, terreo nacionalitario no que de momento teñen todo a favor na maioría dos territorios non só para manter en efervescencia anti-goberno ás súas bases, senón tamén para minar a unidade das esquerdas, nomeadamente a das bases socialistas, e debilitar así ao bando contrario de cara a próximos comicios.
Unha vez que non conseguiron o goberno, as dereitas manterán a confrontación política co obxectivo de debilitar ao bando contrario de cara a próximos comicios. De aquí a ofensiva sistemática dende o PP aos grupúsculos neonazis pasando por Vox, contra a amnistía e o contubernio social-separatista a todos os niveis.
De aquí a ofensiva sistemática nestes últimos tempos, dende o PP aos grupúsculos neonazis pasando por Vox, contra a amnistía e o contubernio social-separatista a todos os niveis: manifestacións continuas e algunhas masivas en todas as cidades, oposición dos sindicatos policiais, disgusto das patronais menos das catalanistas, intento cotián de asalto ás sedes do PSOE en Madrid e outros lugares, acoso e ameazas a cargos socialistas, pronunciamentos e recursos de inconstitucionalidade das CCAA onde gobernan, axitación nos concellos en que poden, declaracións políticas sen precedentes do poder xudicial, oportunas imputacións de terrorismo polo xuiz García Castellón a Puigdemont e Marta Rovira para torpedear a aplicación da amnistía, maxistrados envoltos nas súas togas manifestándose diante dos xulgados, reforma do regulamento do Senado para entorpecer a tramitación da amnistía, e manobras no Parlamento e na Comisión europeas para intentar unha desautorización do goberno español.
A investidura, o goberno, as dereitas e o que vai vir
E neste ambente de tan apracible normalidade chegou a investidura, que non trouxo sorpresas. Cadaquén representou mellor ou peor o seu papel. Sánchez, nese primeiro exercicio de presentación que nas oposicións universitarias se alcumaba de ¡Mecachis qué guapo soy!, esbozou o programa pactado con Sumar, deixou para os minutos finais unha breve xustificación da amnistía e abusou, sobre todo na réplica, das críticas ao PP, até o punto de que daba a impresión de que o candidato seguía a ser Feijóo e non el. O líder do PP desenvolveu o seu discurso de sempre, metendo o ferrete en todos e cada un dos puntos febles do bloque de investidura. Por certo, que Ione Belarra e Irene Montero acollían cun sorriso cómplice as malévolas referencias de Feijóo á defenestración de tan ilustres ministras.
Yolanda Díaz defendeu o goberno de coalición e atacou ao PP con vehemencia, aínda que non tanto como un Patxi López demoledor. Santiago Abascal fixo o único que sabe: acusar á esquerda do que lle gustaría facer a el, que é cargarse a democracia. E os nacionalistas anunciaron sen moito entusiasmo o seu apoio pero advertindo, nomeadamente Miriam Noguera de Junts, que a lexislatura pode ser moi curta, se o PSOE non fai o que, segundo eles, debe facer. E cumprido o rito, o 16 de novembro D.Pedro Sánchez foi elixido por 179 votos fronte a 171. Non houbo tamayazo. Non fallaron nin os socialistas manchegos, malia as sonadas discrepancias de García Page.
Din que é un goberno máis político e máis sanchista. Pode ser. Pero isto é irrelevante. Interesa máis preguntarmos se a tormenta política vai amainar ou vai seguir igual ou peor. E iso non depende tanto da xestión do goberno, que tamén, como do que fagan opositores e socios.
E tres días despois temos novo goberno, co mesmo tamaño e os mesmos cinco ministerios para Sumar que tiña UP. Pero non para os mesmos. Uns quedan (13), outros marchan (9) e outros chegan. Sobre todo no socio menor, no que solo queda Yolanda Díaz, IU cambia de representante pero conserva cota e Podemos desaparece substituído por afíns á nova lideresa. Din que é un goberno máis político e máis sanchista. Pode ser. Pero isto é irrelevante. Interesa máis preguntarmos se a tormenta política vai amainar ou vai seguir igual ou peor. E iso non depende tanto da xestión do goberno, que tamén, como do que fagan opositores e socios.
A extrema dereita seguirá dando couces en todas direccións, algo que pode beneficiar de novo ao PSOE ou non, dependendo de como se movan os demais. En canto ao PP, no seu lóxico afán de recuperar o perdido, quere ser asemade de centro e de dereita extrema. Pero agora que xa fagocitou a maior parte do espazo de Cs e que todas as sondaxes (até a de Tezanos!) lle din que medra, non ten ningún incentivo para cambiar de táctica, cambio que por outra parte lle traería problemas internos hoxe latentes. Así que hoxe Feijóo diagnostícalle a Sánchez problemas psíquicos. Era o que faltaba e todo un aviso de que continuará o tipo de oposición practicado ultimamente.
Con todo, se cadra os peores problemas para este goberno vanlle vir de Cataluña en forma de reactivación da esixencia de referendo, por moito que o PSC siga en cabeza e medrando segundo o CEO, algo que non compensa de momento que Junts e ERC sigan tendo a chave das maiorias no Congreso. E por suposto, virán dun Podemos que, co núcleo duro de Pablo Iglesias arrecunchado por unha Yolanda Díaz que non admite tutelas do gran timonel, decidiu non entrar no goberno se non era, en modo norcoreano, na persoa de Irene Montero, que hoxe, na cerimonia do traspaso de carteras, despediuse a coro con Ione Belarra cun “Hoy Pedro Sánchez nos echa de este Gobierno”. Sen ministerios, si, pero con cinco escanos tamén imprescindibles para a maioría….e con moito resentimento que pide vinganza. Veremos.
En fin, sexa por un lado, sexa polo outro, poden darse situacións que nos fagan lembrar aquelas turbulencias terminais da UCD que fixeron exclamar a Pío Cabanillas: “¡Cuerpo a tierra, que vienen los nuestros!”. Pero en política nunca se sabe. Ás veces hai milagres.