Where have all the flowers gone, long time passing?
Where have all the flowers gone, long time ago?
…
Oh, when will they ever learn?
Oh, when will they ever learn?
Nos últimos anos -se quixéramos poñer unha data de referencia poderíamos fixar a da pandemia da COVID-19 aínda que o fenómeno ven de bastante mais atrás- repítense os sinais de que as esquerdas occidentais perderon o rumbo por camiñar sen principios nin ideoloxía. As probas son continuas, e na actualidade unha das mais rechamantes e indignas é a súa posición en relación ao xenocidio que o goberno israelí está provocando en Gaza. Un xenocidio de tal magnitude que ata a propia CPI (Corte Penal Internacional) non puido ignoralo por mais tempo e vén de ditar unha orde de arresto contra o Primeiro Ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e o seu exministro de Defensa Yoav Galant, ao consideralos máximos responsables da comisión de crimes de guerra e lesa humanidade na franxa de Gaza, cando menos dende o 8 de outubro do ano pasado. Unha resolución que aínda que non conseguirá a detención destes criminais de guerra si limita bastante a súa liberdade de movementos a nivel internacional.
Unhas esquerdas occidentais que nin sequera son quen de opoñerse ao comercio de armas a un país que as está utilizando para masacrar o pobo palestino. Comercio de armas que está suficientemente contrastado a pesar do silencio dos gobernos responsables. Israel, malia ser un Estado de pequeno tamaño, é un dos Estados máis militarizados a nivel mundial, como pon en evidencia que é dos que máis gasta en armamento e dispositivos militares (2.623 dólares per cápita, que o colocan no posto número 15 segundo o Instituto Internacional de Estudos para a Paz -SIPRI- localizado en Estocolmo. En canto a poderío militar ocupa o lugar 17 segundo o portal especializado en asuntos militares Global Firepower -GFP-).
Un negocio militar que está en expansión coa guerra en Gaza, onde ao tempo que practica un xenocidio o goberno israelí está probando o novo armamento. “O campo de ensaio do novo armamento está nos territorios palestinos ocupados: en Cisxordania pero sobre todo en Gaza. O vehículo blindado de transporte Eitam, os carros de combate Merkava Mark IV Barak e os mísiles Spike de sexta xeración son algunhas das armas que as empresas israelís están testando agora na Franxa “(Alejandro Pozo, investigador do Centro Delás de Estudos para a Paz).
Un xenocidio que debera mobilizar na súa contra as esquerdas occidentais, o que non está sucedendo. Unhas esquerdas a quen nin os informes de Amnistía Internacional parecen ser quen de espertarlle as conciencias. Uns informes que non deixan lugar a dúbidas sobre o carácter xenocida da actuación de Israel coa poboación gazatí. “Temos determinado que Israel cometeu, con total intención, tres actos prohibidos pola Convención do Xenocidio: a matanza de persoas dun grupo protexido, palestinos de Gaza, causoulles serias lesións físicas e mentais e someteunos intencionalmente a condicións de existencia que carrexan a súa destrución total ou parcial” sinala AI no seu informe titulado: Es como si fuéramos seres infrahumanos: el genocidio de Israel contra la población palestina de Gaza. “Israel “-continúa o informe noutro punto-” tratou a poboación palestina de Gaza como un grupo infrahumano que non merece dereitos humanos nin dignidade (…) impoñéndolle unhas condicións de existencia que xeraron unha mestura mortal de desnutrición, fame e doenzas e deixaron a poboación palestina exposta a sufrir unha morte lenta e calculada… Israel cometeu e segue cometendo xenocidio”.
Non cabe dúbidas que no dereito internacional e na historia da humanidade haberá un antes e un despois do xenocidio en Gaza do 2024. Un xenocidio que deixa moi tocada a ONU como defensora do dereito internacional e tamén as esquerdas europeas, moitas delas colaboradoras indirectas deste xenocidio.
Where have all the flowers gone? Nowhere, they are dead.