Desigual recuperación tras da pandemia de 2019 e ruptura da “globalización”

Coas estimacións até 2023, e as previsións para 2024-2025 do Fondo Monetario Internacional (FMI) sobre a evolución do PIB en grandes áreas do mundo, podemos facer un balance do sucedido dende a parálise provocada pola pandemia de 2019 até hoxe. Unha parálise que se veu freada na súa posterior recuperación polos problemas de abastecemento, proteccionismo comercial e conflitos bélicos agudizados en Europa e Oriente Medio que provocaron un intenso proceso inflacionista e unha suba dos tipos de xuro.

Fonte: elaboración propia con datos do FMI [ampliar gráfico]

Pois xa nos anos previos á recesión pandémica, os Estados Unidos de Donald Trump se viñan desmarcando da apertura comercial e libre circulación que predicaran nas décadas anteriores á vista do seu galopante déficit comercial e da masiva deslocalización das súas empresas.

Se tomamos o ano da pandemia como punto de partida (2019 = 100), os datos reais até 2023 sitúan a media mundial nun nivel de 110, quedando moi por baixo a eurozona e algo menos mal a economía norteamericana (con 102 e 107 respectivamente). A economía chinesa destaca moi por riba case duplicando a media mundial (120).

E o mesmo sucede se a eses datos xa reais engadimos as previsións do FMI para este ano 2024 e para o ano próximo. A eurozona apenas tería acumulado cinco puntos entre 2020-2025, fronte aos doce de Estados Unidos (máis do dobre), e os trinta puntos de China. Este país máis que duplicaría o crecemento da economía mundial que viña sendo hexemónica nas últimas décadas.

O éxito chinés semella seguir sendo espectacular: resiliente a pandemias, guerras comerciais e conflitos bélicos internacionais. Pero nunha ollada máis en detalle deste singular caso do que se deu en chamar globalización chimericana (ao menos entre 1980-2010, segundo analizo no meu ensaio  “El regreso de China”, 2021) pon de manifesto que esa resiliencia non se traduce en que sexa inmune a todos eses factores. Para visualizalo recollo nunha gráfica, cos mesmos datos do FMI, a súa evolución agregada na última década, entre 2014 e 2023.

Fonte: elaboración propia con datos do FMI [ampliar gráfico]

A gráfica deixa ben claro que no bienio 2022-2023 aquel país non foi quen de recuperar o ritmo de crecemento pre-pandémico, caendo de taxas do 7% en 2014 a taxas por baixo do cinco na actualidade. Falamos da metade do que eran as habituais taxas de crecemento chinés do pasado. Cunha “desaceleración” ata o 4,7% no segundo trimestre deste ano 2024.

Pola súa banda a Oficina Nacional de Estatísticas de China para os datos de 2023 desagrega os 5,2 puntos de crecemento do país nunha achega de 4,3 puntos do consumo (dos fogares e público), de 1,5 puntos da formación de capital e do investimento, e de (dato moi revelador) menos 0,6 puntos da balanza de bens e servizos.  Este último dato viña sendo positivo nos últimos anos e supón un impacto moi problemático no seu modelo de crecemento por máis que o consumo interno gañe protagonismo.

De xeito que o que suceda coa nova onda de proteccionismo auspiciada polos Estados Unidos ou de turbulencias nos mercados (alimentarios, enerxéticos, tecnolóxicos, financeiros, etc.) asociados a guerras comerciais e guerras por áreas de influencia en Eurasia (dende Ucraína a Taiwán), poderían tirar aínda máis para abaixo as expectativas económicas dunha China actual que non se explicaría sen un mundo (entre 1980-2010) que semellaba ía ser un oasis de cosmopolitismo neoliberal e de libre mercado baixo o “consenso” dos Estados Unidos.

Membros da Organización de Cooperación de Shangai (Wikipedia)

Pero pouco queda xa daquel mundo neste ano 2024. O balance é que, de momento, entre 2023-2025 o FMI estima que os Estados Unidos terán un crecemento moi superior á eurozona (tamén maior que en España) ou Xapón, pero non superior ao de Rusia ou China.

Tamén nisto semella que se estarían conformando dous grandes bloques globais por vez dunha única “globalización”. Pode que o mellor xeito de visualizalo sexa un mapa actual da Organización de Cooperación de Xangai (a que se refería neste mesmo medio Xulio Ríos) coa que pecho esta breve análise.