O exmaxistrado José Antonio Martín Pallín está a amosar nas súas intervencións e libros que en España se vén producindo un golpe de Estado xudicial. Os seus argumentos parécenme de grande solidez e comparto esa opinión. Aínda máis, vendo como se instrúe e acusa ao expresidente José Luis Rodríguez Zapatero ou á esposa do presidente do Goberno, por non falar do sucedido co anterior fiscal xeral. Neste artigo, porén, non me propoño afondar nesa idea, senón amosar que o Tribunal Supremo español ten unha querencia especial que o leva a favorecer de maneira desproporcionada os poderosos en xeral e os bancos en particular.
Utilizarei como proba diso un caso que tivo un enorme custo para millóns de españois, o das reclamacións pola utilización por parte das entidades bancarias do denominado Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH).
O IRPH
O IRPH é un índice oficial calculado polo Banco de España como media dos tipos dos préstamos hipotecarios que conceden as entidades bancarias. A diferenza doutro quizais máis coñecido, o Euríbor (tipo de xuro medio ao que os bancos europeos se prestan diñeiro entre si no mercado interbancario), o IRPH incorpora no seu cálculo os diferenciais (o tipo fixo que os bancos poden engadir ao xuro de referencia) e as comisións que os bancos cobran. Polo tanto, é máis caro para o consumidor.
Por esta última razón, o Banco de España advertiu en 1994 que, para igualar ambos os índices, cando se aplicase o IRPH se debería engadir un diferencial negativo ao prezo real do mercado.
O problema
Se ese diferencial non se inclúe, o consumidor ao que un banco aplica o IRPH acabará pagando bastante máis ao final da hipoteca que se se lle aplica calquera outro. E o problema produciuse cando, en milleiros de casos, os bancos non só non o aplicaron, senón que nin sequera informaron cun mínimo detalle os seus clientes do sobrecusto no que incorrían.
O dano total producido é difícil de calcular, pero hai estimacións que dan boa medida da súa magnitude e gravidade. As do beneficio extraordinario que obtiveron os bancos españois ao aplicar o IRPH no canto doutros índices máis baixos varían entre os 25.000 millóns de euros entre 2004 e 2009 da asociación de consumidores Asufin, os 37.000 millóns de euros calculados pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) e os 44.000 millóns de Goldman Sachs. O sobrecusto pagado de media por cada consumidor situouse entre 25.000 e 28.000 euros, e o número de persoas afectadas estímase entre 500.000 e un millón.
É importante sinalar que o sobreprezo que os bancos impuxeron aos seus clientes non provocou só un dano ou custo económico particular ás persoas afectadas. Esa cantidade de diñeiro tan grande que deixou de estar nos seus petos para ir parar á conta de beneficios dos bancos supuxo unha mingua moi notable do gasto en consumo ou do aforro familiar que afectou directamente a demanda de bens e servizos. Polo tanto, diminuíu tamén os ingresos de milleiros de empresas produtivas. Un efecto moi negativo para a economía que se produciu, ademais, en anos particularmente complicados por se vivir baixo o impacto dunha grande crise económica.
As reclamacións
Cando os pagamentos mensuais da hipoteca comezaron a producirse, milleiros de persoas comprobaban que pagaban máis diñeiro ca outras persoas que as tiñan da mesma contía. Decontado descubriron que os bancos lles aplicaran un tipo de xuro baseado nun índice máis elevado sen telos informado diso. Comezaron a presentarse entón centos de reclamacións e demandas xudiciais.
Sobre a mesa puxéronse dúas cuestións esenciais. A primeira, se os bancos actuaran con boa fe profesional, se cumpriran cun elemental deber de transparencia e, como dixen, se informaran os seus clientes de que o índice aplicado acabaría por facelos pagar unha cantidade máis elevada. A segunda, se a posible falta de información supuxera un abuso real, é dicir, un sobrecusto substancial e non pouco significativo.
As disputas chegaron finalmente ao Tribunal Supremo e ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea e o resultado foi moi claro: protexer a banca, recorrendo para iso a construcións xurídicas que pouco teñen que ver coa idea material de xustiza, no sentido máis elemental e auténtico deste termo.
A trampa do Tribunal Supremo
Para comprender o que fixo o Supremo non abonda con dicir que fallou a favor dos bancos. Cómpre saber explicar como o fixo, porque a sofisticación do mecanismo é precisamente o que o fai tan eficaz e difícil de combater.
O Tribunal construíu ao longo de varios anos un mecanismo de protección aos bancos baseado en tres elementos fundamentais.
O primeiro, separar transparencia de abuso para baleirar de contido ambas as dúas. O Supremo estableceu en 2017 que o IRPH era un índice oficial e que a súa mera oficialidade implicaba transparencia. Cando en 2020 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea o obrigou a corrixir esa posición, o Supremo aceptouna formalmente. Pero axiña neutralizou o seu efecto establecendo que a transparencia quedaba cumprida só con que o contrato mencionase o índice e fixese referencia á Circular do Banco de España, sen necesidade de explicar ao cliente que di nin que implica.
O segundo elemento foi facer que o desequilibrio entre as partes fose practicamente indemostrábel. Para iso, o Supremo estableceu que, aínda que se acreditase falta de transparencia, a cláusula seguía a ser válida agás que se demostrase que había unha desproporción “moi evidente” entre o tipo efectivo e o de mercado no momento da sinatura. E para iso descartou expresamente a comparación entre o IRPH e o Euríbor (o único dato que a maioría dos afectados pode acreditar con facilidade), esixindo en cambio unha proba pericial que é de enorme complexidade e de alto custo, sobre todo para os consumidores.
Para demostrar que houbera abuso, o perito do consumidor afectado tería que reconstruír o custo medio real de todas as hipotecas asinadas en España no mes exacto da sinatura, para o que se necesita combinar fontes do Banco de España, estatísticas do INE e datos de tipos medios de mercado, e xustificar en cada caso a elección metodolóxica realizada. Pero o banco, pola súa banda, contratará o seu propio economista con criterios diferentes, igualmente defendíbeis. E o Supremo resérvase o dereito a rexeitar calquera metodoloxía sen ter fixado de antemán que fontes son válidas, nin cantos puntos de diferenza constitúen unha desproporción suficiente.
O terceiro elemento foi aínda máis enxeñoso. Para determinar o dano real, o Supremo non pediu comparar o IRPH co Euríbor nin tomar en consideración o sobrecusto total da hipoteca. Estableceu que o IRPH se debía comparar cun índice sintético representativo do custo medio do crédito xeral no mercado, e non só con outros índices hipotecarios. Ao incorporar referencias máis amplas, o resultado é un índice inevitabelmente máis elevado, o que facilita concluír que o dano ocasionado pola aplicación do IRPH é reducido.
A maiores, o Supremo esixiu que cada afectado probase individualmente que entendeu á hora de contratar, que información recibiu e como se produciu a comercialización concreta da súa hipoteca, o cal fixo practicamente inviábel a demanda colectiva que é a que favorece a resolución deste tipo de abusos a favor dos consumidores.
O resultado do mecanismo completo é evidente e previsíbel: se a transparencia se supera con case calquera mención formal ao índice, e se o abuso só se declara ante unha desproporción que hai que demostrar cunha pericial que o Supremo pode rexeitar sen argumentos obxectivos, e comparando o IRPH con índices de tarxetas de crédito, a nulidade do IRPH convértese en practicamente imposíbel.
Europa corrixiu en falso
Moitas persoas afectadas polo IRPH puxeron as súas esperanzas no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) porque a Directiva europea 13 de 1993 estableceu con claridade que unha cláusula non negociada individualmente pode ser declarada nula se causa un desequilibrio importante en prexuízo do consumidor, e que o consumidor debe poder comprender as súas consecuencias económicas reais. Unha directiva que ten primacía sobre o dereito nacional.
Con ese fundamento, o TXUE sentenciou en 2020 que o IRPH non é intocábel polo feito de ser un índice oficial; que os bancos debían ter facilitado información suficiente; e que, se non o fixeron, o xuíz pode declarar a nulidade. E en 2024 reafirmou que a publicación oficial non abondaba para cumprir a esixencia de transparencia e que a comparación debe facerse co conxunto do mercado hipotecario, non só co Euríbor.
Porén, o tribunal europeo non declarou abusivo o IRPH, non dixo que as cláusulas fosen nulas por definición e non estableceu unha consecuencia automática. Mantendo formalmente unha posición diferente á do Supremo, o que fixo en realidade foi establecer principios abstractos e devolver a pelota aos tribunais españois.
E o máis revelador chegou en febreiro de 2026. Unha sentenza do 12 de febreiro veu respaldar explicitamente a posición do Supremo: a transparencia non esixe ao banco explicar a metodoloxía do índice, sendo suficiente informar da variabilidade e das súas consecuencias económicas. Seis anos despois da súa primeira corrección ao Supremo, o tribunal europeo púxose de acordo con el.
Non é xustiza, é política. Son privilexios
Á hora de xulgar o comportamento dos bancos, moitos xuíces ditaron sentenzas sensatas e equilibradas. O Tribunal Supremo, pola contra, recorreu a argumentos sibilinos para imposibilitar, na práctica, que os abusos dos bancos puidesen revelarse. Recorrendo a argumentos claramente trampulleiros permitiu que estes últimos producisen un dano multimillonario a millóns de españois, a milleiros de empresas e ao conxunto da economía.
Na crise de 2008 quíxose convencer a xente de que os bancos que afundiran a base de estafar os seus clientes mediante todo tipo de irregularidades e enganos eran “demasiado grandes para deixalos caer”. No caso do IRPH, o Tribunal Supremo español demostrounos que, ademais, son suficientemente poderosos como para que non se lles poida (ou non se lles queira) quitar os seus privilexios. Non fixo xustiza, deulles outros novos ao máis forte.
E iso quizais explique tamén por que se dan golpes de Estado contra uns políticos e non contra outros.
Publicado en ctxt.es el 29 de mayo de 2026. Tamén dispoñible na súa versión orixinal en castelán no blog de Juan Torres





