Os voitres voan sobre Gaza

| As claves

“Os voitres voan sobre Gaza mentres abaixo, abaixo, xa son 145 os nenos mortos de fame negra debido ao bloqueo israelí de axuda humanitaria”

Amais dos asasinatos de nenos e nenas o xenocidio de Gaza está tamén mostrando unha das caras máis sinistras do capitalismo actual como é o das guerras como un negocio moi lucrativo para determinadas ramas do capital. Un negocio do que se benefician, ademais de industrias de armamento, mercados financeiros, empresas construtoras, universidades e centros de investigación, empresas tecnolóxicas…

Un negocio que xa en febreiro do 2025 anunciara Donald Trump dende a Casa Branca, tendo ao seu carón ao criminal de guerra Benjamin Netanyahu, afirmando que pensaba facerse cargo da franxa de Gaza coa idea de transformala na Riviera do Oriente Medio. Claro que para a súa virtualidade Donald Trump considera necesario expulsar entre 1,7 e 1,8 millóns de palestinos de Gaza cuxa poboación, antes da invasión, se calculaba entre 2,2 e 2,3 millóns.

Aquel anuncio, sumado á confirmación por parte de UNCTAD (Conferencia de Nacións Unidas sobre o Comercio e Desenrolo) de que fronte as costas de Gaza -no Mar Levantino- hai importantes reservas de petróleo e gas -que se calcula teñen un valor neto de 453.000 millóns de dólares-, fixo subir a cotización e o interese pola compra de terras en Gaza por parte de empresas construtoras (como, por caso, a The Trump Organization), e tamén de petroleiras e gasísticas (BG Group, British Petroleum, Eni, Chevron, ExxonMobil, Shell, Total Energies…).

O negocio, como non, esténdese á industria armamentística -con Gran Bretaña e os Estados Unidos como principais beneficiarios-. Así o confirmaba persoal do Foreign Office británico cando puxo en cuestión e legalidade do subministro de armas británicas para o asalto de Gaza. Voces, que serían silenciadas e advertidas de que non expresaran as súas denuncias por escrito e que chaman a atención sobre o papel de Gran Bretaña no programa de avións de ataque furtivo F-35 cando unhas 75 empresas en todo o país participan na fabricación de compoñentes para eses avións invisibles. Unha cooperación británico-israelí que segundo xornalistas británicos de investigación se estende a outras áreas. Así, ese persoal denunciaría que diferentes axencias de intelixencia e institutos militares británicos están adestrando, entre outras na base militar que Gran Bretaña ten en Chipre, ás tropas israelís, especialmente a pilotos de aviación que logo participan nas operacións de destrución de vivendas, escolas, hospitais, mercados…. Ao tempo, de forma rutineira, barcos británicos están entregando armas, combustible e produtos de dobre uso para impulsar a xenocidio en Israel que ten a nenos/as gazatíes como vítimas principais. Negocios que, como denuncian medios británicos, poñen en evidencia como o Reino Unido está claramente incumprindo as súas obrigas co dereito internacional ao optar por protexer a súa industria armamentística e petroleira por enriba da vida dos palestinos.

Negocios de sangue nos que, por suposto, participan entidades financeiras internacionais entre as que tamén está a grande banca española: Santander, BBVA, Sabadell e a Caixa, que realizan distintas operacións financeiras -liñas de crédito, préstamos corporativos, subscrición de bonos, compra de accións- coas empresas de armamento que proven de armas e municións a Israel. Ao día de hoxe hai identificadas 15 desas grandes empresas internacionais entre as que destacan as máis grandes de occidente como é o caso de Lockheed Martin e General Dynamics dos Estados Unidos, BAE Systems e Rolls Royce de Gran Bretaña, Rheinmetall de Alemaña e Leonardo de Italia, entre outras. Entre as operacións financiadas están a exportación de bombas, a produción e mantemento de avións -F-15 e F-35-, así como o subministro de obuses e municións.

Negocios nos que mesmo participan Universidades públicas españolas. Así case unha vintena destas seguen colaborando -nuns 44 proxectos- con entidades israelís co transfundo do xenocidio en Gaza a pesar do chamamento feito en 2024 pola CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) para paralizar todo tipo de colaboracións con institucións vinculadas dalgunha forma ao estado de Israel.

As grandes tecnolóxicas como IBM, Microsoft, Geogle, Palantir e Amazón facilitan sistemas e tecnoloxías que facilitan datos dos habitantes de Gaza que serven para prover a IA utilizada por Israel no xenocidio. Plataformas turísticas como Airbnb e Booking publicitan barrios situados en asentamentos localizados en terreos roubados aos palestinos. Empresas construtoras, como a española GAF, participan na construción de infraestruturas viarias que inundan territorios palestinos (Cisxordana, Jerusalén Leste).

Para maior inxuria, a Bolsa de Tel Aviv nos case dous anos de xenocidios subiu un 213% o que supuxo unhas ganancias superiores aos 225.000 millóns de dólares.

Un escenario este que, como denuncia a magnífica Francesca Albanese, Relatora Especial  da Nacións Unidas sobre a situación dos dereitos humanos nos territorios palestinos ocupados, “é un reflexo dos fracasos morais e políticos do mundo… Poñer fin a este xenocidio require non so indignación, senón tamén ruptura, reflexión e valentía de desmantelalo que o posibilita”.

En Gaza estamos asistindo a un crime contra a humanidade, un xenocidio, cometido por Israel contra o pobo palestino que conta coa complicidade das grandes elites que dominan o mundo. Un xenocidio que, para máis vergoña e indignación, está sendo un negocio de sangue para non poucas grandes empresas estadounidenses e europeas.