Os elevados custos do infantilismo político

Nos últimos tempos estamos comprobando como a organización política PODEMOS, que segundo declaracións propias nacera para denunciar e a ser posible substituír a vella política (“non nos representan”), adopta cada vez con mais frecuencia as formas de quen criticaba. Formas e actos que, por caso, reflicten mais xenreiras persoais que plans políticos serios de organizacións que se definen de esquerdas.

Esta fóra de toda dúbida, non hai mais que ve-las hemerotecas, que PODEMOS como organización e os seus principais dirixentes como suxeitos políticos teñen sido obxecto, dende o primeiro día da súa aparición na escena política, dunha cruel e sádica persecución por parte das dereitas españolas e os seus socios mediáticos, xudiciais e policiais. Unha persecución que, sen reparar nos medios, tiña como obxectivo retiralos do xogo político e para o que contaron co beneplácito, ou no mellor dos casos coa indiferenza, dos partidos tradicionais (PSOE, IU).

Está tamén fora de dubidas, cando menos para quen isto escribe, que a súa presenza na política e a súa firmeza na defensa de moitos dereitos e liberdades democráticas foron decisivas para lograr indiscutibles avances e superar vellos déficits democráticos.

Está tamén fora de dubidas, cando menos para quen isto escribe, que a súa presenza na política e a súa firmeza na defensa de moitos dereitos e liberdades democráticas foron decisivas para lograr indiscutibles avances e superar vellos déficits democráticos, especialmente en asuntos de emprego, benestar social e igualdade. Avances que de non ser pola súa presenza e a súa teima seguramente non se terían conseguido.

Sinalado isto, tamén hai que poñer na balanza os seus numerosos erros máis propios do dogmatismo e o infantilismo políticos. Erros que, se nos fixamos no que está pasando agora cos Orzamentos Públicos para 2025, non parece que sexan quen de recoñecer e, xa que logo, de corrixir. Erros derivados dunha incorrecta análise tanto da correlación de forzas como de avaliación das consecuencias políticas que ten o levar as diferenzas persoais ao terreo político.

Empezando polo segundo pódese entender que os/as dirixentes e militantes/as de PODEMOS teñan contas pendentes con algúns/has dirixentes/as de SUMAR e moi especialmente coa vella garda que procede de IU (antes PCE). Teñen motivos dabondo como moitos/as outros/as militantes/as das esquerdas, por caso, de Galicia (AGE, En Marea). Teñen motivos tamén para sentirse doridos porque non se lle recoñezan, como sería de xustiza, as súas achegas aos avances democráticos e sociais en España. Pero o resentimento, o sectarismo e o cainismo son malos compañeiros na política, como abondo nos ten demostrado a historia das esquerdas dende hai xa séculos (poderiámonos remitir á I e III Internacionais, e logo seguir a traxectoria das esquerdas dende entón deica o día de hoxe). Unha historia que acaba pasando factura, como agora está comprobando PODEMOS.

Pero o resentimento, o sectarismo e o cainismo son malos compañeiros na política, como abondo nos ten demostrado a historia das esquerdas dende hai xa séculos.

España ten dende o ano 2018 un goberno de progreso que, a pesar de moverse sen luces longas e de non poucos déficits, está poñendo en marcha medidas de avance e progreso social que en non poucas deles vese a marca de PODEMOS. Goberno que por tales razóns tamén agora está sendo obxecto dunha brutal ofensiva polas mesmas cavernas, co gallo no só de derribalo senón de tirar por terra moitos dos avances sociais e democráticos conseguidos. Ofensiva que busca colocar á fronte do goberno as dereitas extremas que hoxe están na oposición (PP e Vox).

Este é o escenario no que as esquerdas, e por tanto PODEMOS, teñen que xogar lles guste ou non. Sería unha irresponsabilidade histórica que PODEMOS colaborara directa ou indirectamente a que se abriran uns novos tempos políticos, por caso,  facendo caer o presente goberno (PSOE/Sumar) por mor das razóns apuntadas. Non lles deberan quedar dúbidas que se isto chega a suceder pasarán ao lixo da historia e quedarán descualificados/as como dirixentes de esquerdas, como demócratas.

Señores/as de PODEMOS lembren aquilo que deixou dito un enorme filósofo e pensador político alemán: “a historia ocorre dúas veces: a primeira como unha gran traxedia e a segunda coma unha miserable farsa”. Non colaboren niso.