O anuncio de que debe haber un kit de supervivencia nos lares europeos é a última falta de vergoña dos burócratas que gobernan Europa. Por agora, e non a única. Simultaneamente, financian informacións nos medios para falaren de recrutamento e sobre como facer fronte individualmente á guerra, ou difunden informes de servizos de intelixencia, caso do alemán, asegurando que axiña se vai producir un ataque ruso á OTAN.
Non explican, porén, para que querería Putin atacar algún país europeo, que gañaría con iso, ou cando dixo que puidese ou desexase facelo. Deliran e válelles todo, con tal de facer á poboación crer que a guerra é inminente e inevitable, e que a única solución é aumentar o gasto militar, o seu negocio.
Deliran e válelles todo, con tal de facer á poboación crer que a guerra é inminente e inevitable.
Cómpre deixar xa de disimular e é imprescindible que, por calquera vía que sexa posible, digamos aos dirixentes da Comisión Europea, aos parlamentarios e aos líderes dos partidos que o obxectivo de prepararse para a guerra con Rusia é unha auténtica loucura. O mellor xeito de provocala.
Cómpre dicirlles que se Europa quedou agora espida, cando os Estados Unidos de Trump viraron a súa posición estratéxica, é porque os dirixentes europeos non promoveron nunca unha auténtica política de defensa, senón que se limitaron a propiciar que o gasto militar sexa o mesmo que para eles é Europa, un negocio para as grandes empresas e bancos. Exactamente o mesmo que queren facer agora. Non buscan defendernos. Inventan un inimigo para xustificaren o gasto multimillonario que só aproveitarán, gañando aínda máis cartos con recursos públicos, os mesmos de sempre.
Non se pode crer que os dirixentes europeos procuren de verdade o que din: crearen un auténtico exército europeo.
Cómpre dicírllelo: son os dirixentes da Unión Europea quen están a crear as condicións para que a guerra se produza se continuaren por este camiño. Exactamente o mesmo que aconteceu cando, seguindo a Estados Unidos, apoiaron a estratexia de encurralar a Rusia que rematou co que todo o mundo sensato vaticinaba que ía acontecer.
Xa expliquei noutros dous artigos (aquí e mais aquí) que é imposible que, co programa de rearme que queren levar a cabo, se defenda realmente a Europa ou se consiga máis seguridade fronte a calquera tipo de ameaza. De feito, no canto de disipar as que puidesen existir, fará aumentar e apareceren outras novas.
E tampouco se dá crido que sexa aumentando aínda máis o gasto militar como se disiparía a ameaza que poida supor Rusia.
Non se pode crer que os dirixentes europeos procuren de verdade o que din: crearen un auténtico exército europeo. Non poden buscar iso realmente, como afirman, porque -para formar un exército europeo- o que principalmente se necesitaría non son máis cartos senón, sobre todo, a existencia dun único «mando», unha única autoridade, unha verdadeira unión política, unha Europa federal. E esta é unha aspiración á que hai tempo renunciaron para deixaren Europa reducida a ser un mercado único que nin sequera deu xeneralizado o uso da súa propia moeda. Non van por ese camiño: abondou ver a Macron ofrecendo aos demais países a bomba nuclear de Francia pero reservando para si a decisión de cando e como usala. Ou os líderes europeos deixándose convocar e liderar para fixar estratexias polo único país que saíu da Unión.
E tampouco se dá crido que sexa aumentando aínda máis o gasto militar como se disiparía a ameaza que poida supor Rusia. Os países da Unión Europea no seu conxunto xa realizamos o segundo maior gasto militar do planeta -350.000 millóns de dólares- tras os Estados Unidos -968.000 millóns- e por diante de China -235.000 millóns-. Aumentando sen cesar as armas non se conseguiu a paz. O perigo de guerra con Rusia eliminaríase se se lle dá o lugar que debería corresponderlle nas institucións e nos acordos internacionais e se se negocia e respecta, se non se provoca nin acosa, e se cumpren os acordos que se asinan, o cal -cómpre dicilo- non é o que fixo a Unión Europea, nin os seus diferentes países pola súa conta, como membros da OTAN.
Non exculpo a Rusia baixo o liderato de Putin de todo o que sucedeu e sucede.
Non exculpo a Rusia baixo o liderato de Putin de todo o que sucedeu e sucede. Nin moito menos. Só escribo isto porque as cousas son como son, porque me importan e fálolles a quen me representan e gobernan e porque creo ter a obriga moral de lles dicir que veñen actuando desde hai anos como auténticos pirómanos e cunha dobre moral que avergoña e indigna.
Para defendermos Europa, comecemos por construíla como algo máis ca un mercado, como un bastión de democracia e dereitos humanos e coas ferramentas e políticas comúns que xeran cohesión, benestar e identidades, valores e soños compartidos.
__
Artigo orixinal dispoñible en Ganas de Escribir. Página web de Juan Torres López (juantorreslopez.com). Cedido polo autor para versión en galego.