Os cupos implícitos no Reino de España

Nunha moi detallada análise do actual sistema de financiamento autonómico (cunha proposta de reforma non menos interesante) unha equipa de investigadores do IVIE define e cuantifica para o ano 2023 o que denominan[1] cupo implícito: “la diferencia entre la recaudación realizada en cada territorio (capacidad fiscal) y la financiación que finalmente recibe para desarrollar sus competencias autonómicas (financiación homogénea), equivale a las aportaciones que cada territorio realiza a la financiación estatal, es decir el «cupo implícito» que las distintas comunidades pagan para financiar los gastos del Estado”.

Son, en definitiva, os recursos fiscais que proceden de cada territorio e que o Estado gasta en pagos da débeda, en defensa, investimentos públicos, reforzo dos ingresos da Seguridade Social, etc. Recursos que explican a parte do gasto público centralizado (que no Reino de España acadaba no ano 2023 os 139 mil millóns), que ven sendo o 28% do gasto público total. O resto -o gasto autonómico- sería outro 34%, sen esquecer un 38% da Seguridade Social.

Co que o centralizado no actual modelo autonómico[2] roldaría o 70% e o descentralizado un 30%. É esta unha estrutura descentralizada afastada dun esquema federal do tipo dos EE.UU. ou Canadá nos que o descentralizado se sitúa entre o 42% e o 55%.

Que se observa para as nacionalidades e rexións máis ricas? Pois que -en xeral- achegan máis recursos aos gastos comúns (cupo implícito) que o peso que teñen en PIB.

Aclarado isto, ten moito interese analizar as achegas e o esforzo de cada nacionalidade ou rexión ao financiamento desas competencias centralizadas no contexto do actual modelo autonómico. Sobra dicir que se non se consideran estes gastos estariamos diante dunha diferenza notable entre o achegado e o recibido, por caso, por Galiza. Unha diferencia ou drenaxe que para nós acadaría os 5.221 millóns en 2023: esa é xustamente a cifra do noso “cupo implícito” segundo os investigadores do IVIE.

Xusto por iso Xosé Díaz (no seu ensaio “Autogoberno e sistema de financiamento”, Laiovento, Santiago de Compostela, 2023) estimaba para o ano 2020 unha diferenza entre o aportado e o recibido por Galiza de 4.274 millóns (páxina 81). Cifra axustada ao cupo implícito que Pérez e Pérez (2025) estiman en 5.221 millóns para 2023 (páxina 17).

Certo é que, moito antes, Díaz (op. cit. p. 151) para o ano 2014 consideraba que “achega galega ao Estado polos servizos que nos preste ou non transferidos a Galiza” sería suficiente se se limitase a 631 millóns, cifra propia dun encaixe de facto confederal como o que desfruta o concerto-cupo (cota) vasco. Neste punto pola miña parte considero que mesmo nun Estado federal (non autonómico como o actual) a porcentaxe destes gastos centralizados -e daquela a necesidade dese cupo implícito- podería diminuír algo (pero non en tal medida, cousa só posible nun encaixe confederal ou de independencia). E en calquera dos dous casos -federal ou confederal- debéranse redefinir as cotas implícitas de cada territorio de xeito asimétrico segundo a súa riqueza, se non queremos santificar as desigualdades territoriais que o capitalismo desenvolve dentro do actual Reino de España[3].

É por todo iso que ten moito interese avaliar como o estamos financiando a día de hoxe. Con esa intención elaborei unha táboa que cruza os cálculos do cupo implícito estimado polo IVIE e os datos de poboación e produción ou riqueza nacional (PIB) do INE para todas as Comunidades Autónomas.

AVALIACIÓN DOS CUPOS IMPLÍCITOS (CI). Fonte: elaboración propia con datos do IVIE e do INE [ampliar cadro]

O primeiro que compre clarexar é que as Comunidades Autónomas en cor verde están por riba da media da riqueza por habitante do Reino de España, e figuran en amarelo as que están por baixo. Deixei sen colorear aquelas menos ricas que teñen, como agora veremos, unha reducida asimetría entre o seu peso no PIB do conxunto de España e a súa achega ao cupo implícito (son Valencia, Asturias, Cantabria e Murcia), que, en calquera caso, son Comunidades por baixo da renda media española.

Penso que calquera avance cara un sistema fiscal federal asimétrico futuro debera concretar uns cupos explícitos que corrixan e amplíen a progresividade do sistema “autonómico-foral” actual no senso que se argumentou.

Que se observa para as nacionalidades e rexións máis ricas?. Pois que -en xeral- achegan máis recursos aos gastos comúns (cupo implícito) que o peso que teñen en PIB. Madrid nove puntos, Cataluña catro puntos e medio, e Balears case un punto[4]. Pero nestas máis ricas hai catro excepcións. Catro casos nos que a súa achega aos gastos comúns está por baixo do seu PIB e que resalto en vermello. Son A Rioxa, Aragón, Navarra e -con moita diferenza- Euskadi. Euskadi sendo das máis ricas de España (e por causa do seu encaixe fiscal actual de facto confederal) está na mesma situación que unha das menos ricas como Andalucía (as dúas con máis de dous puntos negativos).

E nas menos ricas? Pois se ollamos a táboa de abaixo cara arriba vemos que todas as sombreadas en amarelo se sitúan aí cun punto ou máis negativo. Isto é, que achegan unha porcentaxe aos gastos xerais menor que o seu peso no PIB do Reino de España. O único sorprendente é ver que Euskadi, como xa se dixo, se atopa tamén aí no medio.

Son achegas, salvo o caso de Euskadi, que podemos considerar lóxicas nun esquema redistributivo deste esforzo. Que os máis ricos acheguen máis do peso que teñen (PIB) e os menos ricos menos do que teñen (PIB). Entre outras cousas porque nun estado descentralizado autonómico como o actual (e mesmo se chegase a ser federal) partíllanse recursos (laborais, mercados, enerxéticos, etc.) que favorecen que o PIB duns medre só se ten libre acceso aos dos outros.

No que atinxe a Galicia estamos onde deberamos estar. Cunha achega do 3,8% ao cupo implícito total que precisa o actual Reino de España, estamos por baixo do noso peso en PIB (que era en 2023 do 5,2%) e por iso, pola diferenza, anotamos ese -1,4% no recadro. Algo que se reforza máis aínda se temos en conta a poboación na que eramos o 5,6%, o que supón que achegamos ao cupo implícito para pagar os gastos comúns -1,8 puntos menos do que nos correspondería por poboación[5].

Para rematar estas reflexións dous apuntes de futuro. Penso que calquera avance cara un sistema fiscal federal asimétrico futuro debera concretar uns cupos explícitos que corrixan e amplíen a progresividade do sistema “autonómico-foral” actual no senso que se argumentou.

Isto supón manter a achega singular de Madrid por riba do seu PIB -que en boa medida obtén pola lóxica centrípeta e de desenvolvemento desigual capitalista da que se favorece no reino de España-, pero tamén que tanto Euskadi como Catalunya ou Baleares deberan converxer a unha asimetría de seis puntos respecto do seu peso en PIB.

Destes dous apuntes finais derívase a conclusión final de que as posibles reformas do actual sistema autonómico non deberan empeorar o nivel redistributivo dos cupos implícitos actuais. Cousa que sucedería de manter o actual estatus do País Vasco e de reducir o cupo implícito de Catalunya, como sucedería de progresar a última proposta do Goberno[6].

__________

[1]      Na páxina 17 de Pérez, J.A. y J. Pérez (2025). “Requisitos de un concierto solidario generalizado para las comunidades de régimen común y foral” páxina 16 e 19, Generalitat Valenciana.
[2]      Xa que o autonómico inclúe 12.500 millóns de transferencias do Estado.
[3]      Algo que pode suceder co obxectivo da “ordinalidade” cando se procura ignorando os procesos de crecemento do PIB dentro dunha formación social capitalista.
[4]      Como porcentaxe do PIB respectivo mentres a media do Reino de España é dun 9,3 %, a achega de Madrid supón un 13,6% do seu PIB, a de Cataluña un 11,4%. Porcentaxes que se deberan facer máis redistributivos, pero non menos. Tamén Euskadi que achega o 5,7 % do seu PIB -polo seu encaixe de facto confederal- e debera situarse por riba do 10 %.
[5]      Reitero que en todos os casos desta análise deixamos fora as cotizacións e pagos da Seguridade Social
[6]      Ver neste enlace.