Os cinco monopolios globais e os Estados Unidos

No medio da treboada mediática de agosto sobre o perigo de que a chinesa Huawei controle datos sensibles en España, ou no conxunto da Unión Europea, reparo con perplexidade nun mapa publicado pola prensa nestas mesmas datas que paso a reproducir aquí.

Fonte: El País

Fonte: El País

As empresas do mapa (que sobre todo son dos Estados Unidos) localízanse entre nós con absoluta naturalidade. E mentres falamos de soberanía dixital europea estamos rodeados dunha nube dixital (big data e IA) que en realidade son ducias de cables submariños desas mesmas empresas.

E sobra dicir que non se fala de nada disto cando se activa unha guerra comercial dende os Estados Unidos só para mercadorías (o que me vendes) e non para os servizos (o que eu che vendo).

É o que se chama construír un monopolio tecnolóxico por parte dunha potencia dominante (o que antes chamabamos imperio). Freando a calquera outro (como Huawei) que queira competir dende fora, e mesmo a calquera que queira facelo dende dentro.

Sucede que nestas mesmas datas de agosto tamén se foi sabendo que Trump nos vai a obrigar a mercarlle armamento por centos de miles de millóns, porque de non facelo vainos subir aínda máis os aranceis do que lle queiramos vender nós. E tamén, no mesmo paquete, que por outros tantos centos de miles de millóns lles temos que mercar gas e outros derivados do petróleo, non vaia ser que fagamos como a India que non lle compra (prefire o gas ruso) e xa llos acaba de subir. E cando aquí digo “vainos” refírome a Unión Europea.

Tecnoloxía, armas, enerxía… e nas finanzas? Pois aí andamos coas Visa e Master Card norteamericanas. E co dólar depreciándose fronte ao euro, como quere Trump que lle suceda, para así vender eles mellor e importar menos. Como no seu día fixeran co Xapón (e de momento non poden facer con China).

Mesmo tamén sabemos que os bonos do Tesouro dos EE.UU. que os chinos están a vender para rebaixar o posible marrón deste perigoso debedor …. estamos a mercarllos dende a Unión Europea[1].

Remato xa. O que brevemente veño de resumir encaixa a perfección co que Samir Amin chamou no seu día os cinco monopolios que tecen os sucesivos países hexemónicos occidentais: tecnolóxico, financeiro, recursos naturais, comunicacións e armas de destrución masiva (no seu ensaio do ano 1999 “El capitalismo en la era de la globalización”, Paidós, Barcelona).

E como non queren perder aos seus subordinados meten medo por Europa adiante con Huawei e os comunistas do PCCh. Mentres eles fan o agosto, e na UE facemos filigranas retóricas coa soberanía europea.

[1]      Ocúpome de todo isto no meu recente libro “El regreso de China. La globalización imposible” (Universidade de Vigo, 2025).