Os BRICS e a nova orde mundial

O cumio dos BRICS recentemente celebrado en Kazán, capital da República de Tartaristán (Rusia), puxo en evidencia varios factores xeopolíticos relevantes. En primeiro lugar, e como ben subliñan non pouco medios independentes, que os intentos de illar a Rusia por parte de Occidente están fracasando estrepitosamente. En segundo lugar, que esta estratexia si está axudando a que se consolide unha alianza entre Rusia e China, e de rebote se potencie no escenario internacional os BRIC como alternativa á orde mundial creada en torno ao Imperio estadounidense. Tampouco se debera perder de vista o impacto que en moitos estados do Sur global ten a agresiva e imperialista postura de Occidente tanto na guerra en Ucraína como en Gaza e Oriente Medio. Unha postura que provoca un crecente rexeitamento no Sur global. Velaí que paralelamente se estea ampliando o número de países que solicitan adherirse a esta nova alianza mundial. Así, en Tartaristán arrexuntouse unha vintena de líderes de catro continentes (Asia, África, América e Europa).

Ademais de Rusia e China contouse coa presenza de países tan relevantes como a India e o Brasil. Países cuxos máximos dirixentes aproveitaron o cumio para reclamar unha negociación cara á procura da paz na guerra entre Ucraína e Rusia e a que se deteña en Oriente Medio a matanza de palestinos e libaneses.

Pola propia composición dos BRICS, no que están países como Rusia e Irán que son cualificados por Occidente como “imperios do mal” e que están suxeitos a sancións por Washington e Bruxelas, non cabe dúbidas de que esta alianza levanta ampolas.

Posturas que indican como estes países reclaman unha nova orde mundial na que se teña en conta as súas opinións para que o Sur global -que supón mais dun terzo do PIB mundial e o 50% da poboación- deixe de ser considerado por Occidente -mais exactamente polos Estados Unidos- como un axente de carácter secundario e subordinado.

Pola propia composición dos BRICS, no que están países como Rusia e Irán que son cualificados por Occidente como “imperios do mal” e que están suxeitos a sancións por Washington e Bruxelas, non cabe dúbidas de que esta alianza levanta ampolas. Mais aínda cando o líder indiscutible do grupo, China, xorde no escenario mundial como un Imperio que en non poucos asuntos cuestiona o liderado mundial dos Estados Unidos.

Como reflexión xeral cabería preguntarse se co auxe de China, o declive dunha Europa cada vez mais dependente dos Estados Unidos e o espertar dun número crecente de países do Sur global estamos nos albores dunha nova orde mundial con dous polos: o Norte nucleado en torno aos Estados Unidos (con Europa como subordinada), e o Sur global con China como líder indiscutible que conta con aliados como a India e o Brasil pero nunha posición menos subordinada.

Sería moi aventurado dar unha resposta afirmativa por moitas e importantes razóns. A primeira, que a superioridade militar dos Estados Unidos e os seus aliados da OTAN sobre os BRIC é, hoxe por hoxe, abafadora. En segundo lugar que o dólar segue sendo a divisa internacional preferida, como evidencia que China siga mantendo a maioría das súas reservas en dólares. En terceiro lugar, que os BRIC aínda non contan con institucións financeiras internacionais que poidan competir en igualdade de condicións co FMI e o BM que seguen as ordes de Washington. Non menos relevancia política ten que os Estados que compoñen a OTAN contan con democracias, con os seus déficits, mais consolidades cos Estados do Sur no que as ditaduras (vexase os casos de China e Rusia) dominan. Finalmente, que os BRIC son na actualidade máis unha alianza defensiva, de rexeitamento a Occidente, que unha ofensiva con intereses estratéxicos comúns e igual de sólidos que os que unen a Estados Unidos e os seus aliados

Se ben é certo que todo isto nos leva a un escenario internacional distinto do que se visualizaba logo do derrube dos réximes europeos de Europa do Leste (a URSS e os seus aliados) tamén o é que aínda se está configurando, polo que non debemos adiantar acontecementos e diagnósticos sobre este escenario por que hai moitas incógnitas no horizonte. Tamén moitas nubes negras.