Leo no diario en papel de maior tirada de Galicia: “os bancos españois pagaron en impostos mais de 6.000 millóns de euros no 2023”. De entrada, e logo dunha primeira lectura, xórdeme unha dubida: iso é moito ou pouco?. Logo doume de conta de que se trata dun anuncio do Banco de Santander, polo que deduzo que se trata dunha queixa desta entidade bancaria, xa que segunda ela iso supón o 37% dos beneficios obtidos pola banca en España.
Non parece necesario dar conta do resto da información porque a idea central está moi clara: a grande banca española quéixase de que paga moitos impostos. Unha queixa que non deixa de producir certo bochorno e que se converte en escándalo cando é o Banco Santander, onde manda a familia Botín, quen se queixa. Por que digo isto? Realmente a estas alturas é necesario lembrar o rosario dos grandes fraudes fiscais dunha familia bancaria que deu nome a unha sentenza do Tribunal Supremo (“a doutrina Botín”) de ano 2007 que librou ao patriarca desta familia de ir a cadea por unha fraude fiscal reiterada e contrastada en base ao argumento xudicial de que “non existía nin acusación do fiscal nin acusación particular algunha”? Decisión que marcou un fito en España nos tratos fiscais de favor a prol da gran banca española.
Unha gran banca que, co Banco de Santander á cabeza, forma parte do grupo de grandes bancos europeos que teñen filiais en paraísos fiscais que lles permiten ocultar unha parte moi importante dos seus beneficios -estímase que pode chegar ao 65%-, que quedan así sometidos a unha moi baixa tributación, o que supón unha perda moi elevada de recadación por parte das Axencias Tributarias Nacionais. Co gallo da “lista Falciani” (2010), e a pesar dos atrancos que se puxeron, puidemos saber como un número relevante de grandes fortunas españolas mantiñan ocultos á Facenda Española os seus patrimonios e as súas rendas no banco HSBC de Suíza, polo que estaban cometendo “fraude fiscal”, un volume de defraudación que viña ser moi cuantioso. Non resultou estraño que cando se coñeceron algúns nomes apareceran, entre os mais destacados, os de Emilio Botín (presidente por esas datas do Banco Santander) e membros da súa familia. A filtración dos Papeis de Pandora non fixo máis que confirmar esta práctica de branqueo de capitais e ocultación dos mesmos ás Axencias Tributarias Nacionais, poñendo en evidencia como a prevención e a loita contra a fraude fiscal aínda lle queda moito camiño por percorrer en España, pois o volume de patrimonios españois no exterior ocultos simplemente en países como Suiza, Países Baixos e Luxemburgo xunto a Andorra e Xibraltar xa é inconmensurable.
Segundo o Banco de España, as axudas públicas para “reestruturación do sector financeiro” ascenderon a 64.500 millóns de euros. Axudas financeiras que se acompañaron doutros “regalos” como prestamos a un xuro moi vantaxoso.
Pero esta elisión fiscal non só se produce a través das filias en paraísos fiscais, senón tamén aproveitando a propia legalidade, e así vemos como a gran banca española, como sucede con practicamente todo o IBEX35, paga polos seus beneficios menos impostos que a inmensa maioría das sociedades. Como é posible que isto suceda? Maiormente a través das vantaxes que lle reportan as distintas normativas fiscais a nivel europeo. Así, grazas a que, por caso, o Imposto de Sociedades establece que o seu pago se faga no estado no que se localice o domicilio da sociedade da empresa, basta con que estas trasladen os seus beneficios a territorios de baixa tributación (Irlanda, Países Baixos, Luxemburgo, Malta…) para así conseguir “pagar menos impostos”, co conseguinte prexuízo para as arcas públicas nacionais. Unha práctica de elisión fiscal que se viu favorecida pola revolución dixital.
Para rematar a critica a este comportamento egoísta e insolidario da grande banca española, simplemente facer memoria do sucedido co gallo da crise bancaria (2009) que, non o esquezamos, foi provocada pola mesma banca. Segundo o Banco de España, as axudas públicas para “reestruturación do sector financeiro” ascenderon a 64.500 millóns de euros. Axudas financeiras que se acompañaron doutros “regalos” como prestamos a un xuro moi vantaxoso, que en moitos casos non foron devoltos e noutros moitos lles serviu a directivos e accionistas destes bancos para branquear diñeiro negro. Por se estes aguinaldos non foran suficientes, o Ministerio de Facenda aprobaría neses anos unha serie de beneficios fiscais relativos ás débedas pendentes de cobro por parte da Axencia Tributaria cuxos principais beneficiarios foron os bancos.
Como todos estes precedentes, non deixa de resultar vergoñento que a banca española se queixe de que paga moitos impostos.