A resposta a pregunta que abre esta breve análise, se dependese dos titulares de prensa deste 25 de xullo que se facían eco da Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre deste ano, tería que ser radicalmente positiva. Pero as cousas non son, unha vez máis, o que parece.

Titular de La Voz de Galicia
Claro que medra o emprego, por suposto. Pero no contexto do reino de España, cal debe ser a avaliación de Galicia? Se facemos unha comparativa nos últimos dez anos (dende o segundo trimestre de 2015 a este segundo trimestre de 2025) pasamos de ter 5,6 empregos de cada cen de España a só ter 5,2 empregos de cada cen. Galicia minguante.
Pode semellar unha caída pequena pero, de manter a nosa cota de emprego do conxunto de España, por vez de engadir neses dez anos 155.000 empregos, teríamos que ter medrado en 237.000 empregos. O que suporía 80.000 empregos máis, oito mil empregos máis cada ano, oito mil posibilidades máis de non ter que procurar emprego fora de Galicia ou fóra de España. E de frear a sangría migratoria que está detrás da nosa parálise demográfica das últimas décadas.
Porque o que tamén nos din as cifras galegas da citada Enquisa é que a poboación activa galega nos últimos doce meses medrou por baixo da media de España, e que a poboación total maior de 16 anos medrou entre nós a unha taxa da metade do conxunto de España (0,7 fronte a 1,3%).
Ese é o factor que explica que, medrando entre nós menos os ocupados, se produza o “espellismo” de que en Galicia reduzamos o paro a un maior ritmo que no conxunto de España (-11,5% entre nós, nos últimos doce meses, fronte a -7,3% no conxunto de España). Raro me parece que os grandes medios tan amigos da Xunta non titularan algo así: “Galicia entre as seis Comunidades Autónomas que máis reducen o paro”.
Pero esas -e outras- bombas de palenque teñen a pólvora mollada. Porque levamos moitos anos creando menos emprego que a media española, e porque levamos os mesmos anos medrando moito menos a nosa poboación potencialmente activa. E unha cousa retroalimenta a outra. E así é como reducimos máis a nosa taxa de paro.
Porque, ao cabo, unha moza ou un mozo galegos -sobradamente cualificados- emigrados cara Madrid ou Berlín, non contan nin como poboación activa nin como parados. Puro espellismo, pura maxia. Son as “vantaxes” de ser un país minguante.








