A captura do Presidente Maduro e a potencial toma de Venezuela polos EUA a cámara lenta non é un meteorito inesperado. Desde a toma de pose de Donald Trump hai case un ano e as primeiras ameazas a países como Dinamarca, Panamá ou Canadá, o goberno estadounidense redobrou o esgotamento da orde internacional vixente. Principalmente defendendo a posibilidade do uso da forza en nome dos intereses nacionais, mais tamén coa exclusión das solucións multilaterais, por exemplo coa súa saída do Tratado de París ou da Organización Mundial da Saúde.
Hoxe, a Operación Resolución Absoluta, dálle consistencia estratéxica ao realizado polos EUA durante o 2025 e ao tempo dálle a benvida ao segundo ano do mandato do Donald Trump 2.0. Así as cousas, temos diversas certezas e incontables incógnitas arredor da evolución dos escenarios a seguir.
A volta aos Imperios e as áreas de influencia configúrase como a principal hipótese momentánea dos EUA para conter a emerxencia chinesa, procurando afinidades con Rusia.
A primeira certeza é que a preparación do asalto a Venezuela nos últimos meses —desde o despregue da frota no Mar Caribe ata o peche por terra, mar e aire— é un caso práctico da nova Estratexia de Seguridade Nacional dos EUA, presentada no mes de novembro, así como do corolario Trump á renovada Doutrina Monroe. A segunda certeza é que a volta aos Imperios e as áreas de influencia configúrase como a principal hipótese momentánea dos EUA para conter a emerxencia chinesa, procurando afinidades con Rusia, que debiliten a alianza máis forte dentro do moi líquido bloque que representa o Sur Global. Como última certeza, o trumpismo leva décadas paríndose e globalizándose por medio do rexurdir da extrema dereita por todo o planeta, creando un pensamento estratéxico estadounidense que eliminou os consensos liberais coa UE, normalizando o negacionismo climático ou de xénero e popularizando discursos abertamente filoracistas e coloniais.
Todo isto dáse no marco dun estilo de gobernanza moi particular de Donald Trump, como foi claro na rolda de prensa posterior á detención do Presidente de Venezuela e a súa esposa, Cilia Flores. Ninguén se rendeu publicamente en Venezuela e aínda así afirmou que controlarán a transición do país, que durará anos, que poderán existir novos bombardeamentos e que nunca se excluíu a posibilidade dunha invasión terrestre. Unha transición chea de incógnitas e procesos en curso, non só en Venezuela.
Unha transición chea de incógnitas e procesos en curso, non só en Venezuela.
Ademais do inevitable deterioro do poder do goberno venezolano ao non poder conter a detención do seu Presidente, existen dúbidas inevitables: haberá algún tipo de resistencia do goberno encabezado agora mesmo por Delcy Rodríguez? Poderán existir outros liderados? Que papel ten no proceso a oposición venezolana encabezada por María Corina Machado? A captura de Maduro foi pactada? Con quen?
No curto prazo, diante destes feitos consumados, uns evidentes e outros gaseosos, Brasil anunciou a convocatoria dunha reunión de urxencia na CELAC e as Nacións Unidas discutirán a situación no marco do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. As respostas directas en Venezuela, así como nos marcos multilaterais, contornarán os seguintes episodios da crise venezolana e da evolución da situación, que dificilmente estará ausente de acontecementos non agardados.
Daniel González Palau é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).





