Cara onde vai a Unión Europea?

| As claves

As eleccións ao Parlamento europeo celebraranse nunha conxuntura na que parece estar bastante claro que os organismos dirixentes europeos (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo) non saben moi ben como pilotar unha UE que se move como un polo sen cabeza, pero a rebulo do que ditan a OTAN e os Estados Unidos. Presos dos vellos dogmas neoliberais (ou sería mellor dicir ordoliberais?) e sen luces longas pero sempre ao servizo dos grandes bancos, empresas e fondos de inversión.

Agora, e co gallo das guerras en Ucraína e Gaza, estes dirixentes no canto de apostar pola paz, como é o sentimento maioritario dos cidadáns europeos, alíñanse cos xigantes da industria da morte, e baixo o argumento de que temos que prepararnos para a inevitable guerra, incrementan sen medida o gasto público en armamento. Un incremento que vai paralelo a aprobación de novas regras fiscais que seguen poñendo o foco na austeridade fiscal e a rebaixa salarial. Todo isto a pesar, como xa sinalei nun artigo anterior en Tempos Dixital, do fracaso das anteriores.

En relación a esta nova retórica belicista dos dirixentes europeos eu non podo por menos que pensar en que dirían os lideres europeos que construíron a Unión precisamente para evitar que se repetiran as guerras.

A grande desgracia para os estados da Unión Europea é que estas decisións dos dirixentes europeos están a nos conducir a uns horizontes económico, social e político-militar moi escuros. A nivel económico, os datos (EUROSTAT) son incontestables: non só as débedas soberanas seguen disparadas (82% de media), con practicamente todos os estados en cifras superiores ao dato fetiche (60%), senón que as principais variables macroeconómicas están á baixa (o consumo e o investimento privados lastrados polo endurecemento da política monetaria e o arrefriamento do mercado laboral, o comercio exterior afectado pola perda de concorrencia derivada da evolución nos tipos de cambio e os prezos da enerxía). A nivel social as desigualdades seguen en aumento tanto entre estados como no interior dos mesmos, con diferencias descoñecidas nas últimas décadas. Unhas desigualdades que medran a carón dunhas crecentes ganancias do capital financeiro e monopolista, que é quen pon as regras na Unión e se beneficia de que os estados se endebeden. A nivel político-militar, esta estratexia belicista vai supoñer que, en contra do que nos venden, a Unión Europea incrementará a súa dependencia da OTAN, que é o mesmo que dicir dos Estados Unidos.

Neste marco non deberiamos sorprendernos se nestas eleccións europeas as forzas de extrema dereita, favorecidas polo crecente malestar que provocan estas políticas, incrementan notablemente a súa presencia no Parlamento Europeo.