Se o pasado 25 de xullo os líderes da OTAN, logo de acordar formalizar o seu compromiso inquebrantable de aumentar o gasto en Defensa até o 5% do PIB para os vindeiros dez anos, tiveran celebrado un desfile militar polas rúas da Haia con parada diante do Palacio da Paz -sede da Corte Internacional de Xustiza-, a cerimonia tería un remate final máis acorde coa natureza do acto. Un acto que supón unha auténtica estafa aos cidadáns e un desprezo a citada CIX.
Por que un desprezo á Corte Internacional de Xustiza? Por varias e evidentes razóns. A primeira, porque o espírito e o sentido desta Corte Internacional van en dirección contraria do camiño que segue a OTAN logo deste último cumio. Lembremos que a CIX, órgano xudicial das Nacións Unidas, ten como cometido central resolver xudicialmente as diferentes disputas entre os Estados que están baixo a súa xurisdición -a maioría deles son membros da OTAN- agás os Estados Unidos. Como tal, este organismo procura “a conciliación pacífica das discusións acontecidas en materia internacional”, o que supón ir en dirección contraria ao espírito recollido no recente cumio da OTAN e na propia filosofía política actual, e pasada, dos Estados Unidos, agora máis presente con Donald Trump ao fronte da Casa Branca. Unha filosofía política que vai na liña do imperialismo militar que historicamente representan os Estados Unidos. Un imperialismo militar que o que ten como obxectivo último non é a paz e a convivencia pacífica entre os pobos, senón a guerra. Unha guerra partidista e imperialista.
Por que unha guerra? Moi sinxelo, porque se finalmente os países da OTAN incrementan o gasto público en defensa (armamento e loxística) nas cifras en que se acordaron no último cumio é que non están pensando na paz, senón na guerra, no consumo e reposición de armamento militar, algo que, como nos ensinan as experiencias históricas, é o preludio das guerras.
Por que unha guerra partidista? Porque se analizamos as declaracións dos líderes presentes no cumio, a xustificación da maioría -coa loable excepción de Pedro Sánchez- foi a (criminal) invasión de Ucraína por parte de Rusia parecendo esquecer, por caso, o que está sucedendo en Gaza e Cisxordana, onde se están a cometer por parte do exercito israelí auténticos crimes de guerra, cos/as nenos/as palestinos/as como vítimas: xamais na historia da humanidade tivo lugar un xenocidio infantil de tales dimensións -van xa máis de 15.500 os/as nenos/as palestinos/as asasinados/as-. Poñer o foco exclusivamente en Ucraína -que ten dereito a defenderse- é unha opción política partidista, dos partidarios da guerra con Rusia que parecen esquecer que este país tamén forma parte de Europa. Dunha Europa que precisa de Rusia, e dunha Rusia que precisa de Europa. Algo que os Estados Unidos non acepta e, xa que logo, tampouco a OTAN -está na súa natureza-.
Por que unha guerra imperialista? Porque o enfoque político que os líderes da OTAN utilizan para situar a Rusia como un inimigo a derrotar parece esquecer como se chegou a situación actual en Ucraína. Que a invasión deste país soberano por parte de Rusia veu despois de que a OTAN -Estados Unidos e Europa- non respectara os acordos asinados no seu día con Mijaíl Gorbachov -daquela Presidente da Unión Soviética- polos cales este aceptaba a unión das dúas Alamanas a cambio de que aqueles se comprometeran a non ampliar a OTAN aos países do Leste, e moito menos a despregar mísiles nucleares neses territorios apuntando a Rusia. Promesa que non cumpriron confirmando así o espírito imperialista da OTAN que é o mesmo que dicir dos Estados Unidos.
Por que o acordo do cumio da OTAN é unha estafa para os pobos? Porque incrementar o gasto público militar ao 5% do PIB, é moito máis mantendo as políticas de austeridade, so é posible si se fai a costa de rebaixalo noutras partidas como, con toda seguridade, nas políticas públicas de benestar e na protección do medio ambiente. Unha opción política que supón substituír escolas e universidades, xardíns de infancia, hospitais e centros de saúde, residencias e centros de día… por tanques, avións de combate, mísiles e bombas… como quere a industria militar. Acaso isto non é unha estafa a cidadanía europea?





