O imperio contraataca: Donald Trump lanza o seu órdago

| As claves, Global

Os motivos de Trump están suficientemente claros. Non precisamos un título en psiquiatría avanzada para saber que é un megalómano psicópata que pretende gañar sempre: non se pode contemplar outra cousa. Ademais é un político astuto que comprende que os seus adoradores aceptarán facilmente a Gran Mentira… Nunca houbo algo como Trump en Occidente”.

Noam Chomsky

Donald Trump, ese megalómano psicópata como o define Noam Chomsky, vén de lanzarlle un órdago ao mundo: a intención da administración estadounidense de impoñer unha nova quenda de aranceis, nucleada en torno a un arancel mínimo global do 10%, que no caso da UE subiría ao 20% e da China ao 32% (que sumado ao que xa existía do 20% sería agora do 52%). Quedan excluídas dos aranceis Rusia, Cuba e Corea do Norte.

Para mellor entender as polémicas decisións da Presidencia dos Estados Unidos como, por caso, esta última sobre os aranceis, hai que pensar que Donald Trump actúa como se o seu país fora unha grande empresas e el o director executivo. Como sinala o manual do “bo xestor” (?), debe buscar obter as máximas ganancias para a súa empresa, e para conseguilo ten que ben eliminar os seus competidores ben facerlles máis difícil a competencia. Velaí a xustificación última dos aranceis: crear vantaxes comparativas para a súa empresa. Conseguirao?

Donald Trump actúa como se o seu país fora unha grande empresas e el o director executivo.

Pode pasar que no curto prazo os aranceis beneficien, ou esa é cando menos a intención do D. Trump, ás empresas estadounidenses localizadas en territorio nacional. Pero, economicamente, que pasará a medio e longo prazo? Incluso a curto prazo? Dado o enorme volume das importacións estadounidenses (son o principal país importador do mundo: 3 billóns de dólares en 2024 que equivalen ao 11,5% do PIB), parece lóxico pensar que Estados Unidos non vai poder prescindir facilmente dunhas importacións que agora, por mor dos aranceis, serán máis caras. Algo que vai supoñer arrastrar un grave risco: que a inflación se dispare, ou cando menos que suba significativamente, o que castigaría as familias e as pequenas e medianas empresas, a quen creará grandes problemas.

Por outra parte, estes aranceis aos maiores socios comerciais estadounidenses (China, México, Canada, Xapón, Alemaña…) vai provocar, xa está pasando, respostas similares por parte destes, con tamén subas dos aranceis aos produtos estadounidenses importados, algúns deles estratéxicos. Medidas que nalgúns casos, como sucede con China, se acompañarán doutras como o control das exportacións, incluso chegando a prohibir exportar determinados produtos cara aos Estados Unidos. Medidas que van provocar que empecen a escasear determinados produtos, materias primas claves e subministracións que dada a internacionalización da cadea de valor precisan moitas empresas manufactureiras estadounidenses, o que fará que estas teñan que pagar máis pola compra dos mesmos, o que repercutirá nos seus balances. De producirse esta situación, será máis que probable que a actividade económica estadounidense se resinta, con efectos nos empregos e nos salarios ademais dos prezos.

Donald Trump e os seus asesores esperan que a redución das importacións beneficie a produción nacional incrementando as súas vendas. Experiencias anteriores puxeron en evidencia que as cousas adoitan ir exactamente en dirección contraria.

Donald Trump e os seus asesores esperan que a redución das importacións beneficie a produción nacional incrementando as súas vendas. Experiencias anteriores puxeron en evidencia que as cousas adoitan ir exactamente en dirección contraria debido o subliñado con anterioridade: o carácter multinacional da cadea de valor e a reacción dos países afectados polos aranceis. Dous factores que farán que as empresas estadounidenses vexan como suban os seus custos de produción, o que afectará á conta de resultados. Por outra parte a hora de analizar o impacto destas medidas na balanza por conta corrente, un dato fundamental nunha economía tan aberta como a dos Estados Unidos, hai que ter en conta algo importante como que esta non se circunscribe ao comercio de mercancías senón que tamén comprende servizos, rendas e transferencias. Balanzas que son as que lle serven aos Estados Unidos para compensar os seus déficits comerciais pero que tamén se verán afectadas polos aranceis.

Por todas estas circunstancias, poida que iso de MAGA (Make America Great Again) teña que agardar, que en contra do que esperan as autoridades estadounidenses, as medidas que se están adoptando conduzan o país a unha recesión que, con toda seguridade, arrastrará a outras economías, maiormente occidentais, como é o caso de Alemaña. Unha recesión que se vería acompañada dun alza na inflación como xa están avisando, por caso, tanto a Cámara de Comercio como o propio Wall Street cando sinalan que o pantasma de 1930 pode reaparecer nos Estados Unidos. Nese ano, a adopción de aranceis co gallo de protexer a produción industrial autóctona provocou unha maior contracción da mesma que acelerou a Grande Depresión. As evidencias históricas xogan en contra, xa que nos ensinan que os aranceis aparecen asociados ao declive económico, que resulta moito maior cando se trata dunha economía tan aberta e potente como a dos Estados Unidos. A administración estadounidense debería atender ao que lle pasou a Gran Bretaña a finais do século XIX cando intento deter o seu declive con medidas proteccionistas.

Iremos vendo que pasa. Por se as cousas foran así, líderes políticos e gurús económicos de occidente (maiormente europeos) empezan a defender que a salvación da Unión Europea estará en incrementar o gasto en defensa porque “será beneficiosa para a economía… Unha oportunidade”.