A mundialización neoliberal, coas súas crises recorrentes, sumada aos enormes fallos na construción da Unión, que provocan grandes déficits democráticos, están conducindo a Europa a un nivel de degradación política, social e cultural sen precedentes dende a II Guerra Mundial.
Un imparable declive que ten o seu paradigma político no ascenso das extremas dereitas en practicamente tódolos estados da Unión Europea. Algo que, se hai uns días puidemos comprobar cos resultados electorais habidos en Portugal, antes sucedera en Alemaña, Austria, Dinamarca, Italia, Suecia, Holanda, Francia e España, entre outros. Un ascenso dos totalitarismos que se ve favorecido polas novas estratexias de moitas dereitas que, se durante décadas se presentaron como centristas e/ou liberal-conservadoras, na actualidade non teñen reparos en aliarse ou tender pontes ás extremas dereitas. Así, e logo das eleccións ao Parlamento europeo, o grupo do Partido Popular (PPE) tendeulle a man tanto a extrema dereita italiana de Giorgia Meloni como a outros partidos do seu grupo parlamentario. Unhas alianzas políticas que en Europa occidental non se daban dende a II Guerra Mundial, cando logo das terribles experiencias vividas (nazismo, fascismo) e coas excepcións temporais de España, Portugal e Grecia, chegouse un acordo tácito entre as dereitas e as esquerdas para impedir a entrada da extrema dereita nas institucións democráticas.
Estas dereitas extremas lonxe, por caso, de confrontar libre e democraticamente os seus proxectos políticos e culturais coas esquerdas, buscan o ataque persoal, directo e descualificador aos seus lideres.
Alianzas das dereitas conservadoras e as extremas dereitas que teñen lugar sen que estas últimas renuncien aos seus postulados profundos, a súa ideoloxía totalitaria. Non só non se produciu esa renuncia senón que, grazas á permisividade das primeiras, están conseguindo tanto introducir esa ideoloxía en relevantes aparatos dos estados como penetrar nas conciencias dun número crecente de cidadáns. Unha ideoloxía totalitaria á par que racista e xenófoba que busca desnaturalizar as institucións democráticas e deteriorar a propia convivencia cidadán. Así, estas dereitas extremas lonxe, por caso, de confrontar libre e democraticamente os seus proxectos políticos e culturais coas esquerdas, buscan o ataque persoal, directo e descualificador aos seus lideres e dirixentes usando como armas a mentira, a trola e incluso a intimidación física. Campañas de acoso e derribo que son unha proba elocuente de que estamos nunha fase histórica marcada por un profundo declive político, social e cultural que se favorecido “polo cambio de paradigma socioeconómico implantado pola mundialización neoliberal” (SAMI NAIR: “Europa encadeada. O neoliberalismo contra a Unión”).
Un declive que tres acontecementos exteriores á UE viñeron recentemente a acentuar: a guerra en Ucraína, o xenocidio en Gaza e os aranceis da nova administración estadounidense, quen puxeron en evidencia tanto a falta dunha política exterior e de defensa europeas como a intensificación das diverxencias internas. Logo de tres anos, a situación da guerra en Ucraína, cun número crecente de mortos e desprazados, infraestruturas esnaquizadas e sen que no horizonte inmediato se vexa un claro final, está poñendo dramaticamente en evidencia que a Unión Europea, carente dunha política común de defensa, móovese aos ditados da OTAN, que é o mesmo que dicir dos Estados Unidos. Unha subordinación que leva a que agora a solución ao conflito non pareza estar en mans da Unión Europea e de Ucraína senón de Rusia e os Estados Unidos. Unha subordinación que explica por que a Unión Europea se ten embarcado nunha carreira armamentística cuxa principal beneficiaría será a industria militar estadounidense.
Unhas conxunturas que podían ser oportunidades para que a Unión Europea ocupara no taboleiro internacional unha posición distante dos dous imperios en conflito.
En relación ao xenocidio en Gaza e Cisxordania, a postura da Unión Europea de non incomodar o goberno israelí, a pesar dos loables esforzos do goberno español por defender os dereitos do pobo palestino a ter un territorio e a vivir en paz, supón unha enorme mancha escura na imaxe de Europa cuxo desprestixio internacional vai in crescendo. Finalmente, non menos preocupante está sendo a súa incapacidade para facer fronte á ofensiva comercial da nova administración estadounidense. Unha ofensiva que busca subordinar Europa aos intereses dun imperio en decadencia que turra por recuperar un liderado perdido.
Unhas conxunturas que podían ser oportunidades para que a Unión Europea ocupara no taboleiro internacional unha posición distante dos dous imperios en conflito (Estados Unidos e China) e de defensa da paz, a democracia social, o medio ambiente, a relación amistosa e cooperativa entre os pobos na procura dos intereses xerais pero respectando as lóxicas diferenzas. Unha posición que suporía un maior acercamento da Unión Europea aos países do Sur global, onde a súa imaxe está en caída libre.





