O futuro de Groenlandia

Antecedentes

Diante das presións avanzadas por Trump para que Groenlandia pase a ser controlada pola superpotencia norteamericana (mesmo cunha oferta de inclusión como novo Estado federado naquela Unión), convén lembrar que chove sobre mollado. Pois segundo se resume na Wikipedia:

Tras la Segunda Guerra Mundial, Estados Unidos desarrolló un interés geopolítico en Groenlandia, y en 1946 ofreció comprar la isla a Dinamarca por 100 millones de dólares. Dinamarca se negó a venderla. En lo histórico, esto repitió un interés del secretario de Estado William H. Seward. En 1867 trabajó con el exsenador Robert J. Walker para explorar la posibilidad de comprar Groenlandia y quizás Islandia. La oposición en el Congreso puso fin a este proyecto… En agosto de 2019, el entonces presidente estadounidense Donald Trump incluso volvió a proponer la compra del país, lo que provocó que el primer ministro Kim Kielsen emitiera la siguiente declaración: «Groenlandia no está a la venta y no puede venderse, pero Groenlandia está abierta al comercio y a la cooperación con otros países, incluido Estados Unidos”.

O contexto

Sobre o actual encaixe institucional de Groenlandia no Reino de Dinamarca eu destacaría tres feitos relevantes. En primeiro lugar a súa saída da Unión Europea en 1985 mentres Dinamarca permaneceu nela. En segundo lugar a celebración dun referendo consultivo no ano 2008 no que se respaldou por ampla maioría pasar de ter unha simple autonomía a unha federación de facto (na Lei de 21 xuño de 2009, Copenhague conservaría o control sobre a Constitución, nacionalidade, Tribunal Supremo, defensa, seguridade, política monetaria, divisas e política exterior). E, en terceiro lugar, no preámbulo desa Lei figura a opción -aberta nese referendo- a exercer no futuro o dereito a autodeterminación ben cunha posible independencia, unha unión federal explícita ou ben confederal (CIDOB, 2018: 74).

Sobre o actual encaixe xeo estratéxico de Groenlandia cómpre sinalar a xigantesca dimensión territorial e dos seus recursos minerais, enerxéticos ou pesqueiros, así como a súa posición crucial nas novas rutas marítimas do Ártico e nas comunicacións globais. O que non é alleo a que a día de hoxe Dinamarca destine máis de sete mil euros ao ano por habitante (442 millóns de euros para 60 mil habitantes) daquelas terras.

Escenarios de futuro

De xeito que mentres Groenlandia non exerza o seu dereito a autodeterminarse ben como Estado independente, ou confederado con quen lle pete (Dinamarca, Canadá, Estados Unidos, …), a súa defensa diante de quen queira sacala da virtual federación na que a día de hoxe vive dentro do reino de Dinamarca correspóndelle a este Estado. Dende logo non a Unión Europea, da que para empezar Groenlandia non forma parte por decisión propia, e na que aínda que estivera non temos política de defensa común real.

Claro que a defensa militar por parte de Dinamarca contra dunha inxerencia externa, por caso dos Estados Unidos, atoparíase co paradoxo de que como membro que é da OTAN terían que acudir na súa axuda todos os membros, incluídos os propios Estados Unidos (con bases militares en Groenlandia), que mandan na OTAN. Un bo lío, si señor.