O caso Errejón e a ética xornalística

Dun xornal da miña máxima confianza (DIARIO PUBLICO) recollo a seguinte información relacionada co caso Errejon: “algunhas televisións estano convertendo nun espectáculo morboso. Un exemplo son as imaxes aparecidas en programas como Y ahora Sonsoles ou Tarde Ar perseguindo pola rúa ao pai de Errejón”. As televisións de referencia son Antena 3 e Telecinco, famosas pola súa afección ao telelixo.

“Nos vídeos”-continúa o diario- “vese como o proxenitor de Errejón lles recrimina a súa actitude, dilles que non lle deixan camiñar e déixalles claro que non quere falar. Peso a isto ségueno perseguindo micrófonos e cámaras en riste”.

Como cualificar este tipo de xornalismo profesional? Onde queda a ética e o respecto aos dereitos dos cidadáns? Para estes medios, todo vale? Preguntas que se un ten a paciencia de segui-la traxectoria da maioría das televisións e radios privadas, revistas chamadas do corazón, e medios de información tamén privados pero subvencionados, atopan cumprida resposta. Dende hai xa algunhas décadas estes medios veñen especializándose nas liortas entre pais/nais e fillos/fillas máis ou menos famosos/as. Liortas que en non poucos casos son promovidas, financiadas e ampliadas por estes medios que as intentan converter en seriais de longa duración e con cada vez máis protagonistas (familiares, amigos/as, veciños/as…). Para maior impacto, estes medios procuran que non falten nin os insultos nin a agresividade entre os/as protagonistas.

A estes medias non parece importarlles que este tipo de informacións non respecten unha mínima ética xornalística. Tampouco que estean fomentando a agresividade e a falta de respecto para os demais. Que se desborden tódalas liñas vermellas. Por que o que si lles importa é gañar audiencias e lectores para así sanear os balances das empresas donas deses medios.

Dende unha óptica democrática e progresista, cívica, cabe facerse unha serie de preguntas como as seguintes: ata onde pode chegar este tipo de estratexias informativas? Somos conscientes os cidadáns de para onde nos están levando? Seguirase consumindo este lixo informativo? Na información e na opinión, todo vale con tal de gañar audiencias e lectores?

Algúns temos claro que a resposta é NON.