O bipartito e a amnesia social

“Voltando-se no caminho onde não há regresso,
qual de nós pode dizer que o seguiu como o devia ter seguido?”
(Fernando Pessoa, O livro do desassossego)

Xa alá van vinte anos dende a conformación do bipartito (08/2005 – 04/2009) e, malia a augarrás que nunca deixaron de fabricar os alquimistas do autoodio, para esluír calquera esperanza que devece por agromar cada madrugada, non deberiamos permitir que sigan gurrando contra a xente e contra o país para borrar, dos mapas da política e da memoria, aquel efémero e apaixonado período de conquistas socio-económicas, culturais e identitarias capaces de producir a estrutura que, se non fora disipada polo Partido Popular e os seus xerarcas, nos permitiría alcanzar o desexábel nivel de benestar social e de desenvolvemento, onde a identidade (a nación) e a igualdade (dereitos sociais) ficarían plenamente consolidados nestes tempos de tanta incerteza.

Entón, se naquela etapa a paisaxe era tan fulgurante, como pasou o que pasou? Pois, en primeiro lugar, porque a gadaña do mal nunca descansa, e os poderes económicos e mediáticos antigalegos (os galegos nunca existiron), parapetados detrás dun PP sen escrúpulos, nunca deixan de traballar a favor do retroceso e en contra de que o país se dote de ferramentas políticas propias; en segundo lugar, palpábase no ambiente, o PSOE e o BNG carecían de cultura de coalición e, ademais, non tiñan ansia de fomentala. E, talvez tamén, porque nas entrañas do BNG había sectores (Os identificados con Beiras e coa UPG-CIG) que, cada un á súa maneira, non se sentían a gusto co proxecto impulsado por Anxo Quintana dende a pata nacionalista do goberno.

E así, camiñamos ata aquí. No ano 2009, canda o bipartito, licuouse o dique de argamasa que se estaba fraguando para dotar de contido o corpo identitario galego (lingua, cultura e tecido empresarial autóctono), Galicia perdeu o recoñecemento que tiña gañado nos foros do Estado (nas Cortes non pintamos case nada, no resto do bosque estatal xa non digamos, e as formacións políticas nacionais de Euskadi e Catalunya ignórannos completamente), os servizos públicos básicos (sanidade, educación, servizos sociais universais, etc) minguan sen remedio e o bíceps que se estaba aceirando foise ao nabo. Nesta poula de descoido e frouxidade nace e medra unha nova e gran coalición na que, por activa ou por pasiva, participan todas as forzas políticas que operan no país, é a coalición da amnesia social, dotada dun lema indiscutíbel: os legados do pasado, por espléndidos que foran, sempre son pretérito imperfecto, por tanto o mellor antídoto é tratar de ignoralos.

Talvez sexa casualidade, mais despois do bipartito a política foise convertendo na actividade profesional dunha elite autopropulsada e excluínte (para os nosos tamén) onde a xente do común case non pinta nada. Así é que aí estamos, convertidos en masas avelladas de cidadáns (simples votantes) que xa non sabemos nin nos interesa o significado de conceptos como ilusión, utopía, altruísmo,… País, esperando que nos digan o futuro que nos agarda.

[Di o meu tío Lisardo que, para entender o presente e construírmos futuro, é imprescindíbel aguzar a memoria e mirar cara a atrás de cando en vez, ou volver a ese camiño onde non hai regreso, como di Pessoa, un camiño que cómpre percorrer, sen que semellante tarefa non nos leve a imbuírnos na autocontemplación ou nesa errada crenza de que calquera pasado foi mellor. O futuro será sempre mellor, aínda que naza dun presente encerellado nas silveiras de arame aceirado que, ás veces, parece que somos incapaces de desembeleñar].