O acelerador da bomba inmobiliaria

Sosterei nesta breve análise que se no ano 2008 o sistema financeiro foi o grande acelerador por activa da burbulla inmobiliaria que nos levou á Grande Recesión, nestes momentos -por pasiva- é un grande acelerador do bum dos prezos inmobiliarios en España. Daquela foi prestando o diñeiro moi barato, agora non pagando case nada polos aforros. Explícome brevemente.

Nunha recente información sobre a situación do aforro depositado nos bancos do Reino de España destacábanse dúas cousas que chaman a atención. Que en España -por unha banda- hai máis dun billón de euros en contas bancarias e, por outra, que os rendementos que perciben os aforradores está moi por baixo da inflación anual. Pois o rendemento medio dos depósitos anda, no mellor dos casos, por baixo do 1 % segundo o Banco de España (e a inflación ao redor do 3 %).

Non debera estrañar que nesta rateira os aforradores daquel billón de euros procuren investir en activos que lles permitan frear a perda de valor do seu aforro en termos reais. E é aquí onde aboia unha xigantesca bomba financeira para investir no parque de vivenda (nova e, sobre todo, usada) para alugueiro (sobre todo turístico ou de temporada).  Unha bomba alimentada pola man de ferro coa que a banca española (non) remunera o aforro. Unha faciana que, non por casualidade, nin se nomea no informe que estou citando.

Acertan outros cando sosteñen que hai que “poner fin a la compra y tenencia de viviendas con fines especulativos; los grandes fondos de inversión están adquiriendo cientos de miles de casas no para que vivan familias, sino para especular con los precios”. Claro é que non só son os grandes fondos os que ven na vivenda un “activo financeiro” como ben din as Ministras de Sumar  (El País, 14 xaneiro 2026). Porque a unha ducias de investidores profesionais (internos i externos) únense milleiros de pequenos investidores na procura de que a inflación non se coma os seus aforros.

Tampouco teño observado que o Banco de España estea sendo belixerante para que esta bomba especulativa inmobiliaria deixe de estar acelerada polo control oligopólico que o sistema financeiro ten sobre os intereses con que remunera aos aforradores.

De feito aínda que é ben sabido que boa parte da bomba inmobiliaria de prezos en España deriva de compras ao contado ou con hipotecas parciais (alimentadas por ese aforro que se deprecia nos bancos), nunca teño escoitado que o motor desta burbulla teña que buscarse na trastenda do grande negocio que están a facer os bancos (as súas contas de resultados de record así o indican ano tras ano). Pois mentres os intereses pagados polos depósitos están polo chan, o oligopolio bancario cobra polos seus prestamos intereses suculentos (por riba do 4 %, ver no gráfico). Negocio redondo.

Tampouco teño observado que o Banco de España estea sendo belixerante para que esta bomba especulativa inmobiliaria deixe de estar acelerada polo control oligopólico que o sistema financeiro ten sobre os intereses con que remunera aos aforradores. Pois si pagasen por riba do 2 % (en liña das Letras del Tesoro) por vez de por baixo do 1 % a cousa algo cambiaría. Claro que daquela os “creadores de mercado” (así lle chaman a esta tropa os expertos) non poderían gañar o dobre do que pagan aos aforradores investindo en prestamistas do Estado.

Mesmo por riba do 2 % poderían seguir gañando -certo que moito menos- prestando ao 4 %, pero ao menos a bomba especulativa inmobiliaria (que vai na procura de rendementos no mercado salvaxe dos alugueiros moi por riba do 5 % segundo Idealista, El Mundo 15/1/2026) tería menos gasolina para medrar.

Temos aquí un exemplo  de como a fame de lucros dos banqueiros (pastoreados co cariño dun Banco de España seica “independente”) pode empurrar ao país a un colapso residencial, que mesmo impide a libre circulación dos traballadores. Que mesmo o capital predica que tan necesaria é para a produtividade. E así o crecemento dos ocupados en España, ao ser máis elevado para os traballadores entre 20-30 anos, estase precarizando polos crecentes gastos de vivenda que teñen que enfrontar estes non propietarios.

A actual bomba especulativa coa vivenda é o resultado da simbiose de dúas forzas descomunais.

Remato. A actual bomba especulativa coa vivenda é o resultado da simbiose de dúas forzas descomunais. Por unha banda o millonario turismo de masas non residentes, que alimenta o crecemento singular da economía española, e unha demanda explosiva de vivenda para uso turístico e, por outra, o billón de euros aforrados polos residentes que case non é remunerado polos bancos. Unha treboada perfecta.

O presidente Sánchez terá unha boa ocasión en Davos de falar deste proceloso asunto cos nosos banqueiros mesmo en presencia do gobernador do Banco de España. Porque rebaixar a fiscalidade deses rendementos salvaxes dos alugueiros non é, á vista do que precede, máis que botar gasolina ao lume da bomba inmobiliaria. Bomba que por pasiva alimentan os nosos banqueiros.