Non hai sorpresas. Era previsible que Donald Trump se quixese poñer á fronte da barbarie que ameaza o mundo. Agora xa sabemos por que reclama, por caso, que os países da OTAN incrementen ata un 3% do PIB o gasto militar: para alimentar a súa industria armamentística e incrementar as guerras no mundo. Unhas guerras que el decide cando e onde, quen son os inimigos e quen os amigos, quen pode ter e quen non armamento nuclear, incluso industria nuclear. Donald Trump non precisa para isto nin a aprobación do Congreso estadounidense nin moito menos da ONU: el é o novo xendarme do mundo e como tal actúa segundo quere porque como declara orgulloso, “non hai exercito que poida facer o que nos”
Pero durante a súa campaña electoral non prometera que ía rematar con tódalas guerras e traer a paz ao mundo? Que nunha semana poría fin a guerra en Ucraína e ao xenocidio en Gaza? Cambiando de terzo, diante desta nova agresión criminal de Estados Unidos, esta vez a Irán, que pensa facer Europa, a Unión Europea? Adoptará a mesma postura que con relación a Iraq? Ou, por caso, fará seu o principio político-militar do criminal de guerra Netanyahu de que “primeiro vén a guerra, logo vén a paz”? A propósito do papel da Unión Europea no mundo, cómpre lembrar que este ataque estadounidense ten lugar moi pouco despois de que diplomáticos da Unión Europea celebraran en Xenebra unha xuntanza co Ministro de Exteriores de Irán co gallo de intentar chegar a un acordo sobre o programa nuclear irano. Neste marco, o ataque non deixa de ser unha manifestación mais de como para a Administración Trump a Unión Europea non conta en política internacional: “os iranianos non queren falar con Europa, queren falar connosco” (Donald Trump).
Neste marco, o ataque non deixa de ser unha manifestación mais de como para a Administración Trump a Unión Europea non conta en política internacional.
Todos lembramos as mentiras con que a administración Bush buscou xustificar os seus ataques a Iraq de hai dúas décadas, “a existencia de armas de destrución masiva” que nunca se atoparon, tampouco armas químicas. Agora o mesmo argumento cando se sabe que é mentira, que os propios servizos secretos estadounidenses aseguraron que Irán non estaba construíndo armas nucleares. Os ataques a Iraq deixaron tras si miles de mortos e un novo estado falido nunha rexión -Oriente Medio- xa de por si moi inestable, ademais de fame e miseria para a maioría dos iraquís. Será Irán o seguinte?
Este ataque á soberanía dun país vén ser un novo chanzo na crecente inseguridade e risco de guerra mundial que vive o mundo hoxe en día. Supón tamén levar a morte e o sufrimento a outro pais onde os seus habitantes xa sufrían as penurias dun réxime ditatorial e dun bloque criminal.
Pero aquí, aquí arriba no Norte xa estamos no verán e axiña poderemos ir á praia a poñernos morenos e comer marisco. Claro que cando comprobemos o novo prezo dos carburantes poida que nos acordemos de Iran, Iraq… e de todos os “imperios do mal”.





