Non é un plan de paz: é un ultimato

| As claves, Global

O Plan de Paz que vén de presentar Donald Trump para Gaza non é un Plan de Paz, porque non é a paz o que persegue senón que realmente o que busca é a rendición total de Hamás e a desaparición do pobo palestino como tal. Pero cabería agardar outra cousa?

NON. Dun “plan de paz” redactado polos autores materiales, directos e indirectos, do xenocidio non cabía agardar nada positivo para os palestinos. Un plan de paz de cuxa xestión non so se exclúe a Hamás senón tamén a Autoridade Palestina: cabe maior hipocresía?

Un plan de paz que supón aceptar que Gaza pase a ser xestionada polos xenocidas cuxa criminal actuación quedaría así lexitimada. Por que este plan tal e como está redactado supón que Gaza estaría gobernada temporalmente por Donald Trump e… Tony Blair! Ata cando estaría este goberno de transición? De transición cara a onde? Cando Israel abandonaría Gaza? Cando Gaza deixaría de estar ocupada?

Donald Trump esíxelle a Hamás que libere os reféns. Que garantías habería de que se Hamás cumpre esta parte do acordo Israel deterá o xenocidio e deixará entrar os convoios de alimentos e medicinas? Cando poderían retornar os fuxidos? Cando se liberarían os presos palestinos que se amorean nas cadeas israelís e cando os gazatís detidos tal e como se promete no acordo? Acaso Netanyahu é mais fiable que Hamás?

Por caso, e en relación ao anterior: que papel se lle asigna ás Nacións Unidas neste plan de Paz? Ningún. Que posición ten a Unión Europea? Esta segue coa súa dobre vara de medir segundo se trate de Palestina ou de Ucraína, de Israel ou de Rusia. Que cinismo!

Como sinalan non poucos analistas, Hamás está entre a espada e a parede. Se non acepta o plan de paz se culparaselle de que siga o xenocidio. Pero se o acepta será a súa desaparición e que os palestinos queden sen interlocutor… e sen un país propio porque Gaza seguirá ocupada.

Pobres gazatís, pobres palestinos. Pase o que pase, haxa acordo ou non, seguirán no mellor dos casos sometidos a un réxime de apartheid… no seu propio país… No peor, seguirán co seu eterno exilio.